A praza do Obradoiro, ateigada de indignación contra a quita ás preferentes

Sentada dos afectados polas preferentes no Obradoiro Dominio Público @redenasa

Nova xornada de protesta dos afectados galegos polas preferentes. Tan só un día despois da comisión parlamentaria de investigación das caixas, onde Méndez e Gayoso botaron balón fóra sobre os polémicos produtos, centos de preferentistas levan a cabo este sábado unha mobilización na praza do Obradoiro que inclúe unha sentada, unha asemblea aberta coas plataformas de toda Galicia e ata un pasarúas para reclamar que lles devolvan "o 100%" dos seus cartos.

Os afectados concéntranse baixo un lema: "O Goberno do PP rouba aos aforradores para rescatar a banca"

"O Goberno do PP rouba aos aforradores para rescatar a banca". Ese é o lema dunha concentración na que varios voceiros de colectivos de afectados de toda Galicia coinciden en denunciar as "mentiras" dos máximos responsables das extintas caixas, dos que lamentan o seu "cinismo extremo" na súa comparecencia na Cámara.

Ademais, as distintas plataformas aproveitan a xornada para determinar a estratexia conxunta que seguirán nos vindeiros meses ante "a imposición da quita", o peche da vía da arbitraxe o pasado 17 de xuño e recomendación de acudir á vía xudicial para recuperar os aforros. Varios dos portavoces coincidiron en reclamar que continúe a devandita arbitraxe e tras denunciar "a imposición dos trocos e das quitas" por parte do Goberno. Así, lembraron aos afectados que non deben "asinar ningún papel" de Novagalicia e recomendaron optar "pola rebeldía" coa presentación masiva de demandas.

Segundo aclaran os afectados, agora medítase se é conveniente realizar un troco para conseguir liquidez dunha parte ou recorrer á vía xudicial por todo o diñeiro, xa que se podería complicar a situación se os xuíces entendesen que xa é "outro contrato" tras o troco. 

Gayoso e Méndez "menten moi ben"

En canto á comparecencia dos xestores das antigas caixas, os afectados destacan que Gayoso e Méndez "menten moi ben" e lémbranlles que "o 95% dos posuidores de preferentes son pequenos aforradores". Ademais, destacan que se estes produtos foron a parar a estes pequenos aforradores foi "por ordes da dirección".

Os estafados acusan a Méndez e Gayoso de "mentireiros" e "cínicos" pola súa comparecencia ante o Parlamento

"Méndez e Gayoso sabían perfectamente o que había e o que fixeron foi botar balóns fóra, non contestar as preguntas nas que se incidía por parte da oposición", aclaran desde a plataforma compostelá. "É un cinismo extremo", insisten desde Ferrol, tras criticar "a submisión do PP" aos directivos das antigas caixas de aforro galegas.

Mentres, desde a praza volvéronse escoitar bucinas e cánticos como "A quita para os banqueiros que rouban os diñeiros" ou "Sen quita nin accións, total devolución". Ao tempo, os afectados luciron pancartas nas que acusan de "ladróns" aos banqueiros e de "traidores" aos deputados do PP que votaron a favor da quita.

Por outra banda, os preferentistas tamén destacaron que os afectados supoñen agora "entre o 205 e o 30% do accionariado de Novagalicia Banco", ao estar en posesión dos títulos, e preguntáronse que lle parecería ao ministro De Guindos que fosen os "cidadáns estafados" os que controlasen a entidade.

Os afectados advirten a De Guindos de que poden controlar "ata o 30% do accionariado de Novagalicia Banco

Unha novidades sobre a que chamaron a atención os afectados este sábado na súa estratexia para loitar pola devolución do seu diñeiro é que os preferentistas supoñen "entre o 20 e o 30 por cento do accionariado de Novagalicia Banco" ao estar en posesión destes títulos. "Non vai poder vender e se a vende quédanos a baza de controlar no Consello de Administración as decisións da entidade", advertiron. "Se por decreto nos converteron en banqueiros, imos exercer de banqueiros e imos sacar á entidade da situación de crise e de roubo á que abocaron", avisou Xesús Domínguez, do colectivo de Santiago.

Logo da asemblea aberta de pola mañá, leuse manifesto reivindicativo con intervencións de representantes do mundo da cultura como Rosa Aneiros, Mercedes Peón, Paula Carballeira, Marilar Aleixandre ou Xesús Ron. Á tarde a protesta continúa coa unión á marcha convocada pola Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae) en todo o Estado, tras que haberá novas intervencións de membros da cultura e a sociedade civil como Teresa Moure, Carlos Callón ou Alberto Ramos, antes de protagonizar unha sentada.

Sentada dos afectados polas preferentes no Obradoiro Dominio Público @redenasa
Francisco Jorquera, voceiro do BNG, cos afectados polas preferentes Dominio Público @jorqueracaselas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.