A policía desaloxa o centro social Escarnio e Maldizer, en Compostela

A policía impide o paso ata o lugar, na zona da Algalia, en Compostela CC-BY-SA Nós Televisión

Á primeira hora deste martes axentes antidisturbios da Policía iniciaron o desaloxo do Centro Social Ocupado Escarnio e Maldizer, situado na rúa da Algalia de Santiago de Compostela, seguindo unha orde xudicial. No momento da súa chegada, non había ninguén no edificio, comezando posteriormente o traballo de tapiado do local. 

O chamamento á solidariedade co centro social e cos seus ocupantes, realizado a través das redes sociais, levou á formación dunha pequena concentración de apoio, que non puido achegarse ata o lugar por mor dun intenso despregamento policial. Dende a web do espazo tamén se facía un chamamento: "Acude a apoiar á porta do espazo! Non á criminalización dos movementos sociais Defende os centros sociais. Defende Escarnio e Maldizer". Este chamado á mobilización concretouse na convocatoria dunha concentración de solidariedade para as oito do serán deste xoves. A protesta foi secundada por en torno a medio milleiro de persoas, contra as que as unidades de antidisturbios cargaron nas proximidades da praza de Cervantes, disparando ademais bólas de goma.

Colectivos da cidade convocaron unha concentración de solidariedade ás oito da tarde

O Concello compostelán, pola súa banda, confirma que a Policía interveu "por orde xudicial" e que o consistorio "non tiña detectado ningún problema de convivencia" pola actividade do centro. Neste sentido, e tras admitir a través do edil de Convivencia, Xan Duro, que o goberno local non fora informado previamente do desaloxo, dende o consistorio informouse da "paralización do tapiado" do edificio "por tratarse dun inmoble protexido" dentro do casco histórico da capital galega. O goberno local ditaminou ademais a apertura dun "expediente disciplinario polo tapiado do local", xa que o traballo "nin ten licenza nin se axusta ao Plan Especial" que regula as construcións e o urbanismo desta contorna da cidade.

O Concello mantén que non detectara "ningún problema de convivencia" e ordena parar o tapiado por ser "un inmoble protexido"

O espazo mantiña dende 2014 unha programación cultural, formativa e de lecer estable. O edificio, que fora o antigo local da agrupación de baile e canto tradicional Cantigas e Agarimos, quedara baleiro e sen actividade en 2011. Os e as integrantes do CSO Escarnio e Maldizer destacan na súa web que "o estado deste edifício antes de ser ocupado era de total despreocupaçom por parte das proprietárias, unha construtora, o qual deu pé ao seu contínuo e implacável deterioraçom. Por isto desde o primeiro momento venhem-se realizando trabalhos de restauraçom e limpeza para recuperar um espaço que nalgum tempo foi um importante foco da vida cultural do bairro, e da cidade, e que a especulaçom e a despreocupaçom polo património histórico e cultural levárom ao abandono". Ademais da programación cultural e formativa levada a cabo no espazo, o inmoble acollía varias entidades e colectivos.

 

O edificio, xa tapiado CC-BY-SA Nós TV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.