A Mesa denuncia que Audasa colocou adhesivos enriba dos únicos sinais en galego da AP-9

Unha das peaxes da AP9 en 2012 © A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que nas últimas semanas se está a producir “de xeito paulatino” unha mudanza dos únicos sinais en galego que hai na AP-9, para que “a partir de agora só haxa información en castelán e en inglés e nada en galego”. A entidade sinala que os trocos se realizaron en boa parte dos tramos, mais aínda non en todos, polo que Carlos Callón reclama que “se deteña a colocación de adhesivos para eliminar as sinalizacións no noso idioma” e que “a AP-9 cumpra dunha vez coa Lei, que a obriga a que todos os sinais teñan tamén información no noso idioma”.

O portavoz da Mesa lembra que Autoestradas do Atlántico “leva anos, moitos anos, respondéndolle á nosa asociación que non coloca sinalizacións tamén en galego debido aos custos, algo que xa resultaba burlesco tendo en conta os seus ingresos anuais”. Mais Callón subliña que “ironicamente, parece que o diñeiro si aparece cando o que se pretende é eliminar calquera mínima presenza do noso idioma, como está a acontecer”.

Nestes momentos, boa parte dos postos de peaxe da AP-9 pasan a ter “múltiplos sinais de aviso escritos en castelán, un escrito en inglés e ningún escrito en galego, xa que se tapou o que puña PEAXE para que pasase a pór PEAJE”. “Accións como esta demostran a pretensión de varrer calquera presenza pública da nosa lingua, mais nin A Mesa nin unha parte importante da sociedade imos calar a boca”, polo cal convida a todas as persoas que rexeiten estas situacións a que se “mobilicen o vindeiro 17 de maio” na manifestación convocada pola plataforma unitaria Queremos Galego.

Desde A Mesa lembran que, a pesar do estipulado por diversa lexislación e mesmo a pesar de que o tema foi debatido en varias ocasións no Parlamento galego ou no Congreso en Madrid, “só se conseguiu que as Autoestradas tivesen en galego estes sinais que ahora se están a mudar” e que se corrixise a toponimia maior, mentres o resto da sinalización -“moi maioritaria”- continúa a excluír o galego e a toponimia menor continúa a indicarse en moitos casos “castelanizada barbaramente, contra todo criterio lingüístico ou oficial”.

Unha das peaxes da AP9 en 2012 © A Mesa
A mesma peaxe na actualidade © A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.