A outra televisión xa dá os seus primeiros pasos

Instante dun trailer de Galiza Ano Cero CC-BY-NC-SA Galiza Ano Cero

Chega unha nova televisión ao país. Galiza Ano Cero, ese "proxecto de activismo audiovisual" que leva meses argallándose, vén de iniciar a súa campaña de microfinanciamento co obxectivo de recadar fondos para o seu lanzamento definitivo. Desde o mediodía deste luns, as achegas poden realizarse xa a través da plataforma Verkami para contribuír con esta "outra televisión, sen ánimo de lucro, en código aberto e baixo licenzas libres e dende abaixo á esquerda". A #outratv, como xa se le nas redes sociais.

Galiza Ano Cero prevé recadar 6.300 euros para recuperar o investimento e garantir mes e medio da programación inicial

E este primeiro obxectivo son os 6.300 euros necesarios para recuperar o investimento empregado na gravación dos primeiros debates e entrevistas, mercar o material que permita continuar co proxecto, así como para a creación dunha nova web que será a base desta televisión. Con esta cifra debería garantirse mes e medio dunha programación que comezará a emitirse tras o verán. Antes, Galiza Ano Cero colgará na rede as entrevistas e debates xa gravados e dos que xa se puideron ver algúns avances.

A partir de aí, e tal e como lembran os quince promotores iniciais desta televisión, a recadación de fondos "non será o único xeito de participar en Galiza Ano Cero". "Tamén podes axudar a difundir as actividades do canal ou asociarte ou mesmo incorporarte a algún dos grupos de traballo", recordan. Pero tamén haberá achegas a través de microdoazóns, así como das cotas dos socios, que xa poden darse de alta neste proxecto cubrindo un formulario na páxina web. Os apoios serán recompensados a tavés de material de merchandising, lotes de libros ou discos e algunha sorpresa máis.

"Pódese axudar a difundir as actividades do canal, asociarse ou mesmo incorporarse a algún dos grupos de traballo"

Constituídos arredor dunha asociación cultural recentemente creada, este grupo apostou por un proxecto "máis necesario que nunca". "Hai un secuestro integral da democracia e dos espazos de comunicación democrática", unha eiva e unha necesidade que comprobaron logo de promover nun local da Coruña unha serie de coloquios políticos con motivo das pasadas eleccións autonómicos e que acadaron moito máis éxito do previsto, tanto polo público presente nos faladoiros como polo seguimento que obtiveron a través da súa difusión na internet. Aí comezou todo.

"Naquel momento decidimos probar cun foro de debate situado radicalmente á esquerda, coa intención de abrir unha canle de debate nun momento crítico tanto para a cidadanía como para a esquerda", explicaban a Praza hai unhas semanas. Aquela experiencia foi o que lles animou a dar un paso máis que se traducirá nesta canle de contidos audiovisuais periódicos que prevé colgar cada quince días debates e entrevistas.

Pero para consolidar Galiza Ano Cero, ademais das achegas económicas, os seus promotores esperan a colaboración "de toda persoa que queira participar, tanto para difundir os seus contidos como para achegar man de obra". "O proxecto non ten ánimo de lucro, nin en principio nin ao final, pero iso non significa que non teñamos o propósito de remunerar o traballo de quen colabore con nós", explica un dos voceiros, que aclara que o proxecto "non é profesional", pero que si conta con xornalistas e xente mundo audiovisual.

Esta nova televisión está aberta a todo o mundo e pon á disposición daquel que queira difundir os seus proxectos unha serie de ferramentas, como a web, o equipo humano, as cámaras ou o espazo físico. "A xente ten unha visión política da vida e entendemos que é necesario ter unha ferramenta como esta; este é o principio, pero a idea é que se vaia construíndo con todas as mans que se animen a facelo. Non temos intención ningunha de patrimonializalo", explican, tras aclarar que a canle "nada ten que ver coa política partidaria ou profesional", senón, precisamente, con toda a política e activismo social que fica fóra dese espazo pechado.

"Entre os nosos obxectivos está que isto acabe sendo  unha canle de crowdfunding en si mesmo, un espazo onde a xente poida producir e difundir os seus contidos audiovisuais", recordan. "Será a xente quen decida se quere ou non que o proxecto continúe", rematan. Desde este mesmo luns, Galiza Ano Cero comeza a recolectar apoios. Económicos e de todo tipo. Será entre tod@s como se decida o futuro da nova televisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.