Localizamos a Isabel Vilalba na súa explotación de vacún de leite e fabas, en Lourenzá, coa nova aínda fresca do seu nomeamento como nova secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, despois da renuncia de Carme Freire. A Dirección Nacional do SLG elixiuna por unanimidade, e nas vindeiras semanas deberá elaborar unha proposta para conformar unha nova Executiva, cun novo equipo que substitúa as persoas que canda a Carme Freire tamén abandonaron este xoves as súas responsabilidades orgánicas: Manuel Docampo (Organización), Ana Rodríguez (Finanzas), Xosé Manuel Parente (Sectores Vexetais) e Charo Sánchez Parga (Recursos Produtivos para a Alimentación).
Vilalba asegura que manterá os eixos de traballo aprobados no último congreso do sindicato, celebrado en novembro do pasado ano: unha política agraria que manteña uns prezos dignos para os produtores e un tecido económico e social no medio rural, e que asegure alimentos de calidade para a cidadanía: "O programa de reivindicacións do SLG emana das decisións adoptadas no congreso que celebramos recentemente. Todas as persoas que formamos parte do sindicato defendemos e avalamos ese programa", di.
"A PAC debería poñer o seu foco no mantemento dos empregos agrarios dunha maneira digna"
Cales son os retos máis urxentes para o SLG?
Para nós é unha prioridade conseguir que mude radicalmente a política agraria común (PAC), que se está elaborando nestes precisos momentos. Esta política debería poñer o seu foco no mantemento dos empregos agrarios dunha maneira digna e para iso ten que haber uns prezos mínimos que remuneren á xente cun mínimo de dignidade. Tamén é básico ter unha alimentación de calidade para a cidadanía, e isto é o contrario do que veu producindo a PAC até agora, pois a meta que fixaba era ter produtos baratos para competir no mercado internacional e isto levou a que as produtoras recibisen un pago ruinoso, por debaixo dos custes de produción. Tamén é unha gran preocupación para nós todo o que está pasando co sector lácteo, que continúa con baixadas de prezo, este mes por exemplo, e as produtoras teñen unha dificultades enormes.
Os nosos eixos de traballo seguen sendo os obxectivos aprobados no congreso e os nosos textos colectivos: unha política agraria que manteña uns prezos que fagan que os produtores poidan vivir de maneira digna, que se poida manter así un tecido económico e social no medio rural, que á cidadanía lle cheguen alimentos de calidade e con garantías para a súa saúde, con menor carga de agrotóxicos. Este sistema desregulamentado que temos hoxe, e as marxes comerciais, que chegan a ser do 400%, fan que boa parte da cidadanía non se poida permitir unha alimentación de calidade.
"As medidas que se toman están encamiñadas a seguir aumentando a desorde e a desprotexer o solo agrario, incrementando as forestacións, nun modelo completamente caduco"
Que valoración fas da xestión do goberno galego, nos asuntos que son da súa competencia e tamén sobre a postura que adopta ante as decisións que se toman noutros ámbitos?
A política da Xunta nos últimos tres anos foi nefasta para o agro. Os nosos gobernantes son partícipes de posturas e políticas neoliberais que son moi negativas para o agro galego. Hai moitas competencias que son do Goberno galego, directamente, e por exemplo, paréceme tremenda a dinámica que ten de desprotección do solo agrario. Vivimos un problema enorme de perda de superficie produtiva, pero ademais temos un territorio moi mal ordenado, que xera grandes problemas coma os lumes, moitas veces a carón das vivendas. E as medidas que se toman están encamiñadas a seguir aumentando a desorde e a desprotexer o solo agrario, incrementando as forestacións, nun modelo completamente caduco. As persoas que coñecemos o medio rural sabemos que todo este modelo de monocultivo, ademais de ser nefasto para o chan, é ruinoso para a xente, porque só xera beneficio a curto prazo para algúns, non xera emprego e non garante o mantemento do tecido no rural.
"Temos que darlle unha resposta conxunta, con outros colectivos sociais, a todas a destrución que están supoñendo estas políticas neoliberais"
Esa loita debe facerse en cooperación con outros colectivos, é transversal?
Para nós son fundamentais as alianzas con outras organizacións sociais. Temos que darlle unha resposta conxunta, con outros colectivos sociais, a todas a destrución que están supoñendo estas políticas neoliberais. Temos que darlle resposta a todo o desmantelamento dos servizos públicos e ao modelo económico, que provoca un empobrecemento da maioría social. Unha das grandes loitas é o propio mantemento das organizacións sociais. Parece que se busca que a xente deixe de ter organizacións colectivas. Isto lévanos a reflexións para mellor adaptármonos a esta situación e para darlle unha mellor resposta, defendendo os sectores que representamos.