A Marea Atlántica segue a subir e apaña apoios nos partidos de esquerda

Marea da mobilidade da Marea Atlántica © Marea Atlántica

A Marea Atlántica da Coruña segue a subir e colle folgos de cara á última fase dunha primeira validación. A que lle permitirá seguir adiante na súa procura da confluencia cidadá nunha candidatura para as eleccións municipais de 2015. Superadas as 2.100 sinaturas -e a menos de 400 das 2.500 que se marcou como obxectivo antes do 1 de outubro-, o proceso mantense máis vivo ca nunca. As primeiras xuntanzas mantidas con formacións políticas non fixeron máis que reforzar as expectativas ante a boa disponibilidade manifestada por todas elas. Aínda que con matices, a análise que fai o movemento e a necesidade de confluencia "é compartida" por todas elas, a maioría dispostas xa a apoiar esa candidatura unitaria e, xa que logo, a non presentar lista alternativa ningunha ao Concello.

A Marea Atlántica supera xa as 2.100 sinaturas e está a un paso de alcanzar o obxectivo marcado antes de outubro

"A impresión é moi boa porque a análise, a necesidade de confluencia e a condición de que o proceso sexa liderado pola cidadanía é compartida", insisten fontes da Marea Atlántica, que advirten tamén de que estes primeiros contactos con forzas políticas exclúen calquera decisión sobre a metodoloxía dunha hipotética candidatura, supeditada a esa Marea Viva de outubro onde o movemento avaliará todo o proceso e onde se discutiría cal é a forma exacta de confluencia.

Anova, Esquerda Unida, Equo e Espazo Ecosocialista -as catro patas que formaron AGE nas eleccións ao Parlamento galego-, pero inlcuso Compromiso por Galicia ou o Partido Humanista, amosaron xa a súa disposición a participar no proceso e, xa que logo, a súa disponibilidade tamén a non presentar candidatura ningunha e diluírse entre a cidadanía nunha candidatura popular. Podemos -á espera da súa asemblea que en outubro marcará a postura oficial da formación de cara ás municipais- non mantén contactos oficiais, pero si "informais" a través de membros do seu Círculo coruñés que xa participa en colaboran nas diferentes mareas e mantén as portas máis que abertas. Algo semellante ocorre co BNG, que acaba de lanzar o seu propio proceso de asembleas pero que di tamén manter a porta aberta a esa confluencia.

Anova, EU, Equo ou Espazo Ecosocialista parecen xa decididos a confluír na Marea e non presentar candidatura

A situación actual é esperanzadora para o movemento cidadán, que tamén sabe non obstante que todo ese apoio "terá que se concretar abordando as seguintes e máis complexas fases". "Esa disolución na Marea non pode ser a cambios de cotas no poder nin de responsabilidade, senón que terá que ser coas regras da propia Marea e baseado e tutelado pola cidadanía", insisten as mesmas fontes.

A confluencia ou non global "da esquerda á esquerda do PSOE" nesta Marea Atlántica dependerá finalmente do programa que se acabe consensuando nas diferentes mareas, pero a resposta -con cadanseu matiz- é máis que positiva polo momento. "Cada formación ten as súas peculiaridades: unhas chegaron coas mans baleiras e outras con algunha condición ideolóxica", lémbrase.

Anova di que se integrará na Marea, EU parece decidida e con Podemos, á espera da súa grande asemblea, "hai sintonía"

Anova, por exemplo, advertiu xa que se diluiría na Marea Atlántica e que non presentaría candidatura ningunha ao Concello. Esquerda Unida amosouse disposta a ir no mesmo sentido á espera da concreción programática e dunha decisión da agrupación que parece clara vistos os últimos movementos noutras localidades, como en Madrid, onde a executiva rexional xa fixo un chamamento a unirse a Ganemos. Equo, tamén a nivel federal, semella ir polo mesmo carreiro, mentres que a decisión de Podemos dependerá do seu cónclave en outono, aínda que as súas bases na Coruña parecen dispostas claramente á confluencia. "Hai sintonía", coinciden.

O BNG non pecha, nin moito menos, as portas á confluencia coa Marea pero agardará a que remate o seu propio proceso de asembleas

No caso do BNG, e malia as reticencias amosadas pola dirección nacional, a Marea tamén é vista con bos ollos e a xuntanza entre ambas as dúas partes "foi tomada moi en serio". Aínda que o movemento ve na formación nacionalista "máis obxeccións ou preocupacións" que noutras organizacións, as impresións son positivas. A concreción programática e o resultado do propio proceso asembleario que vén de lanzar o Bloque -que insiste que "non é contraprogramación ningunha"- marcarán o futuro dunha decisión que será consultada polas bases pero que para nada descarta a confluencia final

En definitiva, a Marea Atlántica "é optimista" de cara ao futuro, sobre todo "atendendo á demanda cidadá e á participación nas diferentes mareas", así como tras as xuntanzas que tamén manteñen con diferentes movementos sociais. Unha medida de 200 persoas participaron en cada unha das diferentes asembleas abertas por barrios ou sectoriais, hai máis de 180 persoas inscritas para participar nos grupos de traballo e confíase incluso en alcanzar as 2.500 sinaturas de apoio a finais desta semana.

Ademais, e tal e como insisten, "calquera que coñeza o proceso sabe que a Marea Atlántica non foi tutelada por ninguén nin iniciativa de ningunha forza política". "Tiñamos claro que ese tiña que ser o noso ADN", lembran desde un movemento que busca xa un encontro formal co resto das diferentes mareas e procesos abertos noutras cidades para os vindeiros días. Marea Atlántica foi o primeiro en Galicia, pero para nada é o único.

Unha das imaxes difundidas por 'Marea Atlántica' Dominio Público www.mareatlantica.org
Manuel Rivas, na presentación da Marea Atlántica © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.