A loita contra as subvencións ás touradas chega á UE

Ana Miranda, cos eurodeputados Raül Romeva e Ramón Tremosa. © Delmi Álvarez

A loita contra as subvencións públicas ás touradas tamén chega a Europa. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de solicitar á Comisión de Agricultura da UE que adopte medidas para retirar os subsidios ao sector da tauromaquia na Unión Europea e para que se fixen sancións aos estados membros que utilicen as axudas da PAC para financiar a cría de touros para "soster o desenvolvemento dun entretemento cuestionable".

O BNG critica que as axudas da PAC sirvan para "soster o desenvolvemento dun entretemento cuestionable"

Miranda fixo este anuncio na presentación do informe Touros e impostos. Subvencións do Estados español e da UE para a tauromaquia e cría do touro, elaborado polo deputado no Congreso por ERC, Alfred Bosch. Na comparecencia tamén estiveron os eurodeputados cataláns Raül Romeva e Ramón Tremosa, que xunto á parlamentaria nacionalista remitiron o escrito ao comisario de Agricultura da UE, o rumano Dacian Ciolos.

A PAC subvenciona con 130 millóns de euros anuais a cría de touros de lidia

Os eurodeputados lembraron que a UE destina a través da Política Agraria Común (PAC) un mínimo de 130 millóns de euros anuais á cría de touros de lidia. "O uso de fondos dos contribuíntes europeos para subvencionar a tauromaquia non é admisible nun momento de crise e de recortes. A PAC ten como obxectivos promover unha actividade agrogandeira sustentable, producir alimentos de calidade e saudables, a protección do medioambiente e do medio de vida rural", explicou Ana Miranda, que cre que ese mínimo de 130 millóns de euros anuais en pagos directos por axudas "non se corresponde cos obxectivos da Política Agraria Común", polo que solicitou ao Executivo comunitario que "identifique todos os fondos directos ou indirectos que se destinan a subvencionar a tauromaquia".

A carta remitida ao Comisario de Agricultura conta co apoio de 17 eurodeputados e eurodeputadas dos grupos parlamentarios europeos liberais e socialista e do Grupo Verdes/ALE, como o agrarista francés José Bové ou presidente do Intergrupo de consevación e benestar animal, o danés Dan Jorgesen.

Ana Miranda, cos eurodeputados Raül Romeva e Ramón Tremosa. © Delmi Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.