A pobreza combátese dende abaixo

Cartaz do obradoiro que se celebrará este sábado Dominio Público ODS Coia

ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais – Coia), G.A.S. (Grupo Axitación Social) e Baladre (Coordinación de loitas contra o empobrecemento, a exclusión e a precariedade) organizan este sábado en Vigo un obradoiro de ferramentas para a transformacion social baixo o título de Da RISGA á Renda Básica das Iguais. O obxectivo é dobre: por unha banda dar a coñecer e analizar unha realidade de pobreza e exclusión que sofren cada vez máis galegos e galegas. Segundo o último informe da Rede Europea contra a Pobreza (EAPN), o 23,7% da poboación galega, un total de 662.515 persoas, atopábanse en situación de pobreza ou exclusión social no 2011, 65.386 delas en condicións de “privación material severa”.

E polo outro lado quérense amosar e poñer en común os procesos, propostas e traballo alternativo para loitar contra esta situación. A mensaxe que se quere transmitir é que hai alternativas e ferramentas na man de todos para loitar contra a pobreza. Como indican os seus organizadores "con esta xornada abordaremos a necesidade de poñer en marcha espazos e dinámicas transformadoras, que partan da esixencia dos nosos dereitos a través da denuncia e da loita. E non dende a miseria de parchear situacións de exclusión que só logran tapar a realidade de desigualdade e inxustiza que provoca o sistema capitalista". O obradoiro comezará ás once da mañá e realizarase na parroquia do Cristo da Victoria (rúa Baiona 9, Coia - Vigo).

O problema da RISGA é que a prestación é claramente insuficiente, tanto na axuda que achega coma sobre todo en canto á porcentaxe de poboación que cobre

A primeira parte do obradoiro será dinamizada por María Martínez, traballadora social, e por Ana Belén Méndez, profesora do Grao de Traballo Social no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, que realizarán unha análise da desprotección social a partir da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). Esta prestación social de carácter periódico está destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, mediante un proxecto personalizado de inserción constituído por un conxunto de accións tendentes á mellora da integración persoal, familiar, social e, se é o caso, laboral da persoa beneficiaria. O problema é que a prestación é claramente insuficiente, tanto na axuda que achega coma sobre todo en canto á porcentaxe de poboación que cobre. A Xunta dedicou 32 millóns de euros no 2012 para esta prestación, rematando o ano con 6.700 persoas perceptoras, moi lonxe da cifra de 30.000 fogares galegos non teñen ingresos. Os organizadores do obradoiro denuncian que os prazos de espera e criterios para acceder a prestación como a RISGA non fan máis que aumentar.

 

Ferramentas de transformación

Unha segunda parte do obradoiro incide nas ferramentas e estratexias para a transformación social, dende a proposta da renda básica, os puntos de información, o apoio mutuo, desobediencia ou a comunicación crítica

Unha segunda parte do obradoiro, que será impartido por Manolo S. Bayona, de Baladre, incide nas ferramentas e estratexias para a transformación social, dende a proposta da renda básica, os puntos de información, o apoio mutuo, desobediencia ou a comunicación crítica. A Renda Básica das Iguais en Galiza (RBisG) consiste no dereito que ten cada persoa a percibir periodicamente uns ingresos que lle permita cubrir as súas necesidades. Tratase dun dereito que ha de percibirse de xeito individual; universal e incondicional e cuxa contía económica sexa, polo mínimo, igual ao limiar de pobreza. As vías para acadar os ingresos necesarios para implantación deste dereito consisten na re-asignación do gasto público e na reforma do sistema fiscal. 

Os Puntos de Información sobre Dereitos Sociais son unha ferramenta para a consecución do apoio mutuo real entre a veciñanza dos barrios. E todo xirando ao redor do intercambio de información sobre axudas sociais, de visibilizar e denunciar o empobrecemento e de buscar respostas colectivas fronte a exclusión e a perda de dereitos. Sempre provocando relacións coa poboación non mobilizada e os colectivos sociais, "sen os que non é posible levar a cabo ningún proceso de cambio", din.

Mari Fidalgo, de Baladre, salienta que cada vez son máis "as experiencias de economía social e solidaria que están agromando en Galicia"

Mari Fidalgo, de Baladre, salienta que cada vez son máis "as experiencias de economía social e solidaria que están agromando en Galicia". E sinala que tamén se están poñendo en marcha proxectos integrais en distintas localidades e mesmo un espazo de coordinación chamado Miga, Mancomunidade Integral Galega, "que tamén busca facer dialogar esas experiencias -de vivenda de alimentación...- que existen á marxe do mercado e dende unha óptica distinta á capitalista".

Ademais da atención a través da oficina de dereitos sociais, e da acción social a través da solidariedade e do troco, desde este espazo de mobilización optan por outras opcións para mudar a situación actual: “as alternativas pasan por esixir os nosos dereitos, mudar o paso de todo está mal e non podemos facer nada, ao feito de termos os nosos veciños e veciñas que nos poden botar una man e xuntos podemos ter o gusto de que nos vexan e sinalar aos responsábeis. É importante que nos vexamos con algo máis de dignidade. Os que están presentes nos distintos poderes son os responsábeis, e manifestar isto é sanador e liberador, liberarnos da culpabilidade da situación na que vivimos e mobilizarnos”.

Mari Fidalgo destaca que o que se busca non é só acadar unha "vida digna" senón que hai que aspirar a "unha vida plena unha vida que paga a pena ser vivida"

Neste senso Mari Fidalgo destaca que o que se busca non é só acadar unha "vida digna" senón que hai que aspirar a "unha vida plena, unha vida que paga a pena ser vivida". Fidalgo salienta que "neste momento todos estamos entendendo como funciona o capitalismo porque está ofrecendo a súa cara máis cruel" e chama a "recuperar prácticas que eran habituais en Galicia até hai décadas, centradas na cooperación e na reutilización". E conclúe afirmando que “outros colectivos céntranse na loita contra a pobreza" pero que en Baladre "asumimos a loita contra a riqueza. Estamos vendo todos eses casos de corrupción, pero tamén debemos falar da acción dos Gobernos e dos seus recortes”.

 

Oficinas públicas para previr os desafiuzamentos

O Colexio Oficial de Traballo Social reivindica que "un sistema público de benestar social é a mellor garantía de protección para o conxunto da cidadanía"

Este luns o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia propúxolle á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, impulsar una rede de oficinas para evitar os desafiuzamentos dende unha fase preventiva: "facendo un seguimento pormenorizado de cada caso para que as familias non perdan as súas vivendas". As oficinas funcionarían como "un punto de información de reclamación por débedas hipotecarias", con atención pormenorizada en materia de alugueres, acceso a vivendas ou xustiza gratuíta”. O seu responsable, Tubío Ordóñez, reivindicou que "un sistema público de benestar social é a mellor garantía de protección para o conxunto da cidadanía", pero advertiu de que "non pode só actuar como un elemento reparador, senón tamén como mecanismo preventivo".

Cartaz do obradoiro que se celebrará este sábado Dominio Público ODS Coia
Cadea humana organizada en decembro pola ODS de Coia © Zelia Garcia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.