O 26% do alumnado estuda en centros privados, pero estes concéntranse nas zonas urbanas, alí onde está o negocio
Galicia conta con 280 centros de ensino privados nos que estudan preto de cen mil alumnos e alumnas. Unha cifra considerable, o 26% do alumnado total, que dá conta da extensión desta actividade económica no noso país. Porén, estes centros privados non se distribúen uniformemente por todo o territorio, senón que se concentran nas zonas urbanas, alí onde está o negocio.
De feito, tan só 67 concellos contan con centros privados neste curso. Debullando os indicadores detallados publicados recentemente pola Consellaría de Educación, correspondentes ao curso 2021-22 (último publicado) vemos como o ensino privado ten unha presenza residual fóra das zonas urbanas.
Nas cidades os centros privados suman o 40% das unidades. As sete urbes acollen 174 dos 280 centros privados en funcionamento en Galicia
Nas Zonas Densamente Poboadas (ZDP), que segundo a clasificación establecida polo IGE se corresponden coas sete cidades, os centros privados achégase ao 40% das unidades. As sete cidades suman 174 dos 280 centros privados en funcionamento en Galicia.
Nas parroquias de ZIP alta (nomeadamente situadas nas áreas metropolitanas e grandes vilas) a porcentaxe de unidades en centros privados baixa do 22%. E no resto do país móvese no 13%, agás nas zonas máis rurais (ZPP baixa) nas que máis do 98% das unidades están en centros públicos.
Os centros privados teñen máis alumnos e alumnas por cada profesor e contan tamén con máis alumnos e alumnas por aula
Os centros privados (con concerto ou sen el) adoitan presentarse como un ensino de calidade, en ocasións mesmo afirmando ofrecer maior excelcencia que os centros públicos. Porén, os indicadores estatísticos debullan outra realidade, especialmente no que atinxe aos centros privado-concertados, de xestión privada pero financiamento público. A Xunta destinará 1.900 millóns de euros a concertos coa escola privada no período 2023-2029.
Os últimos datos detallados dispoñibles, correspondentes ao curso 2021-22, amosan que os centros privados teñen máis alumnos e alumnas por cada profesor e contan tamén con máis alumnos e alumnas por unidade (por aula). Neste último caso, os datos dos centros públicos e dos centros privados son moi semellantes entre si, mentres que os centros concertados son os que presentan as peores ratios.
No curso 2021-22 a ratio media de alumnado por unidade era de 18,71 estudantes por aula nos centros públicos, de 18,74 nos privados non-concertados e de 21,72 nos privado-concertados
Así, nese curso 2021-22 a ratio media de alumnado por unidade era de 18,71 estudantes por aula nos centros públicos, de 18,74 nos privados non-concertados e de 21,72 nos privados-concertados. Os datos dos privados sen concerto son lixeiramente mellores que os da pública en Primaria, ESO e Bacharelato. Pero en cambio os indicadores dos concertados empeoran os dos centros públicos en todos os niveis.
Cómpre lembrar que aínda que en teoría os centros concertados ofrecen un ensino gratuíto para as familias (ao estar financiados polo Estado), moitos deles obrigan á realización de pagamentos, malia ser ilegal.
As diferenzas entre o número de profesores por alumno entre os centros públicos e privados (neste caso sen diferenciar entre os que teñen concerto e os que non) son moi grandes, especialmente en Infantil, Primaria e Bacharelato.
Os centros públicos contaban en 2021 cunha mellor dotación tecnolóxica, cunha maior ratio de ordenadores por aula: 10,63 fronte a 7,25 nos privados
Parte das diferenzas nas ratios explícanse pola maior implantación do ensino privado nas cidades, que adoitan presentar un número máis elevado de alumnos por aula. En cambio, nas escolas rurais o número de estudantes por unidade redúcese, sobre todo nos primeiros niveis.
Os datos da Consellaría de Educación apuntan tamén a que os centros públicos contaban en 2021 cunha mellor dotación tecnolóxica, cunha mellor ratio de ordenadores por aula: 10,63 fronte a 7,25 nos centros privados.
Os centros privados presentan un corpo docente de menor idade e, de feito, suman máis mestres e mestras de menos de 25 anos (56%) que os centros públicos (44%)
As diferenzas entre centros públicos e privados esténdense tamén ao profesorado. Os centros privados presentan un corpo docente de menor idade e, de feito, suman máis mestres e mestras de menos de 25 anos (56%) que os centros públicos (44%).
A proporción de docentes entre 25 e 35 anos (26%) supera tamén a media (21%). En boa medida, esta diferenza explícase polo feito de que hai docentes que traballan no comezo das súas carreiras no ensino privado mentres non poden obter, vía oposición, unha praza no ensino público.
31 concellos sen Primaria, 121 concellos sen ESO
Hai 31 concellos nos que non hai centro ningún que imparta Primaria, especialmente na provincia de Ourense
Os datos da Consellaría de Educación apuntan a unha diminución dos centros de ensino en funcionamento en Galicia -tanto públicos coma privados- e a un mantemento das unidades existentes. A caída da natalidade nas últimas décadas comeza a notarse na importante redución do alumnado matriculado en Infantil (de 67.240 a 50.129 na última década) e Primaria (de 133.436 a 128.899, despois de ter acadado o seu máximo en 2019).
En cambio, en ESO o número de matrículas medrou dende 87.988 a 98.018 dende o 2014, un período no que o Bacharelato se mantivo estable. O número total de alumnado matriculado no ensino obrigatorio comezará a descender rapidamente en todos os niveis a partir de agora.
A caída da natalidade nas últimas décadas comeza a notarse na importante redución do alumnado matriculado en Infantil e Primaria, mentres segue a aumentar na ESO, pero tamén neste nivel comezará agora a caer
A realidade do ensino na Galicia urbana e na Galicia rural é moi distinto, non só en canto á presenza da actividade privada, senón xa dende a existencia ou carencia de determinados servizos nas localidades menos poboadas.
Hai 31 concellos nos que non hai centro ningún que imparta Primaria, moitos deles coincidentes cos primeiros, especialmente na provincia de Ourense. Hai aínda máis (121) que carecen dun centro no que se imparta a ESO.