A pesca galega vista por ollos salvadoreños

Os pescadores salvadoreños na súa visita Dominio Público Laura Ruiz

“Foi esperanzador visitar Galicia. Vemos que os problemas que temos nós alí, son os mesmos que tiveron no seu día aquí. Se eles os solucionaron, nós tamén". Así resume as sensacións que a xira galega Alexandre Reyes, máis coñecido como Chandi. Trátase dun dos pescadores salvadoreños que pertence a unha das cooperativas que se puxeron en marcha grazas aos proxectos para o desenvolvemento da ONG Asemblea de Cooperación pola Paz e a Xunta de Galicia. Xunto a Chandi aterraron en España Iván Peraza, pescador de altura e Luís Erazo, coordinador de Cordes, a ONG local que actúa de contraparte no Salvador.

Trátase dunha viaxe de dez días por Lira, Vigo, Baiona, Cangas, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Cee e Corcubión que acabou este martes. Aproveitaron para visitar todos os sectores, desde as confrarías de baixura, as lonxas, as mariscadoras, ata sectores máis tecnolóxicos como as cámaras frías dos portos industriais, a acuicultura e todo o que leva a comercialización. “O primeiro que nos gustaría exportar sería a organización dos pescadores galegos. No Salvador dependen do hielero, que lles permite manter fresco o produto e controla a venda. Aquí son os propios pescadores os que deciden o prezo do peixe e iso dálles autonomía”, di Erazo, que explica que o duro traballo de vender o peixe polas poboacións do Baixo Lempa depende xeralmente das mulleres.

"No Salvador dependen do hielero, que lles permite manter fresco o produto e controla a venda. Aquí son os propios pescadores os que deciden o prezo do peixe e iso dálles autonomía"

Outra das cousas que máis chamaron a atención aos pescadores é a acuicultura e o uso da vela. O aumento do nivel do mar e os desastres producidos polo cambio climático como tsunamis e furacáns, están facendo perigar o equilibrio entre auga salgada e doce na desembocadura do río Lempa, o cal fai perigar moluscos como a cuncha ou o casco de burro, moi parecido á ostra pero de auga doce. “A acuicultura permitiríanos rexenerar e controlar máis o nivel de peixes e moluscos e evitar que haxa familias que non teñan de que vivir”, comenta Reyes, que viu como o nivel de camarón, a especie que máis recolle, foi minguando. “Doutra banda, a vela podería solucionarnos o problema da gasolina, que é moi custosa e leva unha gran parte dos nosos ingresos”, comenta Peraza, que tamén entende a dificultade de armar aos botes salvadoreños de vela ao non dispor de quillas entre outros elementos. “O seguinte paso -complementa Erazo- sería levar a alguén que coñecese a técnica da vela en profundidade e que fixese un proxecto de viabilidade. Ogallá o poidamos realizar no futuro”

 

Quenllas coas mans espidas

A parte que máis sorprendeu aos pescadores galegos é cando o novísimo Iván Peraza cóntalles como se penetra no mar máis de 100 millas cun pequeno bote descuberto a pescar quenllas

A parte que máis sorprendeu aos pescadores galegos é cando o novísimo Iván Peraza cóntalles como se penetra no mar máis de 100 millas cun pequeno bote descuberto a pescar quenllas. “Cando lles dicía que alí non temos ponte de mando nin nada para taparnos do sol ou do mar, nin GPS nin neveiras non llo podían crer”, comenta entre risas o pescador, que pode pasar ata 72 horas nun perigoso Océano Pacífico. Pero non todo resulta tan diferente, como explica Chandi: “É curioso ver como a pesar de ser diferentes especies e diferentes climas, as redes e os aparellos son moi parecidos, aínda que cambie a forma de utilizalos”. Os tres visitantes destacan o duro traballo dos pescadores alí e aquí, pero seguen asegurando que a peor parte lévanllas as mariscadoras.

Peraza resúmeo perfectamente. “No manglar as mulleres recollen cunchas axeonlladas no lodo durante horas. Aquí fano igual, salvo que en lugar de ter mosquitos aquí teñen que sufrir o frío do Atlántico”. “A idea é que se poidan facer un irmanamento tamén coas mariscadoras de alí e de aquí, xa que teñen moito en común e a súa capacidade de cooperación entre unhas e outras é maior que noutros sectores”, reflexiona Luís Erazo, que seguen confiando na cooperación galega para que este proxecto siga mellorando as condicións de vida dos habitantes do Baixo Lempa.

 

Un proxecto de longa traxectoria

“O importante é que os pescadores poidan vivir de forma digna cos aparellos tradicionais para que non teñan que recorrer a métodos tan insostibles como a dinamita ou a pesca de animais en perigo de extinción”

Pero esta viaxe non é máis que un elo nun proxecto de anos de duración. “Empezamos -explica Alejandro Quiñoá, responsable de Centroamérica na ACPP- analizando as necesidades dos pescadores desta zona, facilitándolles material como lanchas ou unha planta de procesamento de peixe”, ao que hai que sumar as capacitacións, a formación de cooperativas, a concienciación sobre igualdade de xénero e sobre a importancia de coidar o medio ambiente para manter a súa forma de vida.

Deste punto encargouse a Asociacion Galega de Reporteiros Solidarios, Agareso. Un equipo de xornalistas desprazouse ata o Baixo Lempa durante dous veráns para realizar talleres de radio nos que eran os propios escolares aos que ían dirixidos quen propuñan xeitos de coidar a contorna: non tirar lixo, non usar pesticidas, estar previdos ante inundacións e algo moi importante, coidar a pesca artesanal. “O importante é que os pescadores poidan vivir de forma digna cos aparellos tradicionais para que non teñan que recorrer a métodos tan insostibles como a dinamita ou a pesca de animais en perigo de extinción”, conclúe Erazo.

Os pescadores salvadoreños na súa visita © Laura Ruiz
Os pescadores salvadoreños na súa visita © Laura Ruiz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.