"A resistencia galega somos os traballadores"

Protesta dos organizadores das Marchas CC-BY-SA CUT

Os organizadores das Marchas da Dignidade galegas denuncian "as mentiras" da delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes, e do PP, así como o intento de criminalizar a exitosa manifestación que o pasado 22M asologou a capital do Estado de cidadáns de todos os territorios que reclamaron "pan, teito e traballo". Ante a continua vinculación que filtracións da Policía nos medios fan dos disturbios posteriores á mobilización con "radicais galegos" e incluso vinculados ao "grupo terrorista Resistencia Galega", os impulsores da columna galega cren que tan só son "unha coartada inventada sen fundamento ningún". "É un invento, un coello que sacan do chapeu que só pode crer un imbécil ou un ignorante", asegurou Manuel Caamaño, secretario xeral da CUT, un dos sindicatos organizadores da protesta.

"O de Resistencia Galega é un invento que só cre un imbécil ou un ignorante; é unha coartada policial"

O caso é que as portadas de grandes medios estatais continúan dedicando espazo a atestados policiais que atribuirían os altercados posteriores ás Marchas a uns 200 simpatizantes de Resistencia Galega ou incluso a unha "escisión" deste grupo. Teríanse trasladado "de maneira escalonada" a Madrid para evitar o control policial e serían herdeiros do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive. Entre os argumentos para vincular a violencia con estes "radicais" asegúrase que "a maioría dos detidos eran galegos" cando, en realidade, e segundo informacións xudiciais, tan só tres dos 24 arrestados naceran en Galicia.

"Menten e é patético; como se pode seguir dicindo iso cando hai atestados xudiciais que o contradín?", pregúntase Manuel Caamaño, que se concentrou xunto a outros organizadores das Marchas fronte ao Parlamento, onde se desmarcaron de todo tipo de violencia, tamén da "estrutural". "Cando se repite un milleiro de veces a mesma imaxe ou a mesma información pode haber descerebrados que o crean, pero a xente con dignidade non o pode crer porque é inverosímil", insistiu, tras atribuír estas novas á "campaña de desprestixio" contra a mobilización.

"A resistencia galega está aquí, nos traballadores, a mocidade, os estudantes e os que pasan fame"

"A tesistencia galega está aquí, nos traballadores, a mocidade, os estudantes e os que pasan fame; esa é a verdadeira Resistencia Galega, o outro é unha coartada policial", insistiu Caamaño, que anunciou que os organizadores das Marchas presentarán unha querela contra Cristina Cifuentes. "Agora ameazan con denunciar aos organizadores... De que van? Os cazadores chorando porque os paxariños van detrás deles", engadiu, logo de censurar tamén o "desmesurado despregamento policial" que encheu a capital do Estado de antidisturbios o pasado sábado. Rafael Escudero, outro dos impulsores, asegura que a actuación da delegada do Goberno en Madrid segue os principios da propaganda nazi de Goebbels, "posiblemente porque os seus principios se parecen".

Por outra banda, Emilio David Cao, un dos galegos detidos tras as Marchas, denunciou este martes o "pésimo trato" recibido pola Policía. O mozo, integrante de Estudantes sen Futuro no Carballiño, asegura que os arrestados foron tratados "como terroristas". "Criminalizáronnos, tratáronnos como auténticos delincuentes e cualificáronnos de independentistas extremistas", dixo tras asegurar que fora detido mentres se manifestaba "pacificamente".

Protesta dos organizadores das Marchas CC-BY-SA CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.