A plataforma pola defensa de Corcoesto prepara alegacións contra a perigosa mina de ouro a ceo aberto

Mina de ouro a ceo aberto situada en Asturias Dominio Público Praza Pública

O polémico proxecto, situado nos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Coristanco, atópase en exposición pública para acadar a consideración de "estratéxico". As alegacións que está a presentar a plataforma pola defensa de Corcoesto están enfocadas a rebater os argumentos empregados pola empresa canadiana, Edgewater Exploration Ltd, que pretende explotar a mina. O primeiro, como é habitual, é o da xeración de emprego, elemento imprescindible para que a Xunta poida outorgarlle a referida consideración de proxecto estratéxico.

Para Verdegaia, "o significado de proxecto estratéxico pode resumirse en tres palabras: patente de corso", pois din que "a empresa que recibe esa cualificación está exenta do cumprimento de moita da normativa tanto ambiental como urbanística"

Sería preciso que a mina xerase cando menos 250 postos de traballo, e a empresa fala de 271. Porén, segundo a plataforma cidadá, a cifra sería moito máis reducida e en calquera caso apenas uns vinte empregos poderían ser ocupados polos habitantes da comarca, ficando o resto para técnicos especializados. A plataforma denuncia que "o proxecto presentado por Río Narcea Gold Mines, S.A limítase a presentar unha relación de postos de traballo sen a debida xustificación, relación na que, ademais, a maior parte dos postos que se propoñen son subcontratas, non empregos directos".

O segundo elemento no que inciden as reclamacións ten que ver con dano medioambiental e paisaxístico da mina. As alegacións presentadas afirman que no informe presentado pola empresa "lonxe de acreditar a súa adaptación ao medio ambiente, nel podemos ver datos sobre contido de arsénico nos residuos que se prevé xerar nalgúns dos pozos que sobrepasan en moitas veces o límite permitido na lexislación vixente, datos que se enmascaran poñendo por diante unha media dos resultados obtidos noutros pozos". 

A plataforma esixe, así mesmo, que a empresa presente un informe de Augas de Galicia no que avalíe a adaptación do proxecto, do uso das tecnoloxías a base de cianuro no mesmo, e da xeración de residuos con elevado contido en arsénico á Directiva marco sobre política de augas. Os colectivos demandantes están moi preocupados, en concreto, polos posibles efectos do cianuro e o arsénico sobre a rede hidrográfica da zona en xeral, e sobre o LIC Río Anllóns (Rede Natura) en particular.

Os colectivos demandantes están moi preocupados, en concreto, polos posibles efectos do cianuro e o arsénico sobre a rede hidrográfica da zona en xeral, e sobre o LIC Río Anllóns (Rede Natura) en particular

A mina a ceo aberto terá unha extensión de máis de 700 campos de fútbol e segundo a empresa estaría en funcionamento 20 anos. A plataforma reduce este tempo a apenas once anos, pero dun ou doutro xeito, o dano para a paisaxe do lugar sería irreparable. A contaminación tamén é inevitable. A extracción prevista de 30 mil toneladas de ouro xerará seis millóns de toneladas de refugallos cun elevado contido en xofre, que se almacenarán en balsas.

O proxecto, unha mina de ouro a ceo aberto, utiliza como tecnoloxía para a separación do ouro o cianuro, un método que xa foi prohibido en varios países, e que mesmo foi rexeitado polo Parlamento europeo hai dous anos nunha resolución que recomendaba a todos os estados da Unión Europea a prohibición do uso do cianuro na minaría. Verdegaia denuncia que "o noso goberno, lonxe de oír os consellos do Parlamento europeo ao respecto, quere darlle a este proxecto a consideración de proxecto estratéxico". Para o grupo ecoloxista, "o significado de proxecto estratéxico pode resumirse en tres palabras: patente de corso", pois din que "a empresa que recibe esa cualificación está exenta do cumprimento de moita da normativa tanto ambiental como urbanística".

Mina de ouro a ceo aberto situada en Asturias Dominio Público Praza Pública
Corcoesto é unha zona cun terreo rico en ouro, no que dende hai séculos se traballaron pequenas explotacións © caminosdelfindelmundo.wordpress

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.