Sucedeu en setembro de 2015 e volveu suceder este xoves. A multitudinaria protesta que a finais do pasado verán rexeitou na rúa a caótica estrea do novo hospital de Vigo transloceu un conflito que, case un ano despois, semella seguir igual de vivo aínda que a asistencia á protesta fose menor que na primeira. O modelo público-privado co que se construíu e puxo en marcha o Álvaro Cunqueiro, as deficiencias na súa xestión o futuro das instalacións do Meixoeiro ou os problemas na atención primaria foron só algúns dos motivos que levaron a decenas de milleiros de persoas de Vigo e da súa contorna a responderen ao chamado da Xunta de Persoal da área sanitaria e mais da plataforma SOS Sanidade Pública.
"Sanidade pública e de calidade" ou "queremos hospital, non centro comercial" foron algunhas das consignas máis reiteradas nunha protesta na que non se obviou, nin de lonxe, a proximidade das novas eleccións xerais e, sobre todo, dos comicios galegos de outubro. "Vigo é a tumba do PP", escoitouse durante unha protesta encabezada por profesionais do sector sanitario e representantes do persoal do CHUVI, pero na que tamén estaba presente o alcalde da cidade, Abel Caballero, así como representantes das forzas políticas da esquerda, como o voceiro de AGE e líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, a portavoz nacional e candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, ou a 'número tres' de Podemos, Carolina Bescansa.
Decenas de milleiros de persoas saíron ás rúas de Vigo a prol da sanidade pública por segunda vez en menos dun ano
Se na marcha do pasado ano boa parte das esixencias podían resumirse na reclamación de que a daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, deixase o seu posto -foi destituída apenas un mes despois-, o nome propio máis reiterado na manifestación deste xoves foi o dun dos seus homes de confianza, Félix Rubial. Ao xerente da área viguesa acumúlanselle as frontes abertas, toda vez que ao carón dos asuntos da xestión do Cunqueiro e dos centros dependentes del repróchaselle tamén o sucedido cos tratamentos da Hepatite C que dependeron del cando exerceu como responsable de Asistencia Sanitaria do Sergas, os mesmos que o manteñen inmerso nunha investigación xudicial.
Lectura do manifesto final, na Porta do Sol
O cesamento de Rubial foi reclamado durante o desenvolvemento da masiva marcha e tamén no acto final, na Porta do Sol, onde o xornalista Eduardo Rolland lle puxo voz ao manifesto. Os recortes introducidos no proxecto inicial do novo hospital, din as organizacións convocantes, "acentuaron os déficits sanitarios que levamos padecendo dende hai xa demasiados anos". Das "máis de 2.000 camas" previstas "haberá finalmente 1.260" mentres a entrada do sector privado, afirman, "converteron o novo hospital nunha gran superficie comercial incapaz de satisfacer as necesidades de atención especializada na cidadanía".
As organizacións convocantes esixen abordar xa o "rescate" do Álvaro Cunqueiro
A protestas atinxen á hospitalización e á medicina especializada, pero tamén á atención primaria pola que consideran "mala planificación da asignación territorial dos centros de saúde" e pola paralización do plan do Sergas destinado a mellorar este eido sanitario. "Esta situación -di o manifesto- xera unha importante saturación asistencial, dado que máis do 50% dos centros de saúde" teñen asignadas máis de 35.000 tarxetas sanitarias, "mentres que a escaseza no equipamento de recursos diagnósticos e terapéuticos reduce a capacidade resolutiva"."O peche de centros, as limitacións do novo hospital e a necesidade de completar a oferta asistencial precisan de novos espazos na área", e estes non son outros que "os que quedaron baleiros tras o traslado", din.
Neste escenario hai, non obstante, unha "boa noticia". "É posible -manteñen- rescatar a nosa sanidade pública se todas e todos decidimos facelo". Así, manteñen que, como vén propoñendo a oposición parlamentaria, "se podería reintegrar o novo hospital ao sistema sanitario público" partindo das "irregularidades" cometidas, din, contra a lei de contratos do Estado na contratación público-privada. Cómpre, din, que "unha comisión integrada por todos os sectores implicados" aborde xa o traballo.