A Marea Atlántica dá outro paso e presenta un proxecto alternativo para o Ofimático

Presentación da proposta alternativa para o Ofimático © Marea Atlántica

A Marea Atlántica deu este luns outro paso máis no seu camiño a ser alternativa no Concello da Coruña. Desta vez, a marea Outro Urbanismo, integrado no proxecto de confluencia cidadá que aspira a alcanzar a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais, presentou no rexistro municipal do Concello unha proposta alternativa ao polémico plan urbanístico que se leva a cabo no Ofimático e que provoca o desaloxo forzoso de varios veciños do núcleo de San Vicente de Elviña, o último deles rodeado de enormes medidas de seguridade e que provocou unha forte resistencia cidadá que non puido evitar o desfiuzamento.

A Marea Atlántica advirte que o Ofimático "carece de xustificación" ao querer construír 2.400 vivendas nunha cidade con 19.000 inmobles baleiros

"Digan o que digan, hai alternativa", asegurou o grupo de expertos en urbanismo que se integran na Marea Atlántica e que presentaron a proposta nun documento detallado de doce páxinas que pretende outra opción para unha urbanización que, xa desde un principio, aseguran que "carece de xustificación" ao pretender construír 2.400 novas vivendas "nunha cidade con máis de 19.000 inmobles baleiros".

Aínda así, e ante as dificultades legais, xudiciais e sobre todo sociais que acumula este proxecto, a Marea Atlántica deu o paso. Así, explica na súa proposta que a ponte prevista sobre Alfonso Molina -e cuxa futura construción provocou o desaloxo urxente da familia de Elviña hai poucas semanas- "é ademais de cara (4 millóns de euros), tecnicamente complexa e pouco útil para o tráfico que xeraría a ocupación do polígono de vivendas do Ofimático". Segundo o colectivo, a infraestrutura "condena este núcleo de poboación á súa desaparición". A Marea Atlántica propón "prescindir desa ponte, deixar Elviña fóra do ámbito afectado e mellorar, a cambio, o nó de comunicacións de Matogrande". "Sería máis económico e sinxelo, beneficiaría o conxunto da circulación na zona e, sobre todo, evitaría o enorme impacto social en San Vicente de Elviña", insisten.

A proposta prevé prescindir da ponte que condena a desparición de San Vicente e mellorar o nó de comunicacións de Matogrande

A proposta alternativa, no canto de conectar directamente o Ofimático coa arteria de Alfonso Molina, "complicando aínda máis a circulación e incrementando a inseguridade", propón comunicar o futuro polígono de vivendas cun nó xa existente en Matogrande "que pode ser mellorado". "Cun custo notabelmente inferior ao da ponte de Elviña, a ampliación da rotonda de Matogrande —xunto coa reformulación da circulación nesa zona— resolvería as necesidades do Ofimático e melloraría ao mesmo tempo a circulación do conxunto da cidade nun punto tan estratéxico da rede viaria", aseguran.

Xoán Mosquera, voceiro da Marea por Outro Urbanismo, unha das asembleas temáticas da Marea Atlántica, explicou que "por primeira vez na historia do conflito do Ofimático preséntase unha proposta que alivia ao mesmo tempo todas as fontes de tensión, e permite facerlle fronte ademais ao drama dos desafiuzamentos en San Vicente de Elviña".

Malia todo, a Marea Atlántica lembra tamén na proposta ao Concello que o polígono do Ofimático "adoece de inseguridade xurídica —logo das sentenzas do Tribunal Supremo en 2009 e do Contencioso nº 4 da Coruña este mes— e provoca un enorme impacto social en San Vicente de Elviña". Ademais, asegura que "é insustentable, tanto dende o punto de vista económico como dende o punto de vista urbanístico". "É gravoso, tanto para a cidadanía implicada como para o Concello da Coruña, e carece de interese público", din, xa que, como insisten, "pretende construír 2.400 novas vivendas nunha cidade con máis de 19.000 inmobles baleiros".

© Marea Atlántica
Presentación da proposta alternativa para o Ofimático © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.