A rebeldía que abrangue a todos

Manifestación en Vigo CC-BY CIG

Galicia está na rúa. Desde hai xa meses, boa parte da sociedade galega responde con protestas e mobilizacións ás duras medidas de axuste e recorte -tinguidas de ideoloxía- que os gobernos do PP levan aplicando desde a chegada de Mariano Rajoy ao Executivo central. Pero, a diferenza doutras épocas, non só a clase obreira, os sindicatos ou os colectivos sociais máis activos están a amosar o seu rexeitamento ás políticas da dereita que xorden desde a Xunta ou desde a Moncloa. Desta vez, ata asociacións pouco afeitas á protesta levantaron a voz. Incluso algunhas claramente achegadas ás ideas conservadoras.

Colectivos pouco afeitos á mobilización ou incluso vinculadas á dereita amosáronse moi críticos coas políticas do PP

E fano dunha maneira rotunda e dura. O último exemplo chegou nesta última semana, cando o Colexio Oficial de Médicos da Coruña, pouco afeito á reivindicación, emitiu un duro comunicado no que cualificaba de "irresponsables" as medidas levadas a cabo polo Goberno galego, como a redución salarial do 4% aos funcionarios, e no que aseguraban que é "ética e moralmente reprobable manter o irracional aparato administrativo do Estado e o indecente número de cargos públicos a conta da saúde pública dos cidadáns".

A través dun comunicado titulado Así non, e colgado na súa páxina web, os médicos colexiados da Coruña amosaron o seu "enérxico rexeitamento" ao novo recorte salarial e á "falta de coraxe" dos gobernantes por non responder ás demandas do colectivo sanitario. Esta crítica chegaba pouco despois de que os sindicatos médicos CESM e Omega avisaran a Xunta de que os recortes na sanidade pública "pasaran xa a liña vermella" e advertiran ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do "dano" que os axustes "están a facer tanto á sanidade como aos seus profesionais". Todo, entre protestas xeralizadas dos traballadores da Sanidade.

Avogados, colexios e sindicatos médicos censuran con dureza os recortes da Xunta e do Estado

Tamén nesta última semana, foron os avogados galegos os que cargaron contra o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, ao que chegaron a cualificar de "non demócrata e arrogante" e logo de criticar o seu "tufiño ditatorial". Foi despois de que o Consello da Avogacía Galega declarara persoa non grata o ministro e ao tempo que Antonio Platas, presidente dos letrados e decano do Colexio de Avogados da Coruña, comparecía ante os medios para, nunha dura declaración, explicar os motivos que levaron o colectivo a tomar esta drástica medida.

"Estou ata a médula de Gallardón; non o quero nin ver diante porque é un impresentable", asegurou Platas, despois de censurar a instauración das novas taxas xudiciais, que cualificou de "arbitrarias e inxustas" e destinadas "a foder os cidadáns agora en plena crise". Os letrados galegos xa foran os pioneiros no Estado á hora de promover mobilizacións, que foron apoiadas tamén por xuíces, fiscais, ademais de por todos os sindicatos. Os avogados protagonizaron nas últimas semanas concentracións en contra da aprobación das taxas xudiciais por entender que limitan o acceso á Xustiza da cidadanía.

Os pais apoiaron por primeira vez unha folga estudantil ao non enviar os seus pequenos á escola

Porque os duros recortes afectan a todos os sectores, e aínda que as clases menos favorecidas están a sufrir máis os axustes económicos, case non hai colectivo que non se sinta atacado. Por suposto, tamén os empregados públicos. A última redución salarial -dunha media do 4% e logo de que Feijóo prometese non esixirlles "máis sacrificios"- esgotou a paciencia duns funcionarios que xa se mobilizaron no momento no que coñeceron a noticia, pero que prometen máis protestas durante estas festas de Nadal, a primeira o vindeiro xoves.

Tamén promete volver ás mobilizacións a comunidade educativa, na rúa desde  hai tempo polos recortes e tamén agora polo borrador da nova Lomce, a denominada Lei Wert, que acabou por quentar aínda máis os ánimos de profesores e alumnos. Pero tamén os dos pais, que hai dous meses, e por primeira vez, apoiaron unha folga no ensino ao non enviar os seus cativos á escola. Protestaron contra a reforma educativa e contra os continuos recortes aplicados na escola pública.

A todos estes colectivos únenselle tamén os traballadores do sector bancario, afectados polos axustes de persoal impostos pola UE e o FROB para Novagalicia Banco, ou os afectados polas preferentes, que levan meses loitando por recuperar os seus cartos e que ven como nin a Xunta nin o Estado acaban de dar unha solución á súa estafa. E tamén os gandeiros, que levaron a cabo unha folga de entregas de leite, prexudicial para os seus intereses, pero inevitable ante a situación de asfixia que sofren as explotacións galegas.

Todos protestan. Médicos, avogados, xuíces, fiscais, empregados públicos, profesores, alumnos, pais... E, por suposto, a clase traballadora que leva anos sufrindo axustes e precariedade. E moitos foron xuntos á última folga xeral, a do 14 de novembro, onde Galicia volveu liderar a indignación no conxunto do Estado con medio millón de persoas nas rúas das principais vilas e cidades. En 2013, todo parece indicar que as rúas volverán estar cheas. E nelas, volverá haber de todo.

 

 

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo
Mobilización na Coruña, ante o TSXG © Consello da Avogacía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.