A maioría da veciñanza de Ourense e da Coruña naceu fóra do municipio

Vista da cidade de Ourense CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

Máis da metade da veciñanza de Ourense e da Coruña non naceu na cidade onde agora vive. Xa que logo, a maioría dos cidadáns empadroados na urbe ourensá e coruñesa non son orixinarios desas localidades. É un dos datos relevantes que se tira da última Estatística de Padrón Continuo publicada polo INE a pasada semana coas últimas cifras actualizadas sobre os padróns municipais. 

Ourense e A Coruña son as dúas únicas cidades de Galicia coa maioría da súa poboación nacida fóra do municipio

Unha análise dos datos das sete cidades insiste na estrutura poboacional dun país que acumula o 70% dos seus habitantes no 6% do territorio, sendo as urbes o destino masivo e habitual desde o éxodo rural dos anos 60 e 70 e até a actualidade. Aquel fluxo marcou unha tendencia que encheu as principais localidades galegas da xente que chegaba das vilas e aldeas, agora moitas abandonadas, especialmente da mesma provincia pero tamén desde outras partes dunha Galicia que reproducía moitas das súas comarcas nos diferentes barrios obreiros e periféricos das súas urbes. 

Milleiros de ourensáns poboaron Vigo e milleiros de persoas chegadas do interior da provincia, da Costa da Morte ou das Rías Altas ateigaron os barrios da Coruña. Con todo, os estereotipos non coinciden xa con aquela realidade. É Ourense a urbe galega cunha menor porcentaxe de veciños nados na propia cidade: tan só o 46,8% das persoas empadroadas na cidade das Burgas, bastante menos da metade, case 50.000 dos máis de 105.000 habitantes cos que contaba a 1 de xaneiro de 2017, última cifra dispoñible. 

O 53,2% de persoas empadroadas en Ourense e o 51,7% das da Coruña chegaron á cidade desde outras localidades

No caso de Ourense, a cidade acolleu -e acolle- desde hai anos poboación chegada de diferentes concellos da provincia, que representa o 27,6% do seu padrón, e nun número moito menor doutros concellos galegos (8%). Xunto con esta urbe, é A Coruña a outra cidade de Galicia onde menos da metade dos seus habitantes (48,3%) naceu na mesma localidade e onde a maioría son orixinarios doutra localidade (51,7%, unhas 126.000 persoas das 244.000 totais). As dúas únicas urbes con máis veciñanza oriúnda doutras localidades, a maioría chegadas doutros puntos do país. 

Con respecto á Coruña, son tamén maioría os residentes que naceron noutro concello da mesma provincia (21,7%), fronte ao 10,7% de empadroados orixinarios dun municipio galego doutra provincia. Ademais, é a cidade galega que máis veciños recibe de fóra de Galicia, máis do 19% do padrón.

Por outra banda, son Ferrol e Vigo as cidades con máis veciños orixinarios da propia cidade. No caso da urbe viguesa, case seis de cada dez residentes (o 59,7%) naceron nese mesmo concello, uns 175.000 dos 293.000 habitantes da maior cidade de Galicia. As estatísticas reflicten como, ao contrario que no resto de urbes, na cidade olívica é maior a porcentaxe de veciños chegados doutra provincia (12,5%) que a dos chegados doutro concello da mesma (11,3%), un dato que se explica polo importante fluxo migratorio chegado de Ourense desde hai anos. 

Ferrol e Vigo son as urbes con maior porcentaxe de veciños nacidos na cidade: 61,3% e 59,7% respectivamente

Con todo, é Ferrol a cidade galega con maior proporción de veciños nados nos límites do propio municipio, un 61,3%, máis de 41.000 das case 68.000 persoas que viven nunha localidade que experimenta un forte descenso demográfico nas últimas décadas. Neste caso, é unha das poucas urbes onde hai máis residentes nados nunha comunidade autónoma distinta á galega que os orixinarios de calquera das outras provincias á marxe da propia, algo que tamén acontece en Lugo.  

No caso da cidade da Muralla, pouco máis da metade dos seus veciños (50,7%) naceron no municipio (unhas 50.000 persoas), sendo o 26,6% da súa poboación orixinaria dalgún outro concello da provincia e tan só o 6,2% procedente doutro territorio de Galicia.

Pola súa banda, Santiago de Compostela conta cun 22,2% da súa provincia orixinaria doutros concellos da provincia e case un 12% de municipios das outras tres provincias. Aínda así, máis da metade da poboación naceu xa na capital galega (52,7%, máis de 50.000 persoas), unha porcentaxe case cinco puntos menor ao caso de Pontevedra, terceira cidade con maior porcentaxe de oriúndos no propio concello e onde case o 20% da súa veciñanza naceu noutros municipios da provincia da que é capital. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.