A iniciativa popular dálle a Ferrolterra a súa escola infantil en galego

Escola infantil de Avoaescola en Narón © Avoaescola

Varios anos despois e logo dun enorme esforzo, a sociedade cooperativa Avoaescola pon a andar a súa primeira escola infantil en galego para nenos de até 3 anos. Abre así en Ferrolterra un centro educativo que pretende ser a primeira peza dunha rede dentro dun proxecto educativo "laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade" que busca espallarse por todo o país.

Avoaescola abre en Narón a súa primeira escola infantil en galego e cun proxecto educativo "laico, pluralista e democrático"

Situada no centro urbano de Narón, no Alto do Castiñeiro, a escola infantil -froito do proxecto cooperativo Galiza co Galego- convértese así nunha nova alternativa para a educación dos máis pequenos. Unha galescola que pretende converterse en rede e que segue os pasos de iniciativas semellantes, co galego como lingua vehicular, como a de Semente en Compostela. O centro realizará todas as accións, actividades lúdicas e educativas en lingua galega, "co fin de que nenas e nenos acaden o seu uso nas relacións afectivas e de comunicación, tanto sociais como familiares".

"Aquí non hai ideoloxía; só buscamos xente que queira que o seu rapaz fale e entenda o galego, como algo normal. Que queira que o pequeno poida ir xogar a un parque e falar en galego e cambiar ao castelán sen problema, con toda a naturalidade", insiste Francisco López, presidente da sociedade cooperativa e director da Avoaescola de Ferrolterra.

Pero ademais, a escola infantil ofrece un espazo educativo "inclusivo, laico, amábel, respectuoso e aberto á comunidade social da súa contorna" e centrado nunha educación que "respecte o ritmo e características" de cada rapaz. "Utilizamos unha pedagoxía que parte da indagación e da investigación-acción, cunha metodoloxía activa, participativa e colaborativa, en busca da consecución da autonomía dos nenos fomentando valores como a igualdade, a solidariedade, a empatía, o respecto, a coeducación, a tolerancia e o coidado polo medio ambiente", explica a dirección do centro, que se completa con tres mestras infantís que son á vez pedagogas ou psicopedagogas.

A escola infantil é unha cooperativa popular na que as familias asociadas "teñen poder de decisión sobre o seu funcionamento e mantemento"

Despois de varios anos de loita e coa achega de socios e familias, Avoaescola conta agora cun espazo con aulas, zonas de psicomotricidade, área de xogo ao aire libre, espazos verdes e até unha horta ecolóxica. E confírmase como unha cooperativa popular "na que as propias familias asociadas teñen poder de decisión sobre as cuestións relacionadas co funcionamento e mantemento da escola e na participación co persoal educativo na xestión e dinámica educativa".

"Pero está todo por facer", aclara Francisco López, que advirte das dificultades para sacar adiante ao proxecto. Por iso, fai un chamamento á sociedade para que colabore facéndose socio do proxecto, así como ás familias interesadas nunha escola infantil con prezos máis que asequibles. "Fáltanos un impulso informativo e máis achegas porque o difícil xa non é abrir a escola, senón asentar o proxecto e conseguir unha base económica que nos permita seguir espallando as escolas por outros puntos de Galicia", insiste. "Os apoios de agora servirán para fortalecer a iniciativa e ter capacidade para afrontar outras iniciativas", explica.

A dirección do proxecto lembra que "está todo por facer" e que son necesarios máis socios "para asentar o proxecto"

Así, Avoaescola ten prezos económicos e unha promoción de benvida do 50% de desconto para o primeiro mes. Ademais, ofrece facilidades de pago para facer efectivas as axudas da administración ou empresas (como cheque infantil ou bolsas) e garante a escolarización dos nenos durante o curso no caso de problemas económicos da familia. Desde 230 euros ao mes, os nenos acoden á escola en xornada completa (8 horas), un importe que vai baixando até os 150 euros por media xornada (4 horas) ou os 75 euros ao mes por dúas horas ao día.

"Está aberta de luns a venres de oito e media da mañá a seis e media da tarde; dispón de servizo de horas soltas, así como atención alimentaria para o xantar ou a merenda das crianzas", explica a dirección, que afronta con ilusión a primeira etapa da que pretende ser un proxecto en rede e para toda Galicia, pero que nada será se non asenta con forza os seus alicerces.

Escola infantil de Avoaescola en Narón © Avoaescola

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.