A Plataforma cidadá para a defensa da Finca do Espiño continúa co seu traballo para conseguir a anulación do convenio urbanístico entre o Concello de Santiago de Compostela e Layetana S.L., actualmente en tramitación. Nas vindeiras semanas lanzará unha campaña de recollida de sinaturas co fin de reclamar no Concello de Santiago a anulación do convenio urbanístico en tramitación, que se unirá ás máis de 300 alegacións presentadas ao plan de Raxoi e á alegación de carácter técnico presentada pola propia plataforma.
Así mesmo, relacionado coas reivindicacións da Plataforma, o vindeiro mércores 28 ás 20 horas o CGAC acollerá unha mesa redonda organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e o Observatorio Galego da Paisaxe, baixo o título “Intervencións singulares na Cidade Histórica e o marco normativo”. Na mesma participarán Manolo Gallego Jorreto, Álvaro García Ortiz e Cándido López. Jorge Duarte –decano do COAG- actuará como moderador.
Finalmente, a Plataforma ten previsto realizar un acto presentación no mes de abril na propia Finca do Espiño. Para o acto convidarase a toda a veciñanza do entorno e, por extensión, á cidadanía de Compostela.