A mocidade usa máis o galego nas aulas que fóra delas e emprega maioritariamente o castelán nas relacións cos compañeiros. Tal e como reflicte o informe Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), boa parte da xente nova abandona no recreo a lingua coa que se relaciona cos profesores nas clases.
O 60% do alumnado exprésase maioritariamente en castelán cos seus compañeiros nos centros de ensino
Segundo a enquisa elaborada ao abeiro deste estudo entre rapaces de entre 15 e 24 anos, o 53,7% do alumnado relaciónase co profesorado nas aulas en castelán ou máis en castelán ca galego, fronte ao 46,4% que emprega só o galego ou máis galego ca castelán. Pola contra, na relación cos compañeiros, a situación muda ao ser maioritario o castelán en case o 60% dos casos fronte ao 40% que usan só ou maiormente a lingua galega.
"A relación co profesorado no medio escolar recolle un uso e unha presenza maior do galego do que se derivaría das relacións cos compañeiros/as", asegura o CCG. A enquisa foi elaborada sobre unha mostra representativa da mocidade galega, afixada proporcionalmente por idade, sexo e hábitat. Entrevistouse telefonicamente a 800 persoas en conversas de entre 20 e 30 minutos nas que se lles preguntou por múltiples variables sobre a presenza do galego na súa vida diaria.
"A relación co profesorado no medio escolar é maior en galego do que se derivaría das relacións cos compañeiros/as", di o CCG
No caso da lingua empregada no centro de ensino, o informe do CCG conclúe que, ao igual que os que aprenderon galego na casa tenden a falar galego co profesorado, os que aprenderon castelán adoitan falalo cos profesores. Pola contra, nos bilingües iniciais "a tendencia non é equilibrada" ao tenderen máis ben a falar en español cos docentes. Do mesmo xeito, a lingua galega é máis habitual nas clases entre a mocidade das zonas menos poboadas.
No caso da relación cos compañeiros, a tendencia é semellante: son os galegofalantes os que adoitan cambiar máis de idioma que ao contrario. Así, existe unha gran coincidencia entre o idioma habitual e o idioma cos compañeiros, pero hai unha pequena tendencia a que se incorpore algo máis castelán entre os/as galegofalantes que ao revés. Así, mentres case o 30% dos bilingües con predominio do galego muda ao castelán cos compañeiros, pouco máis do11% dos bilingües con preponderancia do castelán cambian ao galego.
Os alumnos bilingües con predominio do galego mudan máis ao castelán que os bilingües onde se impón o castelán
Ademais, o uso do galego entre o alumnado é moito máis frecuente nas zonas pouco poboadas. Con todo, a súa utilización descende nas zonas intermedias e nas densamente poboadas. o alumnado. Ao tempo, o informe destaca que a mocidade "incorpora o galego entre compañeiros/as coa idade", dado que é maior o uso de galego no grupo de idade que vai de 20 a 24 anos que no de 15 a 19.
Por outra banda, os datos da estatística reflicten como o galego esvaece a medida que se sae do centro de ensino. Así, nas actividades extraescolares o castelán é moi predominante. Máis da metade da mocidade di recibir as clases de reforzo exclusivamente en español fronte ao 30% en galego, unha repartición que é semellante ao referírmonos aos usos lingüísticos nas actividades deportivas.
O uso do galego entre a mocidade redúcese fóra dos centros escolares, tanto nas actividades extraescolares como no lecer
En canto ao tempo de lecer, como era de esperar, tamén a lingua utilizada coincide en gran medida coa lingua habitual dos mozos e mozas, pero volve ocorrer que os bilingües iniciais e os falantes iniciais de castelán incorporan en maior medida o castelán no seu tempo de lecer.
No medio laboral, os usos lingüísticos mudan un chisco: un 43,2% dos entrevistados empregou preferentemente o castelán nas súas entrevistas de traballo, fronte a un 32,9% que o fixo en galego. Na redacción do currículo, máis do 70% emprega o español, mentres que na relación cos xefes, a clientela ou os compañeiros, é o idioma habitual ou o hábitat o que condiciona a elección.
Máis galego na familia, menos con parella e amigos
No que ten que ver coa acomodación lingüística, fenómeno segundo o cal as persoas se adaptan ou non á lingua do interlocutor, dáse con máis frecuencia recuencia cara ao galego que cara ao castelán. "Son máis os rapaces e rapazas que se adaptan ao seu interlocutor se lles fala galego que ao revés.", destaca o CCG.
Ademais, a enquisa tamén aborda a exposición ao galego, autoavaliada pola propia mocidade, utilizando un modelo de resposta cunha escala do 0 ao 10, que se corresponde co nivel mínimo e máximo respectivamente. Así, a presenza do galego é maior nas relacións familiares e de veciñanza (entre 6,9 e 6,7), e baixa sobre todo nas relacións de parella e amizades (entre 5 e 5,6).
A exposición do galego entre a xente nova é maior nas relacións familiares e de veciñanza e baixa sobre todo con parella e amizades
Ocorre tamén aquí que entre os falantes habituais de galego, a lingua propia ten unha presenza importante nos ámbitos de familia, veciñanza e amizades, con puntuacións por riba de 9, pero descende de forma sensible nos estudos e no traballo. Pola contra, nos falantes de castelán, o galego mantén certa presenza no centro de traballo ou de estudos así como na familia, aínda que é inferior a 5 e, ademais, é moi escasa entre amizades (entre 4 e pouco máis de 3).
Entre os bilingües, a situación difire en función da lingua predominante. Os bilingües con predominio do galego teñen relacións en galego en todos os ámbitos, pero reducen a presenza do galego no traballo ou nos estudos. Os que teñen predominio do castelán semella que están algo expostos ao galego principalmente na familia e no lugar de traballo, con puntuacións de entre 5 e 6, pero moi pouco coas amizades.