A rede elaborou e distribuíu máis de 3.000 mascarillas entre entidades sociais ou residencias de maiores
O mesmo venres 13 no que se anunciou o inicio do confinamento obrigado para frear a expansión do coronavirus comezou a organizarse na Coruña unha Rede veciñal de Apoio Mutuo co obxectivo de emprestar apoio ás persoas e colectivos que máis o necesitasen. De inmediato, centos de persoas puxeron en marcha Grupos de Apoio Mutuo en todos os barrios da cidade (ata sumar un total de 12), aos que se foron engadindo grupos de traballo específicos.
Un mes e medio despois a Rede veciñal de Apoio Mutuo da Coruña atendeu directamente a máis de 5.000 persoas en toda a cidade, especialmente a familias e colectivos vulnerables, ademáis de dar apoio a comercios locais.
Unha das accións levadas a cabo foi a elaboración (a cargo do grupo Cose na Casa) e distribución gratuíta de máis de 3.000 máscaras de protección entre entidades sociais (ADCOR, CASCO, Padre Rubinos, Asociación de Mulleres Rurais As Berenguelas, etc), comercios locais, farmacias e persoas en situación de vulnerabilidade.
No último mes e medio preto dun centenar de familias están sendo atendidas nas súas necesidades alimentarias e de emerxencia
Ademais, no último mes e medio preto dun centenar de familias están sendo atendidas nas súas necesidades alimentarias e de emerxencia (alimentos frescos, cueiros para crianzas, butano, etc) por esta rede veciñal de apoio mutuo. Contan cunha pequena caixa de resistencia para facer fronte a estas situacións e tamén coa colaboración desinteresada de pequenos comercios, ONG e servizos municipais. En todos os casos actívase un protocolo para que os servizos sociais continúen coa atención a estas familias despois da axuda inicial de emerxencia.
Colaboran tamén con máis de 55 comercios locais da Coruña para potenciar una rede alternativa ás grandes superficies
Outro dos aspectos que se atende nos GAM é a soidade e distanciamento social das persoas que viven illadas, para o que se puxeron en marcha instrumentos de acompañamento emocional que chegan a máis de 100 persoas que están sufrindo de xeito especial a situación de confinamento.
Así mesmo, os diferentes grupos de traballo colaboran tamén con máis de 55 comercios locais da Coruña para potenciar una rede alternativa ás grandes superficies, apoiando a pequenos comerciantes e evitando aglomeracións nos supermercados. De igual xeito, están a traballar para procurar solucións aos problemas de vivenda para inquilinos con dificultades para pagar o alugueiro, actuando en rede con entidades en defensa do dereito a vivenda e sindicatos de inquilinas de todo o Estado.
En total, os GAM están conformados por máis de 1.500 persoas distribuídas en 12 grupos activos de barrio
En total, os GAM están conformados por máis de 1.500 persoas da Coruña distribuídas en 12 grupos activos de barrio (Monte Alto - Pescaría, Labañou - Cidade Escolar, Eirís, Os Mallos - Gaiteira, Agra do Orzán, San Pedro - Rosales, Matogrande - Ofimático, Elviña - Birloque, Novomesoiro - Feáns - Pocomaco, Catro Camiños, Cidade Vella e O Castrillón), ademais de seis grupos de traballo por áreas (Emerxencia Alimentaria, Cose na Casa, Dereito a Vivenda, Apoio ao Comercio Local, Acompañamento Emocional Comunitario e Dereitos Sociais).
"É moi importante o sentimento de comunidade, de non estar soas, de non quedar desconectadas do resto das persoas", destacaban algúns dos seus integrantes nesta entrevista que publicamos en marzo. Nese momento xa subliñaban que "a crise non vai quedar nin moito menos no tema sanitario, por iso é fundamental que sigamos tecendo redes comunitarias desde os barrios, pensando tamén no momento en que deixemos atrás a enfermidade".