A Mesa xa estuda accións xudiciais tras as multas ás autoestradas por rotular en galego

Cartel reivindicativo d'A Mesa © A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de anunciar que estuda "accións xudiciais" pola prevista eliminación dos sinais en galego nas autoestradas do país, logo de se coñecer que Tráfico multou as concesionarias galegas con 162.000 euros nas últimas semanas logo de impoñerlle 54 multas de 3.000 euros por rotular unicamente en galego e inglés os carteis que advirten da chegada da peaxe.

Tráfico multou con 162.000 euros ás concesionarias galegas por usar o galego e non o castelán

Tal e como informa La Voz de Galicia, as denuncias foron realizadas por axentes da Garda Civil de Tráfico, que alega o incumprimento do artigo 142 do regulamento de circulación, no que se advirte de que "ninguén debe instalar, retirar, trasladdar, ocultar ou modificar a sinalización dunha vía sen permiso do seu titular ou da autoridade encargada da regulación do tráfico".

A Mesa rexeita estas sancións do Goberno español que considera "neofranquistas" e anuncia tamén a convocatoria dunha concentración para este xoves ás 19 horas na praza do Toural de Compostela "contra as multas do Exectuvio, polos sinais en galego e contra a desidia da Xunta en defensa do uso normal e legal da lingua que nos une".

A Mesa censura as sancións "neofranquistas" e a "desidia da Xunta" ante estas multas

O motivo da multa limítase a un simple x, xa que os sinais, máis de duascentas na AP-9 e en dúas autoestradas autonómicas, inclúen dentro dun círculo vermello con fondo branco as lendas peaxe e toll -en galego e en inglés-, algo que segundo Tráfico vulnera o Regulamento Xeral de Circulación por non aparecer en castelán (peaje).

Logo das numerosas sancións, as concesionarias modificaron os sinais de peaxe pegando un adhesivo coa palabra en castelán sobre a orixinal en galego, segundo asegura o diario. Os carteis na lingua propia fóranse xeralizando a partir de 2009 nas autoestradas galegas e non causaran problema ningún ata a decisión da Garda Civil de multar por un x.

Treito da AP-9 © Panoramio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.