A nova ameaza megamineira une 17 colectivos contra proxectos "destrutivos e temporais"

Manifestación contra a minaría contaminante CC-BY-SA gzvideos.info

A nova ameaza megamineira na Costa da Morte pon en alerta aos movementos sociais en Galicia. A concesión por parte da Xunta á empresa Grupo M-FM 2001 do permiso de exploración para buscar ouro en máis de 4.300 hectáreas -xunto con outra solicitude en trámite para outras 4.536- provocou a reacción de 17 asociacións ambientalistas. Advirten dos múltiples riscos que na súa opinión supoñen proxectos coma este, semellante ao finalmente desbotado de Corcoesto, e di non entender porque "non se dá prioridade á agricultura, que é unha alternativa sustentable, con vocación de permanencia no tempo que xera postos de traballo de calidade e de futuro fronte a estas actividades destrutivas e temporais con postos de traballo precarios e de moi pouca duración".

Un total de 17 asociacións ambientalistas únense contra o novo proxecto megamineiro e preguntan "por que non se dá prioridade á agricultura"

Neste caso, tal e como se pode comprobar no DOG, a Consellería de Economía admitiu a solicitude de M-FM 2001 para a investigación de 156 cuadrículas mineiras que abranguen os municipios de Santa Comba, Zas, Vimianzo e Coristanco. Os colectivos unidos contra este proxecto advirten que supón 43,6 quilómetros cadrados, equivalente a 4.360 campos de fútbol, encadrados no coñecido como cinto de ouro de Malpica-Tui

Ademais, alertan de "dificultades no acceso á información necesaria para facer delegacións", xa que a documentación non está dispoñible nos Concellos e os interesados teñen que desprazarse á delegación da Xunta na Coruña, así como dos atrasos á hora de recibir os textos, que impide moitas veces alegar. "A Consellería debería informar as persoas afectadas que un permiso de investigación de recursos mineiros tipo C pode converterse nun futuro non moi afastado nun permiso de explotación que podería cambiar para sempre as súas vidas", din. 

As asociacións instan os concellos afectados e á veciñanza a que se informen dos expedientes e presenten alegacións

Pola súa experiencia noutros casos semellantes, os colectivos ambientalistas lembran que as leis de minas e de expropiación forzosa -"franquistas ambas", din- permiten que os propietarios de terreos afectados polo proxecto "poidan perder as terras por un xustiprezo que normalmente non vai ser xusto". "Iso no mellor dos casos, porque podería acontecer que a túa casa quede ao pé da explotación, mais que non a expropiasen pero que tiveses que soportar ruídos, fendas, polución...", avisan. 

Ademais, adiantan que M-FM 2001 buscará agora a "licenza social para a súa actividade" e cren que contratará unha persoa "con boa consideración entre a veciñanza" para "convencer da necesidade de que permitan facer as catas nos seus terreos". "Prometerán postos de traballo para aquelas persoas e as súas familias que permitan gratuitamente furar nas súas terras. Dirán que o ouro correrá polas mans de todas e todos, mais nada diso acontecerá", aseguran en referencia a episodios pasados, como o de proxecto de Corcoesto. 

"Prometerán postos de traballo para aquelas persoas e as súas familias que permitan gratuitamente furar nas súas terras"

A asociación Petón do Lobo advirte tamén que unha vez aprobado o permiso de investigación, "os municipios xa non van poder facer nada por parar a exploración no seu dominio público", polo que os colectivos instan os catro concellos afectados a que "estuden o expediente, o divulguen entre a veciñanza e fagan as oportunas alegacións opoñéndose a el". "Falamos dunha contorna humanizada, con valiosos elementos patrimoniais, explotacións agrícolas, gandeiras e forestais", din, ao tempo que avisan á veciñanza de que "ten dereito a non permitir que entren nas súas fincas a traballar" e que, no caso de facelo, "as autoridades teñen a obriga de protexer as súas propiedades". 

Os colectivos din tentar advertir das prácticas das empresas mineiras e dos "riscos" de perder as súas fincas daqueles que permitan as actividades da empresa nas súas terras e avisan de que estas compañías "habitualmente rachan a paz social enfrontando a veciñanza entre aquela que busca un posto de traballo na mina e a que se opón ás instalacións mineiras". 

 

Contra a "falta de transparencia"

"Que a xente se informe do que se pretende facer, e do que acontece e ou aconteceu con outros proxectos mineiros semellantes", piden desde Adega ata Greenpeace, pasando por Verdegaia ou Contraminacción. "Que se informen do plano de investigación mineira e das consecuencias que podería ter, e que comparezan como parte interesada no expediente para que sexan informadas e tidas en conta no desenvolvemento deste expediente de licenza de investigación", recomendan tras sinalar que a asociación O Iribio facilita modelos de comparecencia no expediente. 

Ademais, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños acordou dar charlas informativas "para contrarrestar a falta de transparencia por parte da Administración". 

O SLG lembra que hai proxectos megamineiros previstos en Bergantiños, Ordes, Compostela, a montaña de Lugo ou Lousame

Desde o SLG, pola súa banda, advirten que este da Costa da Morte "non é o único proxecto mineiro que está a desenvolver a Xunta" e cita as solicitudes de exploración de filiais de Edgewater en Santa Comba e Zas, así como outros proxectos na comarca de Bergantiños e noutras zonas de Galicia. A mina de tantalio de Forcarei, os permisos de Seixo de Erinsa na comarca de Ordes e Compostela, os da montaña de Lugo na Fonsagrada, Baleira, Baralla ou Becerreá ou a problemática en Lousame, onde "está a piques de estalar un grave conflito social". "A mineira Sacyr en busca de volframio está pechando ilegalmente o acceso ao monte aos seus comuneiros", din. 

O comunicado contra esta novo proxecto megamineiro está asinado por A Ría Non Se Vende, A Terra Non Se Vende, Asociación autonómica Cova Crea, Asociación autonómica e ambiental Petón do Lobo, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), ContraMINAcción, Contraminate, Foro Social de Cangas, Galiza Non Se Vende, Greenpeace, O Iribio, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, SLG, Verdegaia, Véspera de Nada e Voces polo Litoral de Teis

Área de investigación mineira para M-FM 2001 © Salvemos Cabana
Manifestación contra a megaminaría CC-BY-SA gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.