"A reforma sanitaria pode custar vidas"

Representantes das ONG, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

"A reforma sanitaria pode custar vidas". Deste rotundo xeito explican cinco organizacións non gobernamentais de ámbito galego e internacional os seus temores a respecto do recorte nos servizos de saúde que trae consigo o Real Decreto-lei 16/2012, a norma do Ministerio de Sanidade que ten como máximo expoñente a reforma do copagamento de medicamentos pero que trae consigo unha onda expansiva que pode ser, se cadra, aínda máis grave que o impacto económico nos petos da poboación con menos ingresos, como as persoas xubiladas. Amnistía Internacional, Médicos do Mundo, o Foro da Inmigración, SOS Sanidade Pública e Rede Acolle achegáronse este martes á sede da Xunta para, como no resto das autonomías, rexistrar ante a Presidencia do Goberno galego as 59.146 sinaturas que xuntaron como símbolo dunha esixencia: que as administracións públicas "garantan o acceso ao dereito á saúde a todas as persoas, sen regresividade nin discriminacións" o que tamén, subliñan, inclúe ás persoas inmigrantes.

Porque ese risco para a saúde do que alertan é especialmente significativo, explican, para os homes e mulleres doutros países que residen no Estado sen todos a documentación en regra. Dende o 1 de setembro estas persoas, lembran, "só serán atendidas en urxencias e nos supostos de embarazo, parto e posparto", o que na práctica "vai deixar a milleiros de persoas -unhas 20.000 en Galicia- sen acceso aos sistemas de saúde". A reforma, explican, "vai supor a interrupción de tratamentos e seguimentos e vai significar a imposibilidade de acceder ao medicamento preventivo e aos diagnósticos" para toda esta parte da cidadanía.

A ONU xa expresou a súa preocupación polas medidas de recorte e lembrou que os Estados "teñen a obriga de garantir o dereito á saúde para todas as persoas", con independencia da súa situación xurídica

Este "recorte de dereitos, sanitarios en xeral", explica unha das voceiras destas organizacións, Alicia Ares, prodúcese nun contexto no que as persoas inmigrantes son, segundo acreditan datos oficiais, "as que menos empregan os servizos sanitarios" e, no caso galego, o "turismo sanitario" contra o que o Ministerio procura loitar sinxelamente "non existe", facendo aínda, ao seu xuízo, máis innecesaria a implantación duns recortes que, ademais, advirte, contradín diversos acordos internacionais refrendados polo Estado español. É o caso, por exemplo, explica, do Pacto Internacional de Dereitos Economícos, Sociais e Culturais, "que obriga aos Estados parte a respectar, protexer e cumprir o dereito á saude sen regresividade nin discriminación".

Nesta liña é na que, salienta, xa se produciron as primeiras "advertencias" de organismos internacionais ao gabinete que dirixe Mariano Rajoy. A propia ONU, a través do seu Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais "xa mostrou en maio a súa preocupación polo Real Decreto", e "recomendoulle a España que a reforma sanitaria adoptada non limite o acceso das persoas que residen no Estado aos servizos de saúde, calquera que sexa a súa situación legal". "O Comité -abonda- tamén recomenda revisar as reformas adoptadas para garantir qeu as medidas de austeridade non diminúan o nivel de protección dos dereitos alcanzados e sexan, en todo caso, temporais e proporcionais". Nun sentido semellante pronunciáronse, tamén dende a ONU, o Comité para a Eliminación da Discriminación Racial e mais o relator especial sobre dereitos humanos dos migrantes, que "lembran que os Estados teñen obriga de garantir o dereito á saúde para todas as persoas, independentemente da súa condición xurídica e da documentación que posúan".

"Graves consecuencias" para a sáude pública e para "as persoas máis vulnerables"

A UE sinala que o recorte na atención a persoas inmigrantes é tamén arriscada para a saúde pública

Xunto á preocupación polas persoas inmigrantes en situación alegal as ONG impulsoras desta iniciativa advirten ademais de que o recorte impulsado dende o Goberno central pode traer consigo "graves consecuencias" para o conxunto da poboación e, polo tanto, para a saúde pública, xa que as "restricións no acceso á atención sanitaria" impedirán o control de "enfermidades crónicas, endémicas, brotes epidemiolóxicos ou enfermidades mentais". Esta alerta foi lanzada tamén pola Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, afirman, ente que vén de subliñar "que excluír as persoas migrantes en situación irregular da atención sanitaria pon en perigo a súa vida e o seu benestar", ademais incrementa "o custo dun futuro tratamento de urxencia" e ademais "pode supor un potencial risco de saúde para a comunidade".

Baixando ao plano concreto, a preocupación de Amnistía, Médicos do Mundo, Foro da Inmigración, SOS Sanidade e Rede Acolle céntrase, por exemplo, nas mulleres vítimas de violencia machista, as cales "adoitan acudir ao seu centro de saúde tras recibir as agresións". O mesmo, explican estes colectivos, entre cuxos membros se atopan numerosos profesionais sanitarios, acontece coas "vítimas de trata" e persoas "enfermas de tuberculose e de sida, enfermidade crónica que se non é tratada axeitadamente produce a morte".

 

Representantes das ONG, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.