A Sala Yago, ocupada tras dous anos de promesas incumpridas polo Concello

Fachada da Sala Yago, ocupada Dominio Público Praza Pública

Na maña deste venres un grupo de persoas entrou nas instalación da Sala Yago, un teatro situado na zona vella de Compostela e sen actividade dendeo ano 2007. Facíano reclamando que se convirta nun "espazo cultural liberado", unha demanda que se podía ler nunha das faixas penduradas da fachada do inmoble: "Sala Yago, espazo liberado", acompañada doutras dúas: "¿Rehabilitación? Mentira" e "Violencia é non chegar a fin de mes".

A Sala Yago fora xa ocupada en novembro de 2011, tamén co obxectivo de que o emblemático teatro volvese ser un espazo cultural. Naquela ocasión a ocupación, que fora acompañada dunha variada programación cultural, rematou aos cinco días, tras unha intervención da policía antidisturbios que rematou con once persoas detidas e unha carga policial polas rúas do caso histórico compostelán.

En 2011 Conde Roa dixera lamentar que a ocupación se producira "xusto cando o Concello estaba a piques de pechar un acordo" coa familia propietaria do teatro para utilizar as instalacións

O daquela aínda alcalde, Gerardo Conde Roa, dixera lamentar que a ocupación se producira "xusto cando o Concello estaba a piques de pechar un acordo" coa familia propietaria do teatro para utilizar as instalacións e recuperar a súa función cultural. Pasaron dous anos e tres meses sen ningún avance nin anuncio neste senso e é esta promesa incumprida polo Goberno municipal o principal argumento desta nova ocupación. Nun manifesto que os activistas que se atopan no interior do teatro distribuíron polos arredores do mesmo, explican que "xa pasaron 2 anos e 3 meses e desas promesas nada de nada así que, de novo, un outro grupo de veciñas retomamos hoxe a iniciativa de recuperar, unha vez máis, este espazo para devoltarllo á cidadanía e enchelo de actividades que partan da base social desta cidade e sexan, por tanto, totalmente alleias ao mercantilismo da incultura".

"Non imos permitir o trunfo da especulación que se agocha detrás do abandono premeditado desta sala, de grande interés histórico e social, non imos deixar que caia en ruínas"

Neste texto, encabezado por unha cita de Henry David Thoreau (“A non cooperación con o mal é tan obriga moral como a cooperación con o ben”) e que se pecha dicindo "Fóra políticos das nosas vidas", engaden que "a alcaldía carece de autoridade moral para criminalizar esta nova okupación" e que "calquera persoa honrada desta cidade gobernada por ladróns, estafadores, acosadores laborais e mentideiros entenderá que volvamos a ocupar. Nunca esperamos nada de Pokemons e Pikachus pendentes de xuízo por corrupcións múltiples e variadas". Conclúen que "non imos permitir o trunfo da especulación que se agocha detrás do abandono premeditado desta sala, de grande interés histórico e social, non imos deixar que caia en ruínas. Por iso voltamos a ocupala, para recuperala, para que volva ás mans de toda a cidadanía e para enchela de novo de actividades".  

Ángel Curras afirmou que a Yago "non ten uso cultural a pesar dos numerosos intentos por conseguir recuperar ese espazo, que foron infrutuosos". E desentendeuse do asunto, defendendo que "é un tema que se circunscribe ao ámbito privado"

O actual alcade compostelán, Ángel Currás, dixo "lamentar" a ocupación, fixo un chamamento ao "civismo" e afirmou que a Sala Yago "non ten uso cultural a pesar dos numerosos intentos por conseguir recuperar ese espazo, que foron infrutuosos". Así mesmo, desentendeuse do asunto, defendendo que "é un tema que se circunscribe ao ámbito privado". Tamén comunicou que o Concello lle comunicou a ocupación do espazo ao propietario "para que adoptara as medidas oportunas ao respecto, segundo indica o protocolo de actuación nestes casos".

 

Programación Cultural provisional Sala Yago Espazo Liberado

Ao igual que na anterior ocupación, que permitiu que durante cinco días a Yago acollese palestras, debate, concertos e espectáculos escénicos, xa se fixeron públicas as primeiras actividades programadas, que comezarán este xoves.

Xoves 13
14:30. Xantar
17:00. Asamblea Aberta
18:30. “Mesa redonda sobre okupacion"
21:00. Proxección do filme Douro Faina Fluvial de Manoel Oliveira.
A partir das 22:30. Foliada, Cabaret e Variedades

Venres 14
11:00. Obradoiro de reparación Faino ti mesmx
14:30. Xantar
17:00. Proxección da Obra de Teatro: Torturadxs
19:30. Asamblea Aberta
A partir das 22:30- Timba Poética e espectáculo de Break Dance. Concertos: Pura Mestura, Furnier.

Sábado 15
12:00. Obradoiro e Xogos para crianzas
14:30. Xantar
16:30. Dinámicas de coidados para o traballo en grupo.
18:00. Proxección documental: La Voz del Gamonal, De quien es la calle?.
19:30. Asamblea
A partir das 22:30. Concertos: Folkolikos, Transxenéricas, Mars Attacks e sesión aberta

Fachada da Sala Yago, ocupada Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.