A presión social obriga a Xunta a deter as fumigacións tóxicas de eucaliptos

Manifestación contra as fumigacións © Plataforma contra as Fumigacións

A Xunta detén as fumigacións aéreas contra o gorgullo do eucalipto, logo de meses de presión e protestas por parte de varios movementos sociais. Así, nunha resposta oficial ao Valedor do Pobo, a Secretaría Xeral de Montes confirma que denegaron o permiso para o tratamento con agrotóxicos dende helicópteros "por contraviren unha directiva europea", segundo destaca nun comunicado a Plataforma contra as Fumigacións.

A Xunta confírmalle ao Valedor que detivo as fumigacións "por contraviren unha directiva europea"

Tal e como explica esta plataforma, na última semana de novembro, o Valedor do Pobo contestou por escrito unha queixa presentada pola organización ecoloxista Adega, en representación da Plataforma contra as Fumigacións e por un Futuro sen Pesticidas, na que revela que as fumigacións aéreas contra o gorgullo do eucalipto "foron finalmente desautorizadas pola Xunta de Galicia despois de meses de intensa contestación social".

O Goberno galego asume que as fumigacións previstas non cumprían coas normativas europeas

Segundo a información remitida pola Secretaría Xeral de Montes ao Valedor confírmase que a solicitude presentada pola empresa contratada por Aspapel foi denegada por non cumprir “os condicionantes previstos na directiva 128/2009/CE para este tipo de tratamentos”. A devandita directiva europea prohibe expresamente fumigar desde o aire cando existan outros métodos de combater unha praga, como é o caso nas plantacións de monocultivo de eucaliptos afectadas polo insecto Gonipterus scutellatus (gorgullo do eucalipto), "contra o que existen medios como a loita biolóxica, inicialmente posta en marcha pola propia Xunta de Galicia".

Xa que logo, a presión social, a mobilización e as continuas protestas ante unha perigosa iniciativa deu os seus froitos. Tal e como lembra a plataforma,  a "alarma social" por estas fumigacións planificadas e financiadas pola industria do papel representada na Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (Aspapel), xurdiu en abril deste 2012, cando a Asociación Galega de Apicultores (AGA) avisou do que estaban a preparar "coa colaboración da Xunta de Galicia, asociacións forestais galegas e concellos gobernados polo PP".

Daquela creouse a Plataforma contra as Fumigacións, na que se integrarón organizacións como AGA, o Sindicato Labrego Galego, Adega, Verdegaia ou Fruga para alertar aos habitantes das extensas zonas que se ían ver afectadas. Chegou a xuntar en pouco tempo cen mil sinaturas contra o plan fumigatorio, ademais de realizar manifestacións e denuncias diante da Fiscalía. Ademais, e con motivo das recentes eleccións galegas, recibiu o apoio e compromiso de todos os grupos políticos que finalmente acadaron representación, agás do PP.

Tal e como acaba de confirmar o Valedor do Pobo, "as accións informativas e legais contra o plan deron os seus froitos e o goberno galego viuse obrigado a impedilas, unha vez a poboación estaba informada da súa perigosidade e da súa ilegalidade". Para este colectivo, a Xunta dá a entender na súa contestación ao Valedor "que se realizaron fumigacións parciais desde terra co mesmo produto, algo do que xa tivera constancia a Plataforma grazas á colaboración cidadá".

"A intensa acción de denuncia e oposición evitou que o flufenoxurón fose masiva e indiscriminadamente fumigado sobre Galicia"

Así e todo, desde a organización consideran que a súa "intensa acción de denuncia e oposición evitou que o flufenoxurón fose masiva e
indiscriminadamente fumigado sobre centos de milleiros de hectáreas por media Galiza".

Este pesticida foi catalogado como tóxico pola Unión Europea e, de feito, o seu uso quedará total e definitivamente prohibido a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2013. Entre os efectos nocivos deste insecticida “persistente e bioacumulable” está o de ser tóxico para as abellas e os animais acuáticos, acumulándose na cadea trófica e contaminando os cursos de auga. Tamén mata a propia avespa que se usa para a loita biolóxica contra o gorgullo e mesmo se teñen documentado casos de toxicidade en humanos.

Os representantes da Plataforma contra as Fumigacións consideran que se ten conseguido "unha vitoria nunha batalla importante", pero que é preciso "continuar o combate contra os pesticidas co obxectivo de conseguir que outros produtos prexudiciais para os nosos ecosistemas e a nosa saúde deixen de ser utilizados no país". Ademais, lembran que "se ten demostrado que enfermidades como o Parkinson son producidas por este tipo de produtos masivamente utilizados hoxe en día na agroindustria".

Por esta razón e para asegurar un futuro para a produción agrícola, gandeira e silvícola do país, a plataforma insiste en que "é preciso mudar de modelo produtivo e adoptar firmemente a agroecoloxía, eliminando tamén os monocultivos que, como o do eucalipto, son sumamente vulnerables a pragas cuxa eliminación acaba supoñendo riscos intolerables para a saúde pública e para o futuro da nosa produción alimentar".

CC-BY Plataforma contra as Fumigacións
Mapa das fumigacións en Galicia © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.