A Policía detén un fotógrafo durante a recepción aos medallistas galegos

A Policía detén o fotógrafo Rafa Estévez © Diario de Pontevedra

Desproporcionada actuación policial. O fotógrafo do Diario de Pontevedra, Rafa Estévez, foi detido este luns pola Policía cando intentaba realizar o seu traballo durante a chegada dos medallistas olímpicos galegos ao aeroporto vigués de Peinador. Tal e como relata o propio medio, o xornalista gráfico foi inmobilizado e detido por varios axentes "ante a atenta mirada das autoridades políticas e as decenas de persoas que agardaban na terminal".

Varias testemuñas critican a "falta de organización da recepción" en Peinador e as dificultades dos xornalistas para poder traballar

Son moitas as testemuñas que relatan a "falta de organización da recepción na instalación aeroportuaria", o que obrigou a fotógrafos, xornalistas e cámaras a intentar traballar nun espazo mínimo, á vez que o resto de pasaxeiros do avión que traía aos cinco medallistas intentaban abandonar a terminal. 

Segundo varios medios, os policías responsables da organización da recepción foron "incapaces de garantir a saída da pasaxe". Así, no momento en que David Cal, Begoña Fernández, Javier Gómez Noya e Támara Echegoyen, os medios situáronse para intentar fotografar os deportistas, momento no que catro policías detiveron a Rafa Estévez, ao que acusan de golpear coa cabeza a un deles, algo que negou o propio protagonista e que non apreciou ningún dos alí presentes. Compañeiros do fotógrafo aseguran que a Policía o acusa de "insultar e golpear cunha cabezada a un dos axentes".

Nese momento, agardaban a chegada dos olímpicos galegos o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral para ou Deporte, Lete Lasa; o presidente da Deputación, Rafael Louzán; o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, e o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández.

Hai convocada unha concentración en apoio de Rafa Estévez ás 13 horas fronte a Subdelegación do Goberno de Pontevedra

A indignación entre testemuñas e xornalistas non se fixo agardar. Decenas de profesionais dos medios de comunicación concentráronse na praza de España de Pontevedra, fronte a Subdelegación do Goberno, para esixir explicacións públicas e protestar pola detención do fotógrafo, que foi requirido para presentarse este marates ás 9.30 da mañá no Xulgado de Instrución número 3 de Vigo para ser sometido a un xuízo rápido.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia xa denunciou "a violencia gratuíta e innecesaria coa que foi detido" Rafa Estévez e "esixe á Delegación do Goberno que aclare inmediata e publicamente os feitos".

Desde o Diario de Pontevedra confirmaron a Praza que o fotoxornalista está agora á espera de que se celebre o xuízo rápido que estaba previsto para esta mañá do martes en Vigo e confía en que todo quede nunha sanción por "faltas". Ademais, confirmou tamén que a Subdelegación do Goberno ten previsto emitir unha nota de prensa para explicar o sucedido o luns en Peinador.

A Policía detén o fotógrafo Rafa Estévez © Diario de Pontevedra
Protesta pola detención do fotógrafo Dominio Público @V_Penide

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.