A ameaza da megaminería volve á Costa da Morte, á comarca de Bergantiños e a súa área de influencia, a mesma onde a Xunta acabou por desbotar a prevista mina de Corcoesto logo de meses de mobilización cidadá. Desta vez é só un primeiro paso, un permiso de exploración para buscar ouro en máis de 4.300 hectáreas concedido pola Xunta á empresa Grupo M-FM 2001, S.L., con oficinas en Madrid e Marbella.
A Xunta admitiu a solicitude de exploración para buscar ouro sobre máis de 4.300 hectáreas en Santa Comba, Zas, Vimianzo e Coristanco
Tal e como se pode comprobar no anuncio do DOG de hai pouco máis dun mes, a Consellería de Economía admitiu definitivamente a solicitude desta firma para a investigación de 156 cuadrículas mineiras que abranguen os municipios de Santa Comba, Zas, Vimianzo e Coristanco e que foi rexistrada hai xa máis de catro anos.
Pero debullando a documentación, compróbase que o permiso de investigación xa concedido (Isabela II), a empresa ten solicitado e tramitándose outro a maiores denominado Livia, que suporían outras 162 cuadrículas mineiras (4.536 hectáreas) nos municipios de Zas, Santa Comba e Mazaricos. Tal e como advirte Salvemos Cabana, a área alcanzaría un total de máis de 8.900 hectáreas, "o que multiplicaría na práctica por dez a área prevista inicialmente para o frustrado proxecto mineiro de Corcoesto".
Malia que se trata só dun permiso de investigación para comprobar a presenza ou non de ouro nesta zona, foron xa varios os colectivos contrarios á megaminería contaminante os que levantaron a voz de alarma. Salvemos Cabana e a asociación ambiental Contramínate xa anunciaron que presentarán alegacións ao expediente xa aprobado, para o que hai un prazo de 30 días hábiles desde a publicación no DOG, e animan a outros colectivos a que examinen a documentación e interpoñan tamén as súas alegacións.
Salvemos Cabana e Contramínante presentarán alegacións ao proxecto e piden ao resto de colectivos que fagan o mesmo
Para Salvemos Cabana é "difícil comprender" como a Xunta pode ser "proclive unha vez máis á minería de ouro e outros metais sen valorar outro tipo de condicionantes como as afectacións ao territorio e o medio ambiente". O colectivo acúsaa de "primar a actividade extractiva fronte a outros sectores produtivos básicos en Galicia como a agricultura e a gandería" e lembra que o propio Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia "aposta de maneira decidida polo renacemento da minaría metalífera e a apertura de novas explotacións", recoñecendo máis de 40 solicitudes de permisos de exploración e investigación mineira nos últimos anos en territorio galego.
Desde Contramínate ínstase a "non permitir que a especulación e o espolio dos recursos naturais empobrezan a nosa terra" e insiste na súa negativa ás minas á ceo aberto polo prexuízo tanto medioambiental como nos sectores produtivos das áreas afectadas.
O administrador da empresa fora xulgado por graves delitos medioambientais en Madrid
Os temores de varios colectivos son maiores ao comprobar que o administrador único do Grupo M-FM 2001 é Antonio Miranda Rojas, vinculado cun varias construtoras, inmobiliarias e empresas extractivas, e que foi dono de Tico SA, firma acusada pola Fiscalía por danos ambientais no Parque Regional del Sureste da Comunidad de Madrid. Naquel caso, o empresario extraera terra dentro deste parque sen contar coa declaración de impacto ambiental que exixía unha zona de especial protección para as aves (ZEPA), tal e como aseguraba o fiscal.
Diversas actuacións da súa empresa causaran graves problemas no ecosistema e afectaran gravemente a fauna e flora da zona. A Comunidad de Madrid resolvera a restauración dos terreos que danara Tico, unha multa de 240.000 euros e unha indemnización de máis de 800.000 euros.
Grupo M-FM 2001 foi constituída en 2001 e entre o seu obxecto social está a solicitude e adquisición de dereitos mineiros e a explotación industrial mineira. Agora busca negocio nesta zona da Costa da Morte, preto de onde se prevía unha mina a ceo aberto, en Corcoesto, que ocuparía 800 hectáreas e a raíz da cal se solicitaran tamén moitos máis permisos que abranguían moito máis territorio. Neste caso, M-FM ten permiso para a investigación sobre máis de 4.300 hectáreas e pediuno tamén para unhas 4.500 máis.
A empresa, no proxecto presentado á Xunta, incidiu no aumento do 543% do prezo do metal precioso de 2000 a 2011, chegando a alcanza os 1.886 dólares a onza (de aproximadamente 31 gramos de ouro). Con todo, como lembra Salvemos Cabana, a día de hoxe a caída da cotización do ouro é imparable e achégase actualmente á barreira dos 1.000 dólares a onza debido á desaceleración das economías emerxentes