A 'Moción Popular' contra as touradas na Coruña achégase ás 20 mil sinaturas

Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

En apenas 22 días os colectivos promotores da iniciativa contra as touradas na Coruña, liderados pola plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e tamén a Asociación Animalista Libera, Fondation Franz Weber, Moz@s pola Abolición, CAS-International e a Mesa de Participación Cidadá, xa lograron reunir máis de 18.300 apoios cidadáns para presentar a denominada #MociónPopular, un texto de resolución contra o subsidio dos festexos taurinos na cidade da Coruña.

Os abolicionistas estiman que o actual contrato de organización da feira taurina supón un custo para as arcas municipais do redor dos 90.000 euros anuais

A iniciativa tamén procura o apoio de todas as forzas da oposición (BNG, Esquerda Unida-Os Verdes, e PSdeG-PSOE) para continuar a seguir reivindicando que o Concello non achegue nin medios nin fondos para patrocinar ou impulsar touradas no municipio. Os abolicionistas estiman que o actual contrato de organización da feira taurina supón un custo para as arcas municipais do redor dos 90.000 euros anuais a través da cesión e adaptación gratuita do Coliseum e outros servizos como as actuacións da Banda Municipal de Música durante os tres días.

Durante as últimas semanas a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas denunciou xunto cos grupos municipais a opacidade nas xestións que mantén o goberno coa empresa concesionaria, o que supón "unha auténtica tomadura de pelo á cidadanía e implica ocultar deliberadamente datos e información sobre o custo, a implicación do consistorio e a realidade das touradas na Coruña: un fiasco rexeitado polo 73,2% dos coruñeses e coruñesas". Neste senso Rubén Pérez, voceiro de Galicia, Mellor Sen Touradas, subliña que “máis de 18.000 persoas xa fixeron un exercicio de impugnación moral dos festexos taurinos na Coruña. Estamos a falar dun gasto indigno que supera os 90.000€ anuais, mentras unha de cada catro familias do municipio está en risco de exclusión social. É moi grave que dediquen cartos a maltratar animais, pero máis grave que prefiran esta política de pan e circo para contentar os lobbies taurinos no lugar de apoiar a cidadanía”.

"É moi grave que dediquen cartos a maltratar animais, pero máis grave que prefiran esta política de pan e circo para contentar os lobbies taurinos no lugar de apoiar a cidadanía”

“Diferentes organizacións confluimos na necesidade de que unha moción sexa debatida no pleno e que, por primeira vez dende 1991, os grupos da corporación falen do asunto. Non podemos seguir agardando e permitindo a opacidade coa barbarie e a violencia como espectáculo”, conclúe Pérez.

Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.