Á rúa polo traballo nun 1º de maio con menos traballo ca nunca

Manifestación pola folga xeral en Vigo © CIG

Galicia afronta outro Primeiro de Maio. E desta vez farao tan só dous días despois de que os datos da EPA marcasen un récord histórico de número de desempregados no país. 296.900 persoas non teñen traballo nunha comunidade que foi a que incorporou máis persoas ás listas do paro no último ano e que conta con 190.000 cidadáns sen traballo e sen prestación ningunha. Serán estas "terroríficas" cifras, en palabras dos sindicatos e da oposición, as que marquen un Día Internacional da Clase Traballadora que volverá contar con variadas e diversas manifestacións envoltas en plena precampaña aos comicios europeos e na crise, recortes e precariedade que denuncian as centrais e a esquerda política.

O Primeiro de Maio chega tras coñecerse as "terroríficas" cifras do paro en Galicia, con case 300.000 desempregados

Os catro principais sindicatos do país (CCOO, UGT, CIG e CUT) sairán á rúa en distintas marchas nas principais vilas e cidades de Galicia este xoves. Comisións e UGT de Galicia chaman a cidadanía galega a dar unha resposta "masiva" contra os recortes e insisten na crítica ás políticas de austeridade impostas pola troika que "tan só provocaron paro, desigualdade, pobreza e recorte nos dereitos sociais e laborais". Por iso, reclaman "un cambio de dirección" que permita unha saída da crise "real, xusta e digna".

Baixo o lema Sen emprego de calidade non hai recuperación, os dous sindicatos estatais convocan nove marchas nas que reivindican "traballos dignos, máis cohesión social e máis democracia". Ademais, lembran o difícil que é falar de superación de crise ningunha tendo en conta as malas cifras da EPA ou que aqueles que traballan "fano en peores condicións". Aumentou a contratación a tempo parcial e reducíronse os contratos indefinidos a xornada completa, unha situación que "está a prexudicar sobre todo as mulleres". "Menos emprego, máis precario e tamén menos protección social", recordan os sindicatos, que tamén censuran as propostas da patronal por "dar noxo" e que pediron tamén unha "participación masiva" nos vindeiros comicios europeos.

CCOO e UGT piden unha resposta "masiva" da cidadanía na rúa este xoves

A CIG, pola súa banda, manifestarase en solitario e tamén claramente marcada polo contexto europeo e baixo o lema Contra a explotación e a pobreza, fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e soberanía. Neste caso, serán once as marchas que percorrerán Galicia. Nelas, a central nacionalista pretende "denunciar a situación de pobreza, precariedade e desemprego que afecta a miles de galegas e galegos", ao igual que a "masiva emigración da mocidade" provocada polas políticas "promovidas pola UE e aplicadas pola Xunta e o Goberno español". "Debemos organizarnos contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo máis xusto, solidario e democrático", di o sindicato, que lembra que medio millón de persoas están baixo o limiar de pobreza en Galicia ou que cada mes máis de 150 familias perden a vivenda.

Ante esta situación, a "conversión do ensino, a saúde, a asistencia social ou as pensións nun negocio para o capital privado", unha política fiscal "inxusta" ou as "contrarreformas laborais", a CIG aposta pola "loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema socioeconómico capitalista".

A CIG reclama "organizarse contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo máis xusto, solidario e democrático"

Pola súa banda, a CUT convoca cinco marchas en Galicia  para saír á rúa "sumando forzas na unión do sindicalismo alternativo, de clase e combativo" e ás que se unen nalgúns casos outras centrais sindicais que xa colaboraron con este sindicato nas Marchas Galegas da Dignidade. A CNT, por exemplo, celebra varias convocatorias en Galicia e comparte marcha en Compostela cunha CUT que aposta pola "non resignación" das clases populares e critica "a farsa das corporacións sindicais que deron vida ós Pactos da Moncloa" baixo o lema Unir as loitas, pola dignidade!

Precisamente, a CUT é un dos sindicatos asinantes dun manifesto polo Primeiro de Maio no que se reclama a nivel estatal "asumir o espírito do 22M". "O éxito das Marchas da Dignidade que confluíron en Madrid o pasado 22 de marzo amosou que a clase traballadora e as clases populares están dispostas a tomar a rúa", di o texto, no que se aposta por que "o sindicalismo de clase e alternativo deseñe a súa propia estratexia de loita obreira e acción sindical".

A CUT pide "asumir o espírito do 22M" e que o "sindicalismo de clase alternativo deseñe a súa propia estratexia de loita obreira"

"Nesta conxuntura histórica excepcional imponse a vertebración dunha ampla fronte obreira e popular que posibilite que amplos sectores da clase traballadora, agora desencantados e decepcionados pola traizón sindical e polo réxime nacido coa Reforma Política, volvan acreditar na nosa capacidade para enfrontar e frear as políticas dos gobernos da Troika", asegura "en síntese" un manifesto que é asinado polo SAT; ESK, Intersindical Valenciana, IAC, FSOC, Confederación Intersindical, Sindicato Ferroviario e a CUT de Aragón.

No plano político, os principais líderes de BNG e AGE anunciaron xa a súa participación nas diversas manifestacións polo Primeiro de Maio en Galicia. No caso do Bloque, e con motivo da precampaña europea, a candidata ao Europarlamento Lidia Senra, candidata ás europeas por Alternativa, estará presente en Vigo ao igual que Ana Miranda, que estará acompañada nesta xornada polo líder agrarista e histórico activista francés José Bové, que viaxa a Galicia para amosar o seu apoio coa ex parlamentaria europea, coa que compartiu grupo (Verdes-ALE) no Parlamento Europeo.

Marcada tamén pola precampaña europea, Ana Miranda (BNG) estará acompañada este 1º de Maio do líder agrarista José Bové

Candidato do Grupo Verdes-ALE á presidencia da Comisión Europea, en competencia con Jean-Claude Junker, Martin Schulz ou Alexis Tsipras, Bové participará na manifestación do Primeiro de Maio en Vigo con Ana Miranda, o portavoz nacional, Xavier Vence, e unha ampla representación do BNG, nunha xornada que rematará en Compostela, nun acto con agricultores, gandeiros e ecoloxistas. Pola súa banda, líderes do PSdeG acudirán tamén ás manifestacións que conxuntamente convocan CCOO e UGT en varias localidades.

>> Consulte aquí horarios e lugares das manifestacións:

Manifestacións polo Primeiro de Maio
  CCOO-UGT CIG CUT
Vigo Cruce Vía Norte/Urzáiz 11.30 h Doblada 11.30 h Praza Fernando O Católico 11h
A Coruña Praza da Palloza 12 h Praza de Vigo 12 h Praza Pontevedra 12 h
Ourense Pavillón dos Remedios 11.30 h Pavillón dos Remedios 12 h Ponte Romana 12  h
Compostela Alameda 12 h 12.30 Praza Roxa Porta do Camiño 12.30 h
Lugo Ronda da Muralla 12.30 h Ronda da Muralla 12 h  
Pontevedra Praza da Peregrina 12  h Praza da Ferrería 12 h  
Ferrol Praza do Inferniño 12 h Local CIG 12.30 h  
Vilagarcía Praza da Ravella 12 h Casa do Mar 12 h  
Cangas   Praza do Concello 19  h Alameda 17.30 h
A Estrada   Praza do Mercado 12 h  
Viveiro Casa Sindical 12 h    
Cervo   Fábrica Sargadelos 12.30 h  
Ribeira   Praza do Peixe 12  h  

 

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.