"A igualdade non é un tema de dereitos da muller, senón de configuración da sociedade"

Presentación do estudo, este martes. María Xosé Rodríguez Galdo, en primeiro termo © USC

As mulleres docentes ou investigadoras da USC dedícanlle cada día ás tarefas do fogar cando menos unha hora máis que os seus compañeiros varóns, segundo revela o estudo Corresponsabilidade familiar e empregos do tempo no ámbito universitario, dirixido pola profesora María Xosé Rodríguez Galdo, e baseado en 649 enquisas contestadas polo persoal docente e invetigador (PDI) da Universidade de Santiago. Un tempo extra de traballo doméstico que, segundo a investigación, as mulleres detraen do seu traballo externo, do estudo ou do seu ocio.

As mulleres docentes ou investigadoras da USC dedícanlle cada día ás tarefas do fogar cando menos unha hora máis que os seus compañeiros varóns

Onde se aprecia máis claramente a desigualdade do reparto do traballo é nas actividades de limpeza e alimentación e tamén nas de coidados. Os homes só dedican máis tempo que as mulleres a facer a compra entre semana. No coidado de fillos e enfermos tamén se aprecian diferenzas entre o tempo que dedican os homes e as mulleres, sendo no caso dos fillos de ata unha hora máis para as nais (tres horas e 30 minutos durante a semana e sete horas e 15 minutos os sábados) e no caso de enfermos e dependentes de máis de dúas horas en favor das mulleres (durante a semana unha muller emprega nesta tarefa ata tres horas). As diferenzas danse tanto nos días laborais, cando as mulleres dedican dúas horas e 31 minutos ás tarefas domésticas, como nas fins de semana, cando este tempo aumenta a catro horas e 15 minutos os sábados e 3 horas e 38 minutos os domingos.

O estudo tamén reflicte que a incorporación da muller ao traballo externo se fai non a conta da corresponsabilidade (o home non comeza a asumir máis tarefas), senón a conta das axudas externas (a través da contratación dalgunha persoa para que limpe, cociñe ou coide os fillos e fillas, ou das axudas dos familiares).

A incorporación da muller ao traballo externo faise non a conta da corresponsabilidade (o home non comeza a asumir máis tarefas), senón a conta das axudas externas

A profesora Rodríguez Galdo, que coordinou a investigación, salienta que a igualdade debe verse "como un tema do conxunto da sociedade, de organización da sociedade, non como un tema de mulleres ou dos seus dereitos". Destaca que hai avances, pero que estes se producen con moita lentitude: "Está habendo un cambio nas novas xeracións, sobre todo no coidado dos fillos e as fillas, pero dedicación ás tarefas das mulleres novas segue sendo moito máis importante".

Explica, ademais, que no momento de distribuír a enquisa entre os profesores e investigadores da USC "algunhas preguntas provocaron indignación", cando interrogaban sobre a situación da corresponsablidade dentro da casa. "Pero despois, cruzando os datos, vemos que a realidade segue estando lonxe do desexable. Unha cousa é que se admitiran uns conceptos e unha terminoloxía, e outra cousa é a realidade", di. "Hai moitos atavismos e modelos nos que hai que romper e avánzase con dificultade". De feito, aínda que se podería esperar que a corresponsabilidade estivese mellor asumida (por formación e por estatus social e económico) entre o PDI da USC que no conxunto da sociedade, a realidade que amosa o estudo é que hai pouca diferenza coas investigacións que tomaban como universo o conxunto da poboación.

A profesora, que realizou un bo número de investigacións neste campo, destaca que "houbo políticas de conciliación que trataban de facilitar a mellor adecuación de mulleres ao mercado laboral pero que non ían ao fondo da cuestión e quedaron moi curtas". Por iso, engade, "preferimos falar de corresponsabilidade e de salientar que a igualdade é un problema integral, de constitución da sociedade". "E non hai que esquecer que unha corresponsabilidade efectiva tamén sería importante para mellorar a natalidade en Galicia", di.

Moitas mulleres "non valoran boa parte do traballo que fan na casa, e case sempre fan varias tarefas simultaneamente e non as valoran como tempos independentes"

De igual xeito, Rodríguez Galdo salienta a importancia que neste tipo de estudos, baseados nas respostas a unha enquisa, teñen "as distintas vivencias do tempo" de homes e mulleres. A profesora comenta que as mulleres, en xeral, pero sobre todo as que traballan todo o día como amas de casa, "non valoran boa parte do traballo que fan na casa, e case sempre fan varias tarefas simultaneamente e non as valoran como tempos independentes". Pola contra, normalmente os homes "dado que a súa actividade fundamental adoitaba estar fóra da casa, todo o que fagan na casa o contan como tarefa". Por exemplo, algunha estatística que indica que os homes dedican máis tempo ao coidado dos fillos se debe en boa medida a que contabilizan todo o tempo que pasan con eles, como por exemplo levalos á escola. E, en cambio, moitas mulleres non valoran ese tempo. "Os homes teñen unha diferenciación de espazos e tempos, mentres que nas mulleres dáse unha continuidade", conclúe.

 

O valor económico das tarefas do fogar equivale á metade do PIB 

Hai un ano o IGE levou a cabo, na súa Conta Satélite da Produción Doméstica, un cálculo do valor económico das tarefas domésticas (non retribuídas) realizadas en Galicia. E concluíu que se estes labores tivesen unha equivalencia en salario e tempo traballado o seu valor acadaría os 28.649 millóns de euros, o que representa o 50,6 por cento do PIB galego. Ese mesmo estudo tamén recollía que os varóns só dedican 2,1 horas ao día a actividades do fogar, incluído o coidado e atención de nenos e dependentes, fronte ás 4,7 horas que empregan as mulleres galegas. Ademais, observábase unha evolución moi lenta dende o anterior estudo sobre a cuestión, realizado hai dez anos. En 2003 as mulleres dedicaban 4,8 horas a estes traballos, por 1,7 horas os homes.

Unha investigación semellante, realizada pola USC en 2009, sinalaba igualmente que se ese peso económico das tarefas domésticas computase no PIB galego, este incrementaríase nun 36%. Ese mesmo estudo subliñaba que un de cada tres homes recoñecía non facer "nunca" nada na casa, mentres que só o 6% das mulleres podía dicir o mesmo. Os datos do conxunto de España, obtidos das investigacións do INE, son semellantes. En 2011 as mulleres dedicaban cada día dúas horas e cuarto máis que os homes ás tarefas do fogar. En sete anos homes recurtaran a diferenza en 41 minutos.

Presentación do estudo, este martes. María Xosé Rodríguez Galdo, en primeiro termo © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.