A Marea Atlántica abre o diálogo coas organizacións políticas e sociais da Coruña

Presentación ante os medios da Marea Atlántica na Coruña Dominio Público Praza Pública

A Marea Atlántica, iniciativa que busca "recuperar María Pita para o 99%" a través dunha confluencia cidadá que remate nunha candidatura para as municipais de 2015 na Coruña, dá un paso máis. Logo desde chamamento á cidadanía "para unirse nun proceso de construción horizontal", o proxecto estende agora ese mesmo chamamento a "todas as organizacións políticas e sociais que desenvolven a súa actividade na cidade", consciente de que moitos deles levan tempo "loitando polos obxectivos" que defenden "no manifesto dende diversas perspectivas e xeitos de entender a acción colectiva".

"A Marea non pretende substituír nin suplantar ningunha organización, senón ser un espazo de agregación e confluencia"

A Marea Atlántica, que insiste en aclarar que non é partido político ningún, asegura nun comunicado que "non pretende substituír nin suplantar ningunha das organizacións que traballan na Coruña, senón ser un espazo de agregación e confluencia, onde se poidan aproveitar e darlle vías de participación a todas as ideas e proxectos que compartan os principios de participación e democracia, rematando dunha vez coas políticas ditadas polas elites económicas e poñendo as institucións municipais ao servizo dos veciños e as veciñas".

Por iso, e nese obxectivo, a Marea Atlántica cre que "é prioritario contar con todas as voces e todas as vontades posíbeis". "Entre elas, as das organizacións políticas e sociais cun traballo contrastado en defensa dos principios que compartimos", aseguran, tras facer este "chamamento público a todas elas para que se unan á marea democrática que vén".

"É prioritario contar con todas as voces e todas as vontades posíbeis"

A Marea Atlántica asegura que "pretende ir máis alá dun simple agregado de siglas ou organizacións". "Cremos que a marea pode ser o vehículo perfecto para poñer en común todas as ideas e proxectos colectivos que percorren a cidade, para que sexan enriquecidas polo contacto coa cidadanía, para poñelas ao servizo de todas e impulsalas de xeito que cheguen a ser determinantes no goberno municipal", explican.

Nese intento por conformar "un espazo de confluencia de todos e todas", a Marea Atlántica cre que as organizacións políticas e sociais "poden atopar nela o lugar onde dar a coñecer os seus proxectos, onde enriquecelos coas achegas dos veciños e veciñas da cidade, e onde utilizar todo o traballo realizado para construír colectivamente un programa de goberno radicalmente democrático e que defenda os intereses do 99%". "Un lugar onde cidadás e organizacións políticas e sociais teñan un espazo para poñer en común as súas ideas e proxectos sobre a cidade, de xeito que, entre todas, poidamos levar ese programa a María Pita", insiste un movemento que xa deixou claro que chega "para gañar".

O proxecto pide "xenerosidade" para "entender a diferenza como un elemento enriquecedor e incorporarse desde abaixo á Marea"

Ante estes chamamento, a Marea pide "xenerosidade para poñer a disposición de todas o traballo realizado, para aceptar a mutación e construción colectiva a partir do xa feito, para poder asumir entre todas ese traballo, facelo propio e multiplicar a súa potencia ou para aceptar a diversidade baixo os mínimos comúns fixados no manifesto e que todas compartimos". Tamén, engaden, "para entender a diferenza como un elemento enriquecedor e, ao fin, incorporarse dende abaixo á marea".

E para logralo tamén solicita "apoio" a todas as organizacións "que se sintan identificadas co proxecto un apoio público e explícito ao mesmo, na medida das súas posibilidades, así como a participación de todos os seus membros, en igualdade de condicións co resto dos veciños e veciñas da Coruña".

Para ir artellando este lugar común, o proxecto cre que a comunicación entre as organizacións políticas e sociais e a propia Marea debe ser "fluída, flexíbel, transparente e multidireccional". Así, e "dende xa", o denominado Grupo de Traballo de Apertura ponse á disposición destas organizacións "para explicar o proxecto, aclarar posíbeis dúbidas e establecer vías de construción conxunta". "Queremos abrir os nosos grupos de traballo e as mareas sectoriais e barriais ás diferentes militancias e activismos, procurando un equilibrio entre o carácter esencialmente cidadán da marea e a necesaria participación dos veciños e as veciñas xa organizados. E queremos facelo con total transparencia. Os achegamentos, reunións, e acordos deben ser públicos e sen outros condicionantes previos que os derivados da propia natureza do proceso", aclara.

 

Cooperación, confluencia e adhesión individual

A Marea expresa tamén no comunicado os "principios básicos" que entende que deen rexer este proceso. Así, aposta pola "cooperación", polo que a Marea Atlántica "non desenvolverá ningunha iniciativa nin ferramenta que xa fose activada por outros axentes colectivos no mesmo contexto, senón que cooperará con eles". Do mesmo xeito, busca a "confluencia", aclarando que "non pretende xerar unha nova organización política para competir con outras, senón abrir un espazo de confluencia entre as que xa existen e a cidadanía".

Do mesmo xeito, sitúa tamén a "creatividade" como un dos seus principios básicos porque, segundo din, a Marea "non pode ser tampouco unha simple suma do que hai, e debe dotarse dun método que multiplique e vaia máis alá do existente". Ademais, reclama "inclusión", polo que as iniciativas e ferramentas coas que xa conta o proceso "serán asequíbeis ao conxunto da cidadanía, e non unicamente a aquela xa organizada politicamente".

A Marea exixe "adhesión individual" ás persoas, pertenzan ou non a un partido, para "diluírense no proxecto de xeito individual e dende abaixo"

Ademais, a Marea require "adhesión individual" porque "as persoas, pertenzan ou non a unha organización política, e fóra do que nelas representen, diluiranse na marea de xeito individual e dende abaixo". Do mesmo xeito, apostan pola "autonomía", xa que a cidadanía é o "suxeito político do proceso da Marea Atlántica, non unicamente o seu aval". "As ferramentas e métodos de traballo serán coherentes con este principio", rematan.

"Neste obxectivo non sobra ninguén. Todas somos necesarias. Só así lograremos que a maioría social tome María Pita"

A Marea Atlántica, á que só lle faltan unhas 1.200 sinaturas para avalar a súa iniciativa de aquí ao outono, segue así o seu camiño no propósito de "conquistar o Concello" e, deste xeito, "poñer unha pequena pedra máis no obxectivo de recuperar o control sobre as nosas vidas, de deixar de ser monicreques en mans doutros ou simples variábeis económicas ou financeiras para o enriquecemento dunha minoría". "Neste obxectivo non sobra ninguén. Todas somos necesarias. Só así poderemos vencer os atrancos e as barreiras que seguramente se porán no noso camiño. Só así lograremos que a maioría social tome María Pita", finalizan.

Presentación pública da Marea Atlántica © Marea Atlántica
Unha das imaxes difundidas por 'Marea Atlántica' Dominio Público www.mareatlantica.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.