A ONU tíralle das orellas a España. Unha vez máis. O relator especial das Nacións Unidas para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición non puido ser máis claro á hora de presentar as observacións preliminares da súa visita oficial ao Estado, e que rematou a pasada semana na súa xuntanza coa Xunta e cos represaliados e asociacións da memoria histórica en Galicia.
De Greiff pide máis recursos para as vítimas e lémbralle ao Goberno que as súas demandas "non son desmedidas"
Pablo de Greiff reclamoulle ao Goberno central que incremente os recursos destinados ás vítimas da guerra civil e da ditadura franquista, das que destacou a súa "paciencia" ante a inacción do Executivo, así como a que deixe sen efecto a lei de Amnistía de 1977 que impide que sexan xulgados os crimes do fascismo en España. O relator da ONU recordoulle ás administracións españolas que a memoria histórica "non é un asunto de política partidista", lembrou que as peticións dos represaliados e das súas familias "non son desmedidas" e avogou por que se estableza unha "política de Estado" que non dependa "dos resultados electorais".
O enviado da Nacións Unidas declarouse "especialmente sorprendido" ao observar que "non se fixo máis en favor dos dereitos das vítimas" e recomendou que se poña a situación no centro do debate "por riba de consideracións políticas". "Non son asuntos de política partidista, de redimir programas políticos particulares, senón de principios e dereitos xerais que implican a todos", destacou quen se mostrou "preocupado" por que os tribunais españois non investiguen as desaparicións provocadas pola ditadura. Tamén amosou a súa preocupación pola lei presentada polo PP no Congreso e que recortaría o principio de Xustiza Universal, xa que de saír adiante iría contra as recomendacións do Comité contra a Tortura e ao Grupo de Traballo sobre as Desaparicións Forzadas da ONU.
A ONU di estar "preocupada e sorprendida" pola inacción do Estado á hora de investigar as desaparicións
Por iso, de Greiff censurou a negativa da Fiscalía da Audiencia Nacional a extraditar os torturadores requiridos por Arxentina, como Billy el Niño, e declarouse de novo "sorprendido" por que a Fiscalía do Tribunal Constitucional evitase fixar unha doutrina sobre as desaparicións da guerra civil e do franquismo. Ademais, o relator da ONU tamén instou o Goberno a "reconsiderar" o Valle de los Caídos, unha homenaxe á ditadura fascista e unha ofensa máis ás vítimas, tal e como as miles de rúas e símbolos do franquismo que aínda se manteñen en España e que tamén foron censurados polas Nacións Unidas.