A radio conta: oito emisoras da Coruña, xuntas a prol das persoas con parálise cerebral

Presentación do programa na casa do Concello da Coruña, con representantes das emisoras e a edil Rocío Fraga © Concello da Coruña

Por quinto ano consecutivo oito emisoras comerciais da Coruña unirán durante unhas horas as súas emisións. Este 30 de decembro 'A radio conta' volve ao Teatro Rosalía Castro e faino novamente con obxectivo solidario. Desta volta, a asociación Aspace, que axuda a persoas con parálise cerebral e ás súas familias dende hai corenta anos, será a beneficiaria do evento.

Dende as cinco e ata as oito da tarde o programa ao vivo poderá escoitarse nos diais coruñeses de Radio Coruña-Cadena SER, COPE, Radio Voz, Onda Cero, Radio Marca e Intereconomía Coruña e, para toda Galicia, pola Radio Galega e Radio 5 de RNE. Todas elas volven conformar este sábado "unha soa redacción" que preparou "moitas sorpresas" e que conta coas voces do blogueiro e mestre Hematocrítico, do actor Manuel Burque, ou dos doutores Manuel Viso e Diego González.

O mundo gastronómico tamén está representado na nova edición d'A Radio Conta  a través dos cociñeiros Iria Espinosa e Pablo Pizarro, haberá espazo para a economía con Jesús Vázquez e para a historia do xornalismo coa profesora Rosario Martínez, experta na pioneira do oficio Sofía Casanova. O humor de David Perdomo, Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Marcos Pereiro será tamén protagonista nun programa especial no que a música vai a cargo de Sisters in the house, Iago Gordillo, Voodoo e a Tuna e Veteranos.

As doazóns recadadas con este programa conxunto serán para Aspace, que fai corenta anos a atender persoas con parálise cerebral

A lembranza de Ángel Gómez Hervada, o director de Radio Coruña recentemente falecido que se implicou na organización d'A Radio Conta dende o seu comezo, estará tamén moi presente nun evento que é de entrada libre, pero con doazóns voluntarias dedicadas a Aspace, o mesmo que a recadación pola venda de camisolas, chapas e láminas. Quen pase polo Teatro Rosalía poderá tamén achegarse a un especial "consultorio astronómico" organizado pola agrupación astronómica Ío ás portas do recinto.

Este programa especial, destaca a organización, quere ser un "broche de ouro" ao cuadraxésimo aniversario de Aspace, que proporciona "servizos e actividades" ás persoas con parálise cerebral e ás súa contornas familiares. Os servizos de Aspace atenden máis dun cento de persoas en dúas residencias, un centro de día e un centro educativo e teñen entre os seus proxectos máis inmediatos a construción dun parque adaptado para nenas e nenos con esta doenza ou a adquisición de maquinaria que axude as persoas que atenden na súa vida diaria, como guindastres ou unha bañeira-padiola.

Quen non poida asistir ao programa ao vivo pero desexe colaborar, pode facelo a través da "ringleira cero" mediante o ingreso na conta bancaria de Caixabank ES31 2100 4202 1122 0001 1474 

Cartel da quinta edición d'A radio conta © A radio conta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.