A porcentaxe de alumnado que cursa Relixión caeu case 20 puntos nunha década

Evolución da porcentaxe de alumnos e alumnas que cursan Relixión en Galicia Dominio Público Praza Pública

Cada vez son menos os alumnos e alumnas que cursan a materia de relixión nos centros de ensino de Galicia. Na última década a súa porcentaxe caeu en case vinte puntos, tanto en Primaria (do 89,5% ao 72,9%), ESO (do 69,8% ao 50,3%) coma no Bacharelato (do 52,7% ao 33,1%). O descenso foi algo maior nos centros públicos, pero tamén se produciu nos centros privados e nos privado-concertados.

O ritmo de redución mantense estable en Primaria (ao redor de dous puntos porcentuais cada curso), aínda que na ESO e no Bacharelato semella ralentizarse un chisco nos dous últimos cursos. Hai que ter en conta que a LOMCE, aprobada a finais de 2013, comezou a aplicarse no curso 2014-15 e que o deseño do currículo de Bacharelato favorece a súa escolla dende o curso 2015-16, polo que gran parte dos seus efectos aínda non se poden percibir nos datos facilitados polo Ministerio de Educación.

A porcentaxe de alumnado que en Galicia escolle a materia de Relixión en Primaria sitúase lixeiramente por riba da media estatal (69,1%), aínda que isto é debido en boa medida a que os datos vasco (43,9%) e catalán (34,4%) rebaixan notablemente a taxa global española. Galicia é, de feito, a sétima comunidade cunha menor proporción de alumnos e alumnas de Relixión neste ciclo. En ESO e Bacharelato, mentres, o dato galego iguala a media española (50% e 32,9%).

A pesar de que o alumnado de Relixión vén descendendo tanto nos centros públicos coma nos privados e nos privado-concertados, segue a haber unha gran diferenza entre uns e outros. A fenda é menor en Primaria (uns 19 puntos entre os centros públicos e privados), pero crece ata os 40 puntos na ESO e os 50 no Bacharelato.

A pesar do continuado descenso da cantidade de alumnos e alumnas de cursan a materia de Relixión nos centros públicos, o número de docentes desta clase mantense practicamente inalterado na última década. E iso a pesar dos recortes que sufriu o ensino e, en concreto, de que a escola pública galega no seu conxunto perdeu, segundo datos oficiais, ao redor de 1.200 docentes dende 2009.

No ano 2004 eran 934 contratados a xornada completa (545 en Primaria e 389 en Secundaria) e outros 69 con xornadas parciais. No ano 2010 eran 907 a xornada completa (580 en Primaria e 327 en Secundaria) e 68 a xornada parciais. Na actualidade a cifra total de xornadas completas ascende a 888 (580 en Primaria e 308 en Secundaria).

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.