A Mesa pola Normalización Lingüística pediu a intervención do Valedor do Pobo ante as "presións da Deputación da Coruña para que un funcionario non use o galego no traballo", un caso que consideran "extremadamente grave". Sinalaron que “se Diego Calvo non asume que o galego é a lingua propia da Deputación significa que debe dimitir do seu cargo. A Deputación da Coruña non merece un presidente que minta con descaro nun escrito oficial para xustificar a persecución do galego”.
“Se Diego Calvo non asume que o galego é a lingua propia da Deputación significa que debe dimitir do seu cargo"
“É inadmisíbel que dende unha administración pública galega se coaccione un funcionario para que non use o galego no seu traballo” apuntaron desde A Mesa, cualificando como “escandaloso” que o propio presidente da Deputación se atreva a mentir sobre a lexislación aplicable nun escrito oficial para xustificar a súa persecución contra o galego. Segundo a queixa recibida pola Mesa, o traballador recibiu presións dos seus superiores para que non utilizase o galego nos asentos dun rexistro interno da Deputación. Tras o aumento destas presións e a seriedade do asunto, o funcionario presentou formalmente un escrito no que expuña o seu caso.
O escrito foi respondido polo propio presidente da Deputación, quen lonxe de avalar o uso do galego por parte do funcionario ratifica as instrucións de que use o español no seu traballo, sinalando sen rubor que “a decisión da Deputación, de utilizar o galego ou o castelán no Rexistro Xeral non vulnera o establecido na normativa. Pero é a Deputación quen ten a competencia de adoptar esa decisión, non os traballadores ao seu servizo”. Segundo a Mesa, nesta resposta escrita a unha solicitude formal tramitada polo Rexistro da institución, o presidente da Deputación "mente" ao citar o artigo 1 da Lei 5/1988, de 21 de xuño do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, indicando que é a lei que “recolle as obrigas das entidades locais no tocante ao uso do galego, entre as que non se atopa o Rexistro Xeral”.
Segundo a entidade Calvo "oculta que esta Lei do ano 88 se completou unha década despois coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, que no seu artigo 7 promulga que “ galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa indicando que “as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”. Tamén as medidas apuntadas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega en relación coa administración local reforzan esta posición, así como a propia diferenciación que a lexislación estabelece entre “lingua cooficial” e “lingua propia” das administracións autonómicas e locais, que establece un claro uso preferente do galego fronte ao castelán por parte dos poderes públicos de Galicia, recoñecido por toda a xurisprudencia xerada dende os anos 80. Así, os poderes públicos galegos non só deben garantir o uso normal e oficial do galego, senón que deben “potenciar” o seu emprego.
A decisión da Deputación de prohibir a utilización do galego nun acto administrativo vulnera o establecido na lexislación
Porén, a decisión da Deputación de prohibir a utilización do galego nun acto administrativo, vulnera o establecido na lexislación. A Mesa resaltou a "gravidade da mentira dende unha institución como esta e nun tema tan importante como a lexislación aplicábel en relación aos usos das linguas oficiais e os dereitos e deberes dun traballador".
Segundo A Mesa, Diego Calvo tamén "mente" ao se excusar en “dificultades prácticas para poñer en marcha o cambio ao uso do galego na totalidade das aplicacións informáticas, como é o caso do Rexistro Xeral”, xa que a aplicación informática que utilizan no rexistro xa está en galego. A Mesa xa leva denunciando nas últimas semanas que o obxetivo "é deixar sen efecto a oficialidade do galego e eliminar o seu uso normal da Deputación da Coruña, o que non é unha dificultade técnica obxetiva, senón un posicionamento político po parte do PP".