A insubmisión ás reválidas aumenta na segunda xornada das probas en Galicia

Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Os centros galegos celebraron este xoves a segunda xornada da polémica reválida en 6º de Primaria. Logo dun alto absentismo tras a petición de boicot por parte das anpas, organizacións sindicais, plataformas polo ensino público e mesmo a oposición, as probas volven realizarse con escasa presenza do alumnado, especialmente nos colexios públicos. E mesmo aumentou o absentismo. 

O absentismo nas aulas de 6º de Primaria mesmo aumentou un chisco na segunda xornada da reválida

Se algo queda claro na celebración da reválida é que é unha proba que conta cun fondo rexeitamento na comunidade educativa. As anpas situaron o absentismo entre un 70 e 80% o mércores e a Xunta recoñeceu ata un 40% incluíndo os centros concertados e privados. Desta vez, Confapa cifra no 67,5% o seguimento do boicot -fronte ao 67,2% da xornada anterior- segundo os seus datos, mentres que os da Confederación de Anpas Galegas e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público indican que se superou o 80%. "O éxito é total e aínda maior", lembran. 

O boicot triunfou especialmente nalgunhas zonas, como no Barbanza, e outra vez menos nos centros privados e concertados. Nos públicos, a experiencia  foi semellante á da xornada anterior. Falamos co director dun CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria) dunha vila media que é, ademais, profesor en 6º de Primaria e coñece de primeira man a experiencia dos seus alumnos. 

"Ás familias, en xeral, non lles parece lóxica unha proba deste tipo a estas idades tan temperás", di o director dun colexio de Primaria de Sada

"Ás familias, en xeral, non lles parece lóxica unha proba deste tipo a estas idades tan temperás", resume Miguel Gayoso, director do CEIP Sada y sus Contornos, na localidade sadense. Ao primeiro día da reválida acudiu un 25% do alumnado e nesta segunda xornada a asistencia reduciuse aínda máis, ata o 20%. "Vese que os pais confiaron máis nos argumentos e queixas que expresaron as anpas ca no que lles dicía a Xunta", insiste o responsable deste colexio. 

Precisamente, unha das queixas máis habituais entre as familias e as organizacións sindicais é a "presión innecesaria" á que se somete a nenos moi pequenos. Gayoso non ten dúbida. "Están estresados porque non se atopan non seu ámbito; altéranse ante a proba porque non é algo ao que estean afeitos", explica o profesor, que cre que a reválida, "tal e como está pensada, non achega nada". "Se o que se pretende é avaliar o centro ou o sistema educativo, non se pode basear só nun exame aos alumnos", engade, tras advertir que "hai moitas cousas que afectan e que non teñen que ver nin cos colexios nin cos nenos". "A Administración cambia a lei cada catro días e non se ten en conta isto que, na miña opinión, pode ter moito máis incidencia", insiste. 

O director e profesor de 6º de Primaria recoñece o "estrés" dos alumnos ante a proba e rexeita que a avaliación a un centro se basee nun exame aos nenos

Para Miguel Gayoso, todo derívase da aplicación dunha lei educativa, a Lomce, "que non é froito de consensos". "As normas no ensino teñen que xurdir de acordos e consensos; as maiorías parlamentarias teñen a lexitimidade que teñen, e ninguén as cuestiona, pero hai cuestións claves que deberían deixarse á marxe delas e da polémica política", asegura quen lembra que a lei Wert "naceu imposta á comunidade educativa e ao sentir social"

"A lei Wert naceu imposta á comunidade educativa e ao sentir social; non se escoitou os que máis entenden", quéixase

"Polo ben de todos, os partidos políticos deben facer un esforzo de consenso e escoitar a comunidade educativa", engade quen lembra que "non se escoitou os que máis entendemos do tema: os funcionarios que traballamos no ensino e para a Consellería de Educación". "Facer as cousas á forza nun Estado democrático non ten sentido ningún", remata Gayoso, que cre que o Goberno "debe sentar co profesorado, nais e pais e todos os sectores implicados na educación". "Hai que reconducir a lei, axeitar a norma... Igual a cuestión non está nin tan sequera en eliminar as reválidas, senón en facelas sen as consecuencias que pode ter e tratar de facer unha avaliación completa e continua, non só baseada nesta proba; temos que dotarnos dun marco estable e consensuado", conta. 

Con todo, o director deste colexio de Sada non é moi optimista. Non pode selo. "Tal e como imos, non se vai camiño de acadar un consenso porque o sentido común perdeuse hai tempo... A non ser que volva, a cousa está difícil", sentencia. 

 

Feijóo culpa as "campañas de desinformación"

Desde os partidos políticos, a oposición insiste na resposta dada polas familias e a comunidade educativa, tal e como fixeran o mércores no Parlamento, pedindo a derrogación da Lomce. No PSdeG, este xoves, advertiron do "fracaso monumental" da reválida, o que "supón unha desautorización sen paliativos á Xunta". Vicente Docasar, voceiro socialista de Educación na Cámara, apunta que o balance das probas "obrigan á paralización e posterior derrogación da lei Wert logo de acordar unha nova lei de consenso". 

Feijóo cre que a Administración debe "informar mellor" das reválidas para "contrarrestar as campañas de desinformación"

Feijóo, pola súa banda, defendeu as reválidas que ve como un mecanismo para "mellorar e reforzar" o sistema educativo pero apelou a que a Administración "informe mellor" sobre as probas para "contrarrestar as campañas de desinformación que hai detrás", en referencia á petición de boicot por parte da maioría da comunidade educativa. Ademais, o presidente da Xunta destacou que, malia o elevado absentismo, "centos" de familias mandaron os seus nenos aos centros. 

Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta
Concentración contra as reválidas © PGDEP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.