A Mesa anima a encher o 1004 de chamadas pedindo atención en galego

Xuntanza da Mesa coas representantes dos sindicatos © A Mesa

A Mesa Pola Normalización Lingüística chama a realizar unha serie de accións de presión colectiva sobre Movistar, co obxectivo de defender os 205 postos de traballo en perigo polo ERE de Extel, que afectará sobre todo á oficina coruñesa da empresa. A entidade, que se reuniu este luns coas seccións sindicais en Extel da CIG, CXT, UXT e CCOO denuncia o efecto da deslocalización, e defende que pode ser combatida reforzando a opción de ser atendidos e atendidas en galego neste servizo, para o que Extel-Coruña traballa en exclusiva.

A Mesa subliña que na última década os centros de atención á clientela "foron pechando en canto as empresas centralizaron o servizo en grandes centros de traballo". Ademais, desde o comezo da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. Só entre os ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2.040 postos de traballo, que segundo a Mesa se manterían en Galicia de existir opción de galego.

A primeira das accións será unha campaña de chamadas masivas ao 1004 solicitando atención en galego: o vindeiro venres 14 de outubro de 10 a 11 da mañá e de 5 a 6 da tarde, coincidindo coa folga convocada en Extel

A Mesa e as representantes da CIG, CXT, UXT e CCOO en Extel acordaron unha serie de accións conxuntas encamiñadas a que Movistar garanta o total dos empregos na Coruña. A primeira das accións será unha campaña de chamadas masivas ao 1004 solicitando atención en galego: o vindeiro venres 14 de outubro de 10 a 11 da mañá e de 5 a 6 da tarde, coincidindo coa folga convocada en Extel. Ese mesmo día, na mesma franxa horaria realizarase unha acción nas redes sociais facendo uso dos hashtags #NonAoEreEnExtel #QueremosGalego, HT #1004Responde e etiquetando a Movistar (@movistar_es). Finalmente pedirase a todos os concellos galegos que aproben mocións onde lles soliciten a Movistar atención en galego e amosen súa disposición a se mudar a compañías que si dean esta opción.

 

Moción por unanimidade no pleno da Coruña

Produciuse un intenso debate entre Lema e as bancadas populares, despois de que o PP lle demandase á Marea "maior confrontación" neste tema e afirmase que o PP "leva tempo ofrecendo" unha modificación da última reforma laboral

O pleno municipal da Coruña aprobou por unanimidade unha moción de apoio ao cadro de persoal de Extel. Na moción, o conxunto da Corporación comprométese a pedir publicamente tanto a Extel como ao seu principal cliente, Movistar, que aclaren onde se vai a prestar o servizo de atención ao cliente “xa que as chamadas non desaparecerán dun día para outro”. Mediante esta moción, a Corporación solicita publicamente “a derrogación das últimas reformas laborais que permiten que unha empresa poida iniciar un expediente de regulación de emprego sen contar coa autorización da autoridade laboral competente, permitindo así que dunha maneira unilateral e sen unha firme acreditación, os e as traballadoras poidan perder os seus postos de traballo”, salientou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema. Durante o debate da moción produciuse un intenso debate entre Lema e as bancadas populares, despois de que o PP lle demandase á Marea "maior confrontación" neste tema e afirmase que o PP "leva tempo ofrecendo" unha modificación da última reforma laboral.

 

Xuntanza da Mesa coas representantes dos sindicatos © A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.