A relixión na escola pública galega, en caída libre pero co mesmo profesorado

O conselleiro de Educación, nun acto co arcebispo de Santiago © Ana Varela

Un dos asuntos máis controvertidos da nova lei educativa, a LOMCE, é que a materia de relixión vai ser de oferta obrigatoria -agás no Bacharelato- e, ademais, vai computar á hora de realizar as notas medias, o que para os sindicatos educativos pode traer consigo un "efecto chamada", dado que habitualmente a súa dificultade é escasa. Se cadra este efecto da coñecida como lei Wert pode paliar unha das preocupacións da Igrexa católica no ámbito educativo, a perda sistemática de alumnado nesta materia. Galicia neste ámbito non é unha excepción; o alumnado que recibe ensino relixioso na escola pública non deixa de caer pero, non obstante, a Xunta mantén o cadro de profesorado que o imparte practicamente intacto, tamén en plena crise económica.

O alumnado baixa 15 puntos en Primaria e case 20 en ESO e Bacharelato

O Ministerio de Educación vén de publicar a edición 2014 do seu anuario, que inclúe datos correspondentes ao curso 2011-2012. Este documento amosa unha caída xeralizada do estudantado que asiste ás clases de relixión en todos os niveis educativos. Así, en Educación Primaria o seguimento da relixión católica perdeu quince puntos en dez anos, pasando dun 90,6% no curso 2001-2002 ao 75,2% do 2011-2012. No caso da ESO hai unha década ían a relixión o 63,2% dos e das estudantes e agora fano case vinte puntos menos, o 43,4%. No caso do Bacharelato a caída é tamén de case vinte puntos, pasando nun escenario no que practicamente a metade ía a relixión, o 48,5%, a que só o faga o 26,7% dos mozos e mozas que cursan BAC en centros públicos.

A relixión no ensino público galego
Porcentaxe 2001-2002 2011-2012
Primaria
Católica 90,6 75,2
Outras 0,2 0,8
Non cursa 9,2 23,9
ESO
Católica 63,2 43,4
Outras 0,1 0,2
Non cursa 36,7 54,9
BAC
Católica 48,5 26,7
Outras 0,2 0,02
Non cursa 51,2 73,3

Este descenso continuado de alumnado non implicou, así e todo, que a Consellería de Educación reducise o cadro de profesorado da materia, financiado polas arcas públicas pero elixido directamente pola Igrexa sen proceso de oposición ningún. Mentres a escola pública galega no seu conxunto perdeu, segundo datos oficiais, 1.200 docentes dende 2009, nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2014 aparece un cadro de profesores e profesoras de relixión idéntico ao existente cando o PP chegou ao Goberno: 975 traballadores e traballadoras dos que 580 desenvolven o seu labor en Primaria e 395 na ESO. A maioría están contratados a xornada completa e só 68 a media xornada e libráronse, ademais, dos incrementos horarios dos últimos anos.

A Xunta mantén o mesmo profesorado de relixión que en 2009 cun recorte orzamentario inferior ao 3%

Aínda que non todas as prazas orzamentadas están cubertas, o certo é que o profesorado do ensino relixioso líbrase tamén doutro dos grandes males da educación nesta crise, os recortes orzamentarios. Mentres que o conxunto das partidas educativas perderon arredor dun 15% dende 2009 e seguiron a ser recortadas entre 2013 e 2014, as de relixión apenas sufriron variacións. Así, nas derradeiras contas do bipartito o profesorado de relixión estaba dotado con 30,1 millóns e nas de 2014, con 29,3 millóns, igual que en 2012 e 2013. Isto implica unha redución de apenas un 2,6%, cun montante total que está por riba, por exemplo, dos 28,8 millóns de euros que financian os comedores escolares.

O conselleiro de Educación, nun acto co arcebispo de Santiago © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.