A mobilización das familias do IES de Brión consegue recuperar o curso de reforzo na ESO

Mobilización das familias do IES de Brión ante a Consellería de Educación CC-BY-SA CIG-Ensino

Logo de dúas semanas de peche e dunha folga masiva que baleirou case por completo as aulas no inicio do curso, o IES de Brión retomou este venres certa normalidade. A asemblea que a ANPA convocou a última hora do xoves decidiu por ampla maioría a volta do alumnado ás clases. Foi a condición que a Xunta impuxo para proporcionarlle ao centro un complemento de profesorado de 14 horas que permitirá que non se perda o grupo de reforzo (PMAR, Programa de Mellora da Aprendizase e Rendemento), unha medida de atención á diversidade que as familias sempre consideraron "irrenunciable", así como 3 horas máis de Inglés, que permitirán facer desdobramento nesta materia en 4º de ESO. 

A ANPA aclara que isto "só é un primeiro chanzo": "Non nos damos por satisfeitos e imos continuar reclamando que se atendan as necesidades do instituto"

A oferta está aínda lonxe da petición de tres profesores máis que alumnado, dirección e familias reclaman para "manter as prestacións do curso pasado" e evitar a "masificación". Así, a ANPA Pedra Viada do IES de Brión aclara que a proposta da Xunta é "só un primeiro chanzo para atender as necesidades" do centro e que a recuperación do PMAR é importante pero non suficiente. "Non nos damos por satisfeitos e imos continuar reclamando que se atendan as necesidades do instituto", aclaran. 

Asemblea de nais e pais do IES de Brión / © ANPA Pedra Viada

Por iso, a ANPA mantivo a convocatoria para a manifestación á que acudiron familias e que percorreu o camiño que hai desde a estación de autobuses de Santiago á sede da Consellería de Educación. Pretenden con ela deixarlle claro á nova conselleira de Educación, Carmen Pomar, que en Brión seguen pensando que "queda moito por facer". Así, continúan a reivindicar máis docentes no centro --mantén os mesmos que hai dez anos malia contar con 180 alumnos máis-- para posibilitar o desdobramento total dos grupos de 4º da ESO e evitar a "masificación" nas aulas e a docencia de todas as optativas previstas, algunhas delas premiadas por varios dos seus proxectos, e que a tal hora son inviables por falta de horario e profesorado. 

O IES de Brión recupera un curso de reforzo en 3º de ESO pero non as optativas nin a posibilidade de desdobrar grupos en 4º

"A unidade que se mantivo durante os quince días de mobilización parécenos ademais un argumento que afortala aínda máis as nosas reivindicacións", advirten desde a ANPA, que alcanzou un dos seus obxectivos, apremado tamén por unha Consellería de Educación que, ante a crise de goberno e a mudanza no departamento, impuxo un ultimato. "Volvemos ás clases pero non abandonamos as nosas reivindicacións", din as familias, que apelan á "responsabilidade" ante a posibilidade de que a Xunta non proporcionase nin tan sequera o reforzo achegado no caso de que o alumnado non volvese ás aulas. 

Mobilización no IES de Brión CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.