A loita dos mariñeiros galegos en Noruega chega ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

Protesto dos mariñeiros © Long Hope

Tal e como advertiron no caso de acabar todas as vías xudiciais anteriores, os mariñeiros xubilados que traballaron durante anos en barcos de Noruega --a maioría deles galegos-- demandan o país nórdico ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Estrasburgo.

A asociación Long Hope demanda a Noruega ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos logo de esgotar a vía xudicial no país nórdico

Fíxoo a asociación Long Hope o pasado 5 de novembro, segundo informou este xoves o seu portavoz, Alberto Paz, e o profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social na Universidade da Coruña, Xosé Manuel Carril, que asesora desde hai anos a entidade que agrupa centos destes ex-traballadores que non xeraron dereito a pensión en Noruega. 

Logo de esgotar a vía interna xudicial de Noruega, Long Hope acode ao TEDH da man do avogado noruegués Marius Reikerås nun proceso no que o Goberno de España comparecerá como parte interesada.  

Manifestación dos mariñeiros xubilados de Long Hope © Long Hope

Long Hope, en representación de 212 afectados galegos, reclama o pago das pensións para estes homes de avanzada idade e xubilados hai anos. A demanda --ao igual que todo o proceso anterior-- é un paso máis na loita polos 12.000 traballadores do mar (case o 70% deles de Galicia) que traballaron durante anos en buques noruegueses con bandeira norueguesa. 

Noruega nega a pensión a uns 12.000 mariñeiros que traballaron na mariña mercante daquel país e que pagaron entre o 20 e o 30% do seu salario en impostos

Até 1994, data na que Noruega se integrou no Espazo Económico Europeo, os mariñeiros foron obrigados por lei a pagar entre o 20% e o 30% do seu salario bruto, pero ao considerar que non residían no país nórdico --malia traballar en buques con bandeira dese Estado-- impedíuselles cotizar e, xa que logo, cobrar posteriormente unha pensión que agora reclaman. Serían un total de 520 millóns os achegados ás arcas norueguesas. O Goberno escandinavo argumenta que os traballadores non pagaban as cotas de protección social que daban dereito á pensión, malia que si pagaron impostos elevados cos que se financiaron servizos dos que non gozaron, precisamente, por non ser residentes.

Os mariñeiros xubilados entenden que sufriron unha discriminación económica que tiña como obxectivo aforrar custos aos armadores, algo que afirman que puido comprobarse no debate que se derivou da reforma legal interna das pensións que no país se levou a cabo nos 60. De feito, ao entrar o Estado nórdico no espazo económico da UE en 1994, a lexislación deixou de aplicarse por ser contraria á normativa europea e á Carta Social Europea, un dos principais argumentos que dá esperanzas aos mariñeiros para confiar nunha vitoria no TEDH. 

"As cousas deben materializarse e o Goberno debe dar un paso á fronte", asegurou Alberto Paz, ao tempo que o avogado Reikerås lamentaba que o xulgado de Noruega non tivese "tomado en serio" o caso no que ve "aspectos discriminatorios" e unha "práctica inaceptable". "A pensión é un dereito social igualitario en todos os sitios", asegurou. 

Long Hope decide acudir a Estrasburgo mentres espera pola vía diplomática e unha negociación entre os gobernos español e noruego que non dá chegado

Long Hope aterra agora no TEDH logo de esgotar o resto de vías xurídicas e de negociación, aínda que espera tamén pola vía diplomática aberta entre os dous países e que aínda non ten data para unha reunión de negociación. "A este paso o convenio chegará tarde e mal", asegurou Carril sobre unha loita, a dos mariñeiros xubilados, que acumula anos de mobilizacións, demandas e petición de axuda ás administracións. "Queremos os dereitos sociais que nos corresponden", lembra Alberto Paz, que lidera unha pelexa que afronta os seus últimos e definitivos pasos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.