A indignación bérrase no Eume e en toda Galicia

A asemblea celebrouse nas portas da Casa do Concello de Pontedeume © @noemymartinez7

Unhas 800 persoas concentráronse este luns diante do Concello de Pontedeume para conformar a Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume e en en protesta pola xestión do incendio que arrasou unha parte deste bosque atlántico. Ao xeito do movemento 15-M, unha asemblea aberta na principal praza da vila xuntou xente anónima con representantes de colectivos ecoloxistas e políticos para conformar un grupo que coordine as reivindicacións e a esixencia de responsabilidades tras os lumes. O acto rematou cunha manifestación que percorreu as rúas da localidade.

Algún berro de “dimisión”, que facía lembrar ás protestas tras a catástrofe do Prestige, e algún outro de “políticos fóra”

Algún berro de “dimisión”, que facía lembrar ás protestas tras a catástrofe do Prestige, e algún outro de “políticos fóra” xurdiron de entre a xente que asistiu ás invertencións abertas que comezaron coa lectura dos catro puntos que, á espera da confirmación da futura plataforma, serán os eixos sobre os que se basee este colectivo. A sensibilización da opinión pública sobre o valor das Fragas, a petición dunha investigación exhaustiva do acontecido, a solicitude de medidas para a rexeneración do bosque e a esixencia de responsabilidades penais e políticas “se as houber” foron as catro reclamacións. Os promotores, que deixaron clara a apertura da plataforma a calquera colectivo e persoa anónima, repartiron logo documentos cos que conformar o primeiro grupo desta agrupación que nace dunha indignación que se deixou sentir, e moito, nas intervencións.

Megáfono en man, máis dunha ducia de persoas dirixíronse aos presentes reivindicando, sobre todo, unha nova política forestal para a zona do Eume e para toda Galicia, así como que a clase dirixente asuma as súas responsabilidades ante a catástrofe. “Estamos vivindo enriba dunha fogueira”, chegou a dicir un dos intervintes, entre os aplausos dos asistentes, que non dubidaron en recuperar o berro de “Nunca Máis” nalgún momento.

“Estamos vivindo enriba dunha fogueira”, chegou a dicir un dos intervintes, entre os aplausos dos asistentes, que non dubidaron en recuperar o berro de “Nunca Máis”

Críticas á futura Lei de Montes, á clase política dirixente, ao abandono do monte ou á escasa coordinación dos medios de extinción xuntáronse con berros en contra da que moitos dos asistentes consideraron “manipulación informativa” dos medios públicos galegos. Incluso se informou da intención de crear un grupo de voluntarios para as futuras accións de recuperación da zona queimada.

Como nas manifestacións pola catástrofe do Prestige, foron moitos os que se amosaron fartos das desfeitas ecolóxicas que de cada pouco afectan ao país, pero tamén como nas protestas do 15-M, foron moitos os que criticaron as intervencións dalgún dirixente que virou a súa intervención cara a un discurso maioritariamente político e sen case referencias aos problemas derivados do incendio. Ao final do acto, e entre pequenos carteis de “Nunca Máis”, unha pancarta xurdiu entre os asistentes. “Isto é terrorismo ambiental”, dicía.

A asemblea celebrouse nas portas da Casa do Concello de Pontedeume © @noemymartinez7
A concentración converteuse nunha manifestación improvisada polas rúas da vila © @iagovarela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.