A loita do cerco galego: 14 días acampados ante a Xunta

Protesta do cerco nun peirao galego © Acerga

“A acampada é indefinida; seguiremos loitando, coma se temos que estar aquí ata fin de ano”. Juan José Blanco é presidente de Acerga (Asociación de Armadores do Cerco de Galicia) e fala desde a protesta que acumula máis de 120 tendas de campaña -cando menos unha por cada membro do colectivo- fronte aos edificios da Xunta en San Caetano. Alí levan 14 días mariñeiros de toda Galicia reclamando un “repartimento xusto das cotas” e clamando por unha solución aos barcos artesanais dos que dependen, segundo din, uns 1.400 postos de traballo directos e uns 5.000 indirectos no país.

Armadores e mariñeiros do cerco levan catorce días acampados diante da Xunta en protesta polo "repartimento inxusto" das cotas

Advirten de que non poden vivir coas limitacións impostas, que non é rendible saír ao mar e que o “mal e inxusta repartición” lévaos “á ruína”. Acusan o Goberno central de condenalos á desaparición e á Xunta de mirar cara a outro lado. E poñen nas institucións europeas case todas as súas esperanzas. O vindeiro día 10 agardan reunirse co comisario europeo de Pesca -o BNG xa pediu este encontro- en Bruxelas, de onde intentarán traer unha solución ou, cando menos, a presión comunitaria para que Estado e Xunta reaccionen. “Seguimos sen ter unha resposta axeitada e seguiremos loitando”, insiste Blanco. Xunto á acampada, os barcos levan máis de dúas semanas amarrados. 

A problemática vén de lonxe e xa o repartimento das cotas da xarda entre as diferentes autonomías provocara importantes protestas. Pero co xurelo a situación agrávase ao supor os ingresos maioritarios -moi maioritarios- do cerco en Galicia. Parte da frota quedou entre setembro e outubro sen cota deste produto tanto na zona do Cantábrico como na costa atlántica galega e as posibilidades que dan a sardiña, a xarda ou outros peixes non chegan, din, para que saír a faenar co barco sexa rendible.

O repartimento de cotas baseado nas capturas históricas é a orixe do conflito; o cerco galego pescou durante anos con limitacións mentres en Euskadi non había límite

O conflito chega logo de que o Goberno central, tras un acordo co sector, fixase as cotas para cada barco baseándose nas capturas históricas dos últimos anos (2002-2012), ademais de ter en conta a capacidade e a tripulación.

“Non pode basearse a repartición nestes dereitos históricos”, advirte Acerga. O seu presidente lembra que o cerco galego estivo “durante 30 anos” levando a cabo “unha pesca responsable”. Unha media de 6.000 quilos ao día “mentres noutras autonomías, lexitimamente, podían chegar ás 20.000”. “Logo de anos pescando así, agora os gobernos teñen en conta estas cantidades para aplicar unhas porcentaxes, co que nos corresponden unhas cantidades ridículas e premian os que fan pesca olímpica e os que máis explotaron o mar”, aclara Blanco.

"Os gobernos están a premiar os que máis explotaron o mar", advirte Acerga

Durante décadas, Galicia tivo un límite diario de capturas para o mantemento dos prezos, tanto no xurelo como na xarda ou a sardiña. Mentres, os cerqueiros galegos que acudían ás augas cántabras e vascas -e máis os barcos de Euskadi e Cantabria- pescaban sen limitacións.

No cerco, malia os límites, non había moito problema coas porcentaxes asignadas a cada frota autonómica, pero foron as asignacións por cada embarcación as que acabaron por reavivar o conflito. Os barcos agrupados arredor da Acerga xestiónan a través da asociación as cotas conxuntamente. Determinan cantidades por barco e semana pero a situación extrema levounos a consumir xa a cota deste ano e o 10% do vindeiro, unha situación que recoñecen e que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, emprega para acusalos en medio da negociación.

Porque, coas condicións actuais de repartimento, e dependendo das condicións históricas de cada embarcación, hai quen dispón duns 5.000 quilos de xurelo ao ano e mesmo quen só pode pescar 1.000.

Barcos que pescaban 6.000 quilos ao día teñen agora un límite de 6.000 para todo o ano

“En definitiva, nunha frota de 120 barcos que ata 2012 pescaba 6.000 quilos de xurelo cada día, agora hai quen ten 6.000 para todo o ano ou menos. Como pode vivir un barco con 5.000 quilos, que son 2.500 euros?”, pregúntase Blanco. Por iso, os armadores insisten nunha repartición que teña en conta a tripulación, que se aumenten as toneladas anuais e que se lles permita “vivir digamente”. De non cambiarse os criterios, advirten, o cerco acabará desaparecendo. No fondo, o impulso á acuicultura e a un tipo de explotación que sospeitan que se quere impoñer para o futuro.

A acampada do sector é maioriaria, pero non están todos. Na protesta implícanse 120 dos 146 barcos do cerco que hai en Galicia. Unha minoría decidiu administrar pola súa conta a cota individual que outorga o Ministerio de Agricultura e Pesca. Coma case sempre, a unión e a xestión conxunta por parte de toda a frota parecería o máis axeitado, pero é xustamente a enorme diferenza entre cotas o que provoca máis división interna nun cupo de xurelo xa escaso e insuficiente para todos.

O Estado non descarta "revisar" os criterios pero esixe un "acordo maioritario" entre todas as autonomías

Os mariñeiros continúan a loita e queren un compromiso por escrito dos cambios de criterios na repartición. Desde o Goberno central isístese na “disposición” a “revisar” estes criterios nunha nova repartición, pero esixe que sexa un “acordo maioritario” entre todas as autonomías e advirte de que non chegaría antes de que acabe o ano.

Mentres, desde a Xunta, pídese aos armadores que “fagan ben os números” antes de pedir unha repartición por tripulación e Rosa Quintana insiste en reprocharlles que non cumpriran coas súas previsións de cupos. Un exceso que se corrixiu algo cando Acerga aceptou hai xa dúas semanas o intercambio de 500 toneladas de cupo xarda non consumido neste ano por 500 de xurelo si superado.

En todo caso, solucións parciais e non definitivas a un conflito que ameaza con continuar no tempo. Malia a chegada do frío e o paro que manteñen, os mariñeiros do cerco prometen “seguir loitando” e manteñen as 120 tendas, nas que se indican os barcos e familias afectadas. E reciben, sobre todo a través das redes sociais, cada vez máis apoio cidadán. “Eu apoio o cerco”, pódese ler a cotío pola Rede á espera da solución a unha problemática que recorda a tantas outras en Galicia.

Tenda de campaña na protesta do cerco © FB-Eu apoio o cerco de Galicia
Pancarta a prol do cerco na acampada do sector © FB-Eu apoio o cerco de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.