A loita contra os megaproxectos mineiros en Galicia chega á Eurocámara

Ana Miranda, xunto aos voceiros das plataformas contra a minería © Delmi Álvarez

"Se este Parlamento, que é a casa de todos, aproba unha directiva que permita estes proxectos mineiros malia as repercusións medioambientais, económicas e sociais, a responsabilidade en caso dun desastre non será só das multinacionais senón tamén das institucións da UE". Así o advertiu o biólogo Pedro Alonso, durante a intervención realizada este mércores  ante a Eurocámara por parte das numerosas plataformas sociais contrarias aos megaproxectos de minería a ceo aberto previstos en Galicia.

As plataformas galegas advirten á UE da súa "responsabilidade" en caso dun desastre nas zonas de proxectos mineiros

Convidados polo BNG, os colectivos Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños (proxecto mina de ouro de Corcoesto), Plataforma Veciñal Corno do Monte-A Limia (proxecto de mina de feldespato da Limia), Plataforma Mina Wolframio Cartelle-Ramirás (proxecto de mina de wolframio en Cartelle e Ramirás) e a Asociación naturalista de defensa ambiental Ribeiras do Miño (proxecto de canteira de granito en Castrelo de Miño) reclamaron solucións ao Parlamento europeo, xusto agora que debate a futura directiva relativa a avaliación de impacto ambiental de determinados proxectos públicos e privados no medioambiente.

O BNG pide un cambio lexislativo na UE para prohibir o uso de cianuro nas explotacións mineiras

As plataformas e o BNG coinciden en solicitar un cambio da normativa comunitaria para prohibir o uso de cianuro e de calquera outra substancia tóxica considerada altamente contaminante nas explotacións mineiras a ceo aberto, polo "elevado risco" de destrución medioambiental e das actividades económicas vinculadas ao territorio, en particular o sector agrogandeiro e turístico no caso de Galiza, tal e como lembrou a europarlamentaria nacionalista, Ana Miranda.

Foi ela quen realizou esta proposta durante a audición Movementos sociais en Europa contra a megaminería. Ana Miranda denunciou a "falacia" de pretender defender a implantación destes megaproxectos en base a unha suposta creación de emprego, como argumento para convencer as poboacións afectadas nun momento de crise económica e taxas de paro sen precedentes. "Non se pode vender xeración de emprego cando estes megaproxectos van destruír os recursos naturais e o medio de vida das zonas onde se implantan, afectando especialmente as actividades económicas xa consolidades dos sectores agrogandeiro e turístico dos que viven milleiros de persoas", aclarou a voceira do Bloque.

"Non se pode vender xeración de emprego cando estes megaproxectos van destruír os recursos naturais e o medio de vida das zonas", di Ana Miranda

Ademais, os distintos representantes das plataformas sociais galegas insistiron en reclamar un maior compromiso das institucións da Unión Europea na defensa dos intereses dos cidadáns europeos que viven nas zonas "ameazadas" por megaexplotacións mineiras ou canteiras, máis neste momento no que o Parlamento Europeo está debatendo unha reforma da actual normativa. Ana Miranda xa adiantou que o BNG vén de emendar o texto para que en todos os casos sexa obrigatorio elaborar unha declaración previa de impacto ambiental.

Ana Miranda, xunto aos voceiros das plataformas contra a minería © Delmi Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.