"A por todas" para acadar a abolición das touradas en Pontevedra

Manifestación contra as touradas en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

O cambio de goberno que este sábado se consuma na Coruña significará o remata das axudas públicas á celebración da feira taurina, uns 100.000 euros anuais imprescindibles para a rendibilidade deste espectáculo. Á espera do que suceda en Sarria, onde unha hipotética marcha do PP da alcaldía (pendente dun acordo entre PSdeG-PSOE, CxG e BNG) podería dar remate igualmente ao espectáculo taurino que tradicionalmente se celebra o 28 de xuño, os colectivos antitaurinos fixan a súa ollada en Pontevedra. Na cidade do Lérez mantense a celebración da feira taurina, cada ano con menos seguimento e, ao igual que viña sucedendo na Coruña, recibindo un importante apoio das administracións públicas, sobre todo da Deputación.

Galicia, Mellor Sen Touradas iniciará nos vindeiros días unha campaña de difusión centrada en Pontevedra e na pervivencia das touradas no municipio, que acolle a única praza de touros da comunidade. A campaña terá como lema "Imos a por todas". O principal obxectivo da acción, que se desenvolverá principalmente a través das redes sociais, é concienciar a cidadanía pontevedresa sobre "o montante real do convenio entre o Concello e os empresarios donos do coso taurino" ou sobre "as axudas que percibiron os grupúsculos taurinos para charangas musicais por parte da institución provincial".

Os abolicionistas centrarán o seu activismo no desbloqueo da información da Deputación de Pontevedra ao respecto dos cartos que puido investir en todos estes anos para fornecer os mal chamados festexos taurinos da cidade do Lérez. O organismo provincial chegou a pagar publicidade nun anuario e nunha guía de carácter protaurino de escasa difusión a razón de 3600€, ou a publicidade que se incluíu na praza, cun subsidio de 50.000 euros en 2009 e 2010.

"A desinformación e a opacidade caerán do mesmo xeito que o propio Partido Popular, promotor dos subsidios ás touradas, perdeu o bastón de mando e a maioría do pleno provincial", sinalan. Galicia, Mellor Sen Touradas pídelles aos grupos que conformen o futuro goberno provincial que realicen unha auditoría exhautiva dos fondos que pudieron acabar financiando un evento de maltrato e crueldade cos animais. 

Nun camiño paralelo demándanlle ao Concello de Pontevedra "unha fonda reflexión sobre a pervivencia do convenio municipal", despois de que o propio empresario anunciara a enésima redución da feira taurina "por evidentes razóns de descenso de asistencia". Para a alianza dos abolicionistas, as touradas "retroceden" en Pontevedra "e non o fan máis rápido porque contan cun inxente soporte económico das administracións públicas", engaden

Praza de touros de Pontevedra CC-BY-SA Davisuke
Cadea humana contra as corridas de touros na Praza de Touros de Pontevedra © Diego Torrado
A manifestación do pasado ano foi a máis numerosa das realizadas na cidade contra as touradas © Touradas fóra de Pontevedra
Touradas en Pontevedra © Touradas fóra de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.