O pasado 6 de xaneiro, a lotaría do Neno deixaba 120 millóns de euros en Monforte de Lemos, incluídos os 40 millóns do premio especial a un décimo. Unha chuvia de cartos nesta vila ferroviaria duns 20.000 habitantes afectada coma tantas pola crise e que viu como a fortuna lle sorriu grazas ao 76.254, un número repartido entre centos de veciños agraciados.
Pero máis alá de festexos e parabéns, algúns dos premiados preferiron pensar máis aló e cavilaron xuntos en como conseguir que este agasallo da fortuna acabase por revertir na cidade e no seu futuro. En como conseguir que cando menos unha parte deses millóns que chegaron como regalo de Reis acabaran tamén por ter un beneficio colectivo para unha vila e unha comarca necesitadas, como tantas outros, dun mellor horizonte.
Tres agraciados co premio da lotaría lanzaron a idea e trasladáronlla ao Concello, que buscou un grupo de persoeiros promotores da fundación
Tres foron os monfortinos que se puxeron mans á obra e que trasladaron a súa idea ao alcalde, Severino Rodríguez, que contactou con varios persoeiros veciños de Monforte ou con relación coa cidade e que representasen diversos sectores profesionais e ámbitos sociais da vila para que fosen eles os encargados de lanzar a iniciativa e darlle forma á idea: a de crear unha fundación "que administre, en beneficio do progreso da cidade, fondos procedentes do premio da lotaría de Reis e de achegas de particulares". Un colectivo aberto a todos e todas para lograr que esa inxección económica reverta na zona e lle dea aos monfortinos un mellor e máis esperanzador futuro. Desde todos e para todos.
Entre ese grupo, a ex presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas -oriunda e asidua de Monforte, onde seu avó ten unha rúa- ou Julia Otero, xornalista monfortina afincada en Cataluña. Elas dúas comprometéronse desde un principio e exerceron como caras visíbeis dun proxecto no que comprometeron a súa implicación persoal e económica. A maxistrada foi das primeiras que descolgou o teléfono para chamar a posibles interesados nunha futura fundación que manexa xa o nome de Semente de Monforte de Lemos.
Julia Otero ou María Emilia Casas son as caras visíbeis dun proxecto co que se comprometeron persoal e economicamente
"Ten un fin social e de desenvolvemento económico. É unha iniciativa de monfortinos agraciados pero aberta tamén a monfortinos non agraciados e á participación de todos", explicaba María Emilia Casas na presentación do proxecto. Ramón Casanova, profesor xubilado e outro dos integrantes do grupo fundacional, explica a Praza que o proxecto "está empezando a andar" e que a idea agora é constituír canto antes unha primeira asociación que sería o xermolo desa futura fundación. Será este primeiro colectivo, e tendo en conta os apoios recibidos, o que determinará se o proxecto final sae adiante. Polo momento, xa foron varias as persoas premiadas pola lotaría que chamaron para se interesar pola idea e comprometer unha achega. "Pero calquera pode axudar, fose agraciado ou non ou viva en Monforte ou non", aclara Casanova.
"Isto non é caridade, senón unha aposta de futuro, un intento de revertir os cartos en Monforte", explica quen conta que entre as ideas que se meditaron tamén está a de que eses futuros proxectos que saian da fundación, e sempre que vaian por bo camiño, poidan axudar de volta ao proxecto para seguir creando riqueza na vila. Unha roda que xire para non parar de moverse. Pero para iso aínda falta.
A asociación que se creará de maneira inmediata desaparecerá para dar paso á fundación, sempre que se consiga unha achega de cartos importante para poñela en marcha. De non ser así, todo o recadado irá, en todo caso, destinado a entidades sociais. Pero o propósito é moito máis ambicioso.
"A xente nova ten que aproveitar todo o seu potencial, non pode quedar no camiño", di un dos promotores
O primeiro obxectivo e Semente de Monforte de Lemos sería, no eido social, o de investir parte do diñeiro recadado en alimentos, artigos de primeira necesidade ou axudas para a vivenda para as persoas máis necesitadas do municipio, así como na creación dunha liña de bolsas para financiar os estudos universitarios da mocidade con poucos recursos económicos. "Porque a xente nova ten que aproveitar todo o seu potencial, non pode quedar no camiño", di Casanova.
No eido laboral e de apoio a emprendedores, a fundación financiará proxectos empresariais para desenvolver en Monforte. Para isto crearase unha páxina web a través da que persoas de todo o Estado poderán presentar proxectos que serán estudados e valorados por unha comisión integrada por expertos e expertas da vila e das universidades galegas. "A idea é revitalizar a cidade e dar opcións e apoio a tanta xente que ten tantas boas ideas que moitas veces non son quen de levar a cabo por falta de cartos", insiste quen pensa xa en que, se todo sae ben, esas novas empresas que se creen nan vila poidan "revertir na propia fundación" e continuar colaborando noutros proxectos.
Porque esa é a clave da idea: crear o futuro para seguir creando máis futuro. "E aquí contamos todos, porque ademais serían os doantes, os que fagan achegas os que decidirían; é o pobo quen ten a palabra e quen manda", remata Casanova, que forma parte deste grupo promotor con outra xente vinculada á educación, como Sara Fernández e Manuel López Eiriz; á empresa, como César Vázquez e Ovidio Pérez; ou á cultura, como de Pilar López e Ramón Rodríguez.