A privatización da arbitraxe das preferentes (e de moito máis)

Instituto Galego de Consumo © Xunta

O pasado outubro a Xunta iniciaba, por vía de urxencia, os trámites para contratar un servizo de "apoio e reforzo para a tramitación de expedientes de arbitraxe de consumo relacionados coa comercialización das participacións preferentes e obrigacións subordinadas". En plena campaña electoral o Goberno galego dispúñase a contratar once persoas proporcionadas por unha empresa privada -primeiro Eulen e logo Serviguide- que traballaron en horario e condicións sensiblemente peores que os do funcionariado. O pasado 18 de xuño rematou o prazo para que Novagalicia Banco aceptase solicitudes de arbitraxe, pero o Instituto Galego de Consumo (IGC) volveu optar pola privatización desta xestión e a continuidade de seis asistentes técnicos externos para tratar a problemática destes polémicos produtos financeiros durante os vindeiros nove meses, malia que tan só se manteñen as vistas, xa que a admisión de solicitudes xa se deu por finalizado hai semanas.

"Feijóo non quere persoal funcionario tramitando as reclamacións das preferentes", denuncia a CIG

O custo que asumiu Consumo para a contratación destas seis persoas alleas á Administración foi de máis de 180.000 euros, maior que no anterior contrato, no que se reservaron algo máis de 73.000 euros. Así, a sección sindical da CIG nos Servizos Centrais da Xunta denuncia que "Feijóo non quere persoal funcionario tramitando as reclamacións das preferentes" e ve nesta privatización masiva das xestións no Instituto Galego de Consumo (IGC) como un intento por "afastar o persoal funcionario que non é de confianza de temas politicamente sensíbeis" como o destes produtos financeiros.

Porque hai moito máis. Un estudo realizado pola central nacionalista desvela que "máis dun terzo do persoal que traballa no IGC son asistencias técnicas". En concreto, nun ente onde traballan 28 empregados públicos, hai tamén entre 15 e 16 asistentes técnicos. Persoal externo sobre o que a CIG pide "explicacións", tanto para o persoal funcionario como "para a cidadanía galega". "Non chegamos a comprender se esta é a racionalización á que se refería o vicepresidente Alfonso Rueda", di.

Máis dun terzo do persoal do Instituto Galego de Consumo é externo

"Aquí non hai austeridade que valla, senón un cambio político de modelo de Administración: traballadoras e traballadores de empresas privadas facendo o traballo propio de empregadas e empregados públicos. Non se trata de enfrontar a clase traballadora senón de defender un modelo de Servizos Públicos nos que gañe a cidadanía", insiste a CIG, que defende un sistema no que a cidadanía "gaña en control", pero tamén pola "garantía de confidencialidade respecto dos datos persoais, así como de imparcialidade e independencia que só pode garantir un empregado público".

No caso da arbitraxe das preferentes, o persoal externo encárgase da "recepción, ordenación e clasificación dos expedientes, comunicacións afectados, apoio laudos, control e seguimento". Funcións que non parecen específicas nin que non puidese realizar o persoal funcionario. Pero un caso semellante ocorre noutras seccións do Instituto Galego de Consumo (IGC).

En canto a atención ao consumidor, o servizo de atención telefónica está privatizado en todo o país, así como a atención presencial na Coruña, Ferrol e Vigo. Segundo a CIG, entre catro e cinco persoas tituladas en Dereito están a "facer funcións adicionais de teleoperadores". E fanse a través dunha contrata formalizada o pasado 1 de abril por valor de case 170.000 euros e para os doce meses seguintes. É Balidea a empresa encargada do traballo, aínda que ata hai ben pouco tamén se encargaba Eulen.

O sindicato denuncia que se privatizan traballos con "perfís para os que tamén existen escalas de persoal funcionario na Xunta"

Na xunta arbitral de consumo, "quitando as funcións da presidencia e secretaría que a norma reservan especificamente para persoal funcionario", hai cando menos con tres asistencias técnicas, "segundo o papel, para apoiar e asesorar esta xunta arbitral". Neste asesoramento, e segundo a contrata, hai dúas persoas licenciadas en Dereito e un administrativo, "perfís para os que tamén existen escalas de persoal funcionario na Xunta", segundo aclara a CIG, que denuncia que a cantidade destes contratos é sempre inferior aos 60.000 euros para adxudicalo mediante negociado sen publicidade. "A última renovación foi en xaneiro coa empresa de curioso nome: Centro de Atención de Llamadas SA".

A central nacionalista tamén lembra que, froito da modificación da estrutura do IGC, creouse formalmente a Escola Galega de Consumo, se ben xa existía unha contrata anterior para facer estas funcións de carácter educativo e divulgativo en temas de consumo. A decisión foi denunciada pola CIG cando se publicou a convocatoria da contrata e denuncia que "realmente se trata de contratar tres persoas para levar o día a día das actividades". A contrata actual lévaa Prosem Consultoría. e formalizouse o 1 de marzo por valor de 58.000€ ata finais de 2013.

Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia, xustificou este mesmo xoves a contratación externa polo "esforzo" que lle supón á Administración a xestión das reclamacións polas preferentes. "A ninguén lle cabe dúbida do esforzo que se fixo estes meses para conseguir que dúas de cada tres persoas que reclamaron arbitraxe, cobrasen. Iso supón unha actividade extraordinaria, que a Xunta lle supuxo un despregamento importante con funcionarios da propia Xunta, que deixaron as súas funcións para atendelas", dixo, tras aclarar que "agora vén un labor de asesoramento no que se tenta dar a mellor solución e a mellor atención". "Facemos o posible para facer fronte a esta actividvade extraordinaria e os resultados están, en comparación con calquera outra comundiade, Galicia deu unha resposta cumprida, dun xeito eficaz", rematou.

Instituto Galego de Consumo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.