A revista 'Cafè amb llet' terá que pagar 10 mil euros por denunciar a corrupción na sanidade catalá

O proceso xa espertou a solidariedade na esquerda catalá © llibertat.cat

Cafè amb lletunha revista gratuita de Girona, realizou en febreiro de 2011 un vídeo titulado O maior roubo da historia de Catalunya no que acusaban o presidente do Parc de Salut de Barcelona e asesor de Presidencia, Josep Maria Via Redons, de promover un menor control público da xestión dos hospitais. Trátase dunha publicación moi incómoda para o Goberno catalán e no pasado xa destapou algúns dos casos de supostas irregularidades que agora investiga a Oficina Antifraude sobre contratos que benefician o empresario Ramon Bagó.

Trátase dunha publicación moi incómoda para o Goberno catalán e no pasado xa destapou algúns dos casos de supostas irregularidades que agora investiga a Oficina Antifraude sobre contratos que benefician o empresario Ramon Bagó

O vídeo denunciaba varios casos de opacidade na sanidade pública catalá que implicaban a altos cargos de CiU e poderosos empresarios afíns ao partido. Tamén se denunciaba que no hospital de Blanes e Calella están a esconder, entre outros datos, o destino de 1,5 millóns de euros públicos gastados en "informes". De igual xeito alertaba de que Ramon Bagó, ex alto cargo de CiU, recibira contratos millonarios para as súas empresas privadas directamente do ente público que el mesmo dirixía e que era imposible saber o destino dos 424.00 euros en 5 anos do apartado "gastos de protocolo e representación". Un dos asesores do presidente de Catalunya, Josep Maria Via, denunciounos por “danar o seu honor”.

O xulgado de primeira instancia número 37 de Barcelona condenou os editores da revista, Albano Dante e Marta Sibina, a indemnizar con 10.000 euros a Josep Maria Via. A sentenza obriga a retirar o vídeo da versión dixital da revista, destruír a gravación e suprimir os accesos en Internet á gravación. Ademais, esixe os editores que publiquen a sentenza na portada en versión en papel e dixital da revista.

Anuncian que nos vindeiros días farán público un novo vídeo sobre a sanidade catalá e a profunda opacidade e os intereses empresaris que se agochan detrás das medidas do goberno de CiU

Os editores afirman que "os 10.000 euros da condena son un duro golpe para unha revista como a nosa, con só dous traballadores e que vive exclusivamente da publicidade que poñen os negocios da zona. O cafèambllet non recibe subvencións millonarias da Generalitat nin contratos amañados pagos con diñeiro público". Pero Albano Dante e Marta Sibina lembran que "hai dúas semanas unha investigación confirmou que Ramon Bagó recibiu 12 millóns de euros da sanidade pública de maneira totalmente irregular" e anuncian que nos vindeiros días farán público un novo vídeo sobre a sanidade catalá e a profunda opacidade e os intereses empresarias que se agochan detrás das medidas do goberno de CiU.

O proceso xa espertou a solidariedade na esquerda catalá © llibertat.cat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.