A Mesa pide a dimisión dos responsables do IDAE pola "chantaxe lingüística"

O presidente do IDAE, Alberto Nadal, nun acto da Fundación FAES © FAES

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de lanzar unha campaña online de recollida de apoios para esixir o cese dos responsables do Instituto de Desenvolvemento do Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Industria, que lles negou unha axuda pública aos concellos de Santiago, Teo e Santa Comba por utilizaren o galego.

O texto cualifica de "chantaxe lingüística" e de "racismo lingüístico" as decisións adoptadas por este organismo e lembra que o Estatuto de Autonomía de 1980 recolle no seu artigo 5 que o galego é "a lingua propia de Galicia" que "todos e todas teñen o dereito de a coñecer e a usar", que "os poderes públicos de Galicia garantirán o seu uso normal e oficial e potenciarán o seu emprego do galego en todos os planos da vida pública e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento" e que "ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua".

A Mesa sinala que "a chantaxe é unha forma de corrupción que ademais se agrava ao utilizar recursos públicos coa finalidade de facer valer posicións ideolóxicas dun racismo lingüístico e de odio á diversidade lingüística intolerábel en calquera marco democrático, máxime cando se trata de institucións públicas". E subliña que "o racismo lingüístico ten consecuencias graves, neste caso a perda de millóns de euros públicos para a cidadanía de Santiago, Teo e Santa Comba, ao lle ser negada tanto a subvención como a posibilidade de aforrar en enerxía e destinar eses recursos ao seu desenvolvemento".

A petición salienta que "situacións similares acontecen todos os días con cidadáns e cidadás anónimas vítimas de diferentes administracións, nomeadamente a estatal, que utilizan a súa posición de superioridade para negar a posibilidade de utilizar o galego de forma oral e/ou escrita". Unha "actitude xeneralizada" que "vulnera o contemplado na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, tratado internacional ratificado polo Estado español en 2001, que no seu artigo 10 sinala que as autoridades públicas deben de: a) garantir que as autoridades administrativas empreguen as linguas minorizadas e c) permitir ás autoridades administrativas redactar documentos nunha lingua minorizada”.

"Os responsábeis do IDAE deben demitir ou seren cesados porque non se pode consentir o manexo de diñeiro público por  fanáticos contrarios á existencia da lingua e que utilizan organismos públicos para satisfacer as súas fobias contra linguas como a galega", conclúe.

 

O presidente do IDAE, Alberto Nadal, nun acto da Fundación FAES © FAES
Marcos Maceira, presidente da Mesa CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.