Este xoves celébrase o Día Mundial da Radio, conmemorando o día en que a ONU creou a Radio das Nacións Unidas en 1946. A declaración da Unesco destaca que hoxe é "un día para celebrar a radio como medio, para mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión e para alentar as principais redes e radios comunitarias por igual a promover a través das ondas, o acceso á información, á liberdade de expresión e á igualdade de xénero". Nesta edición, ademais, faise fincapé nas mulleres que fan e escoitan a radio e chámase a "desenvolver políticas e estratexias en materia de xénero para a radio", a "eliminar os estereotipos" e a desenvolver "as habilidades para a produción de radio pola xente moza, con especial atención nas mulleres novas como produtoras, condutoras e reporteiras".
A escola "debe ter o compromiso de incluír nas súas prioridades a formación das novas xeracións na capacitación para adquirir as competencias necesarias para conseguir o sentido crítico"
Ponte nas Ondas conmemora esta data coa organización dun acto, en colaboración coa Facultade de Comunicación de Pontevedra, que comezará ás cinco da tarde no Salón de Graos deste centro. O evento consistirá nunha presentación radiovisual, conducida por Rocío Pereira, exalumna desta facultade, locutora de radio e participante en diferentes edicións de Ponte...nas ondas!, e servirá para presentar a historia da Asociación Cultural e Pedagóxica e o traballo desenvolvido ao longo destas dúas décadas. No acto participarán tamén Xosé Mª García Palmeiro e Xurxo Souto.
Ademais, participa na difusión do Manifesto das Radios Escolares, realizado en colaboración coa Asociación Internacional de Radios Educativas de Latinoamérica, e redactado polos distintos centros educativos que participan nestas iniciativas. O texto destaca que "o papel das tecnoloxías da información e comunicación é cada vez máis importante" e reclama que "a escola, como centro de educación e preparación dos alumnos para a súa ruta vital, non debe ser allea a esta realidade e debe ter o compromiso de incluír nas súas prioridades a formación das novas xeracións na capacitación para adquirir as competencias necesarias para conseguir o sentido crítico que os prepare como cidadáns democráticos cos valores propios dunha sociedade moderna".
"As distintas administracións educativas deberían fomentar a implementación e desenvolvemento das Radios Escolares para formar e implicar os mozos en todas as fases de creación e produción nun medio de comunicación"
Sinala ademais que "pola súa simplicidade técnica e potencia pedagóxica, a radio pode ocupar unha importante posición como medio dinamizador nos centros educativos, desenvolvendo as capacidades comunicativas e imaxinativas dos mozos" e reclama "que as voces dos nosos mozos teñen dereito a expresarse nun medio de comunicación directo, simple e actual", lembrando que "un dos obxectivos da Radio Escolar é educar aos mozos en valores como a tolerancia, a solidariedade, a igualdade e a colaboración a través do seu uso activo".
Por iso, demanda que "as nosas voces necesitan unha canle de difusión facilitado polas administracións para poder estender as nosas emisións facendo intercambios entre países e continentes" e que "as distintas administracións educativas deberían fomentar a implementación e desenvolvemento das Radios Escolares para formar e implicar os mozos en todas as fases de creación e produción nun medio de comunicación".
Radio online da USC
Este xoves inaugurouse oficialmente a radio online campUSCulturae, unha emisora xestionada pola Universidade de Santiago que emitirá a diario unha programación realizada por estudantes, profesores e colectivos
De igual xeito, e tamén co gallo do Día Mundial da Radio, este xoves inaugurouse oficialmente a radio on line campUSCulturae, unha emisora xestionada pola Universidade de Santiago que emitirá a diario unha programación realizada por estudantes, profesores e persoal non docente da USC, así como por centros de ensino non universitario, colectivos de inmigrantes, asociacións ou internos dos centros de penitenciaría de A Lama e Teixeiro. Ademais, nas vindeiras semanas irá incorporando contidos doutras canles radiofónicas universitarias.
Entre os programas cos que xa conta a emisora, destacan Metrópoles delirantes, un espazo sobre banda deseñada presentado pola locutora Nieves Rodríguez; ¿Claro para todos?, sobre lecer universitario; Neurovit, programa sobre música electrónica e ciencia; 94 voces, espazo dedicado á información de actualidade; Zona O, un espazo de axenda cultural; Voz crítica, de reportaxes informativas de actualidade; Generación 9.0, sobre a cultura e as tendencias dos 90; Al detalle, dedicado a monográficos temáticos; Abracadrabra, un programa dirixido ao público infantil; e Todas as mañás do mundo, espazo de viaxes.
O "dereito a existir" das radios comunitarias
"En España, os cidadáns teñen limitado o seu dereito á comunicación, pois non se conceden licenzas para os medios comunitarios e moitas delas atópanse ameazadas ou perseguidas polas institucións públicas"
Isabel Lema, coordinadora de Cuac FM, publicou así mesmo unha reflexión no seu blog no que destaca que "falamos de radio e falamos de dereitos, como o dereito fundamental á liberdade de expresión e de acceso á comunicación. Un dereito que a cidadanía exerce activamente a través dos medios que posúe, como as radios libres e comunitarias". Lembra que as emisoras comunitaria cumpren a función de "garantir o acceso democrático de calquera cidadán aos medios de información, a comunicarse a través deles, a crear e difundir os contidos que lles importan", e denuncia que "en España, os cidadáns teñen limitado o seu dereito á comunicación, pois non se conceden licenzas para os medios comunitarios e moitas delas atópanse ameazadas ou perseguidas polas institucións públicas".
"É nos medios comunitarios onde as mulleres son as verdadeiras protagonistas, pondo o altofalante naquilo que lles preocupa, dirixindo, locutando, realizando programas con profundo contido social"
Conclúe que "hoxe é un día para reivindicar de novo o noso dereito a existir e a ser tratadas en condicións de igualdade que outras emisoras locais, senón mellor", pois as radios comunitarias "somos instrumentos de garantía da pluralidade informativa, favorecemos a cohesión social, a diversidade cultural e lingüística e a liberdade de expresión dos cidadáns". E engade que "é nos medios comunitarios onde as mulleres son as verdadeiras protagonistas, pondo o altofalante naquilo que lles preocupa, dirixindo, locutando, realizando programas con profundo contido social como Meigas Radioactivas de Cuac Fm, Nosotros en el mundo (Radio Vallekas) e moitos outros".
Agareso
A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade queren conmemorar o Día Mundial da Radio "recoñecendo o valor que ten este medio de comunicación para o desenvolvemento dos pobos"
De igual xeito, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade queren conmemorar o Día Mundial da Radio "recoñecendo o valor que ten este medio de comunicación para o desenvolvemento dos pobos", como por exemplo o proxecto que se está a executar coa ONG Cordes na rexión do Bajo Lempa, no Salvador.
Neste proxecto, que comezou en xaneiro grazas ao financiamento do Fondo Galego e dos municipios e deputacións que fan a súa achega a esta entidade, intervirase durante nove meses na zona do Bajo Lempa, impartindo obradoiros de sensibilización ambiental en once centros escolares e en tres colectivos comunitarios de protección civil.
Todo este labor será complementado e amplificado por Radio Tehuacán, emisora comunitaria do municipio de Tecoluca, que a través das ondas ampliará a capacidade de sensibilización e formación cun programa especial semanal titulado En contacto coa natureza. Este espazo tratará todas as semanas diferentes temas ambientais e resumirá as capacitacións realizadas por Cordes para que non só teña acceso a elas o alumnado, senón tamén as súas familias.