A "persecución" dos inmigrantes que tamén se dá en Galicia

Manifestación contra os abusos policiais na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

O Foro Galego de Inmigración vén de lanzar a campaña SOS Dereitos das Persoas Migrantes en Grave Perigo!, unha iniciativa coa que pretende "promover unha resposta social ampla e contundente en Galicia contra unha realidade que está a vulnerar xa os máis elementais principios democráticos e os propios dereitos humanos". Co acto de presentación do pasado sábado en Compostela, a rede galega de asociacións e entidades de apoio ao inmigrante quere denunciar a "persecución policial e administrativa á que se atopa sometido este colectivo tanto no país coma no Estado español".

A "lexislación racista" que xa sufrían os inmigrantes endurécese agora "a través de agresións silenciosas e silenciadas"

O Foro lembra que a crise actual, que está a recortar en condicións de vida e dereitos socieconómicos básicos, está a afectar o conxunto da cidadanía, pero destaca que iso non debe facer obviar a pésima situación na que se atopan as persoas migrantes, que ven como a "lexislación racista" que xa sufrían estase endurecendo a través das "agresións silenciosas e silenciadas", especialmente en contra daqueles que se atopan en situación de irregularidade administrativa.

Así, esta rede de entidades enumera estas "agresións" que se están a incrementar nos últimos anos e que se acentúan máis en tempos de crise económica e coa dereita no poder. Destacan a "exclusión sanitaria" das persoas migrantes en situación irregular e que cualifican como "a maior e máis covarde das eliminacións de dereitos básicos e constitucionais e humanos que se teñen producido no Estado Español nestes últimos anos". Segundo o Foro, o PGPSP posto en marcha pola Xunta non é máis que "un parche de beneficiencia que non limita a gravidade deste feito".

As redadas racistas tan denunciadas no Estado tamén se dan en Galicia "en forma de identificacións selectivas en lugares públicos"

Ademais, advirten tamén da "multiplicación das redadas racistas denunciadas por moitos colectivos e asociacións en diferentes zonas do Estado", que foron recoñecidas polos propios sindicatos policiais e que tamén se están a desenvolver en Galicia "en forma de identificacións selectivas en lugares públicos" como estacións de bus ou tren, centros de saúde ou prazas públicas. "Teñen tamén a forma da persecución que as brigadas de estranxeiría realizan con persoas que, tentando tramitar a documentación necesaria para regularizar a súa situación, atópanse con visitas policiais nos seus domicilios, que son o primeiro paso para a súa posterior expulsión de territorio español", denuncia a asociación, que alerta que se perseguen "como se fosen perigosas delincuentes as mulleres que coidan das nosas persoas maiores ou dependentes".

O Foro denuncia "episodios concretos" de marxinación como a persecución de vendedores ambulantes na Coruña ou Lugo

O Foro tamén denuncia a situación dos CIE, centros de internamento temporal para inmigrantes que "son pequenos guantánamos onde se xuntan persoas que o único delicto que cometeron foi atoparse nunha situación de irregularidade administrativa", ou os "tráxicos acontecementos nas fronteiras de Ceuta e Melilla". Pero a entidade insiste en que hai "episodios concretos" de marxinación racista en Galicia que veñen denunciando nos últimos meses. Refírese "á persecución do colectivo de vendedores ambulantes formado por nixerianos ou senegaleses na Coruña ou en Lugo" ou á aprobación na urbe coruñesa dunha nova taxa por decomiso de mercadoría "orientada a perseguir na práctica a estas persoas tentando roubarlles o seu único medio de vida" . Outro exemplo sería a desafortunada intervención da Policia Local en concellos da zona do Barbanza na persecución deste colectivo no pasado Nadal, "extralímitandose claramente nas súas funcións".

Tamén insiste o Foro na súa "preocupación" polo aumento de casos de explotación laboral do colectivo de traballadores migrantes, concretamente no emprego doméstico. "Estas realidades increméntanse polas dificultades que moitas persoas migrantes teñen para renovar as súas autorizacións de residencia, pola nula flexibilidade amosada pola Administración nesta cuestión", di a entidade, que repara no feito de que se coloque nunha situación de exclusión a xente que "leva anos residindo e traballando aquí de maneira regular".

A "explotación laboral" dos migrantes e "a nula flexibilidade da Administración" á hora de renovar o permiso de residencia é outra problemática agravada

Por último, o Foro Galego de Inmigración destaca os "recortes orzamentarios" que se están a levar a cabo nos servizos sociais e a práctica desaparición dos programas e recursos dedicados polas administracións galega e estatal ao colectivo de migrantes. Entre estas desafortundadas medidas destacan a "escandalosa tesoirada do 70% dos orzamentos dedicados pola Xunta á cooperación internacional", unha redución semellante a nivel estatal ou dos gobernos locais.

Por todo isto, a presente campaña, que se estenderá ata xuño de 2014, busca o apoio formal de colectivos, asociacións, entidades, sindicatos e grupos políticos "na defensa dos dereitos das persoas migrantes e contra a persecución policial e administrativa á que se atopa sometido este colectivo en Galiza e no Estado". Para facelo, o Foro pon un e-mail a disposición dos interesados (sosdereitosmigrantes@gmail.com). Todos procurarán "visibilizar as agresións silenciosas e silenciadas que está a sufrir o colectivo de persoas migrantes, especialmente as que se atopan en situación de irregularidade administrativa"

Cartel da campaña © Foro Galego de Inmigración
Manifestación contra os abusos policiais organizada o 29 de nadal pola asociación sen papeis da Coruña e o Foro Galego de Inmigración CC-BY-NC-SA Maribolheras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.